Publicado por: MontePituco | 28/04/2010

ENTREVISTA CON JOSÉ JUAN DURÁN NA DEPUTACIÓN

A Deputación de Pontevedra é a primeira institución pública en recibir a comisión técnica que impulsa a creación do ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS. O vicepresidente e delegado de Cultura, José Juan Durán, comprometeuse a canalizar as propostas presentadas a través do Museo de Pontevedra, de Turismo Rías Baixas e do Servizo de Publicacións, para estudar posibilidades de colaboración.

Polo calado desta iniciativa, que defende a posta en valor do patrimonio arqueolóxico existente nunha superficie de 84 hectáreas pertencentes aos municipios de Pontevedra, Marín e Vilaboa, José Juan Durán entende que o Museo de Pontevedra -no que se custodian gravados rupestres con miles de anos de antigüidade- podería contribuir á recuperación e estudo dos petroglifos, conxuntos rupestres e mámoas existentes nos montes de Pornedo e Sete Camiños, algúns dos cales -como certos túmulos megalíticos- están pendentes de intervención arqueolóxica. Tamén se lle poderían expoñer ao Museo Provincial proxectos de divulgación que impliquen a comunidade escolar e a poboación en xeral.

No que respecta non só a recuperación do patrimonio arqueolóxico, senón tamén á revalorización do medio ambiente e dos recursos paisaxísticos da zona, a comisión técnica expúxolle a José Juan Durán o potencial do “Espazo Sete Camiños” como lugar de esparcemento para a veciñanza dos tres concellos e como polo de atracción para o resto dos habitantes da provincia. Neste sentido, proxectos de futuro como a organización de visitas guiadas servirían para converter estes terreos nun novo recurso turístico e nun motor de desenvolvemento económico que xeraría postos de traballo directos e indirectos. De aí que se plantexe a posibilidade de expoñerlle o traballo ao organismo autónomo Turismo Rías Baixas.

A comisión técnica tamén lle solicitou información ao vicepresidente provincial delegado de Cultura sobre as canles para acceder á edición do proxecto, de guías informativas e de material audiovisual específico sobre o “Espazo Sete Camiños” a través do Servizo de Publicacións.

Na petición desta entrevista con responsables da Deputación de Pontevedra, a comisión técnica do proxecto “Sete Camiños” tivo en conta o traballo do organismo provincial a prol da conservación do patrimonio arqueolóxico, pola realización de intervencións arqueolóxicas que se remontan aos anos 70 e 80 ou a axuda aos concellos para a recuperación de achados históricos. Nos últimos anos, a Deputación de Pontevedra tamén contribuiu á promoción desta riqueza cultural entre a xente nova, mediante a posta en marcha de obradoiros didácticos, a publicación de libros e videos divulgativos. Ademais, nos Premios Provinciais que convoca anualmente a Deputación, unha das categorías está enfocada á Protección e Recuperación do Patrimonio Público.

Outro aspecto relevante é o deseño, por parte da Deputación, de proxectos presentados a convocatorias de ámbito europeo, como o programa Vías Atlánticas para a recuperación da Vía Romana XIX, ou o programa Herdanza que, aínda que non chegou a prosperar, inclúe nos seus obxectivos moitos dos principios que persegue o “Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños”: creación de infraestrutura turística, sinalización, promoción, musealización dos elementos e concienciación aos axentes sociais e económicos para que protexan os recursos patrimoniais.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: