Publicado por: MontePituco | 19/04/2010

SOBRE A MEMORIA AMBIENTAL DO PXOM

DEFENDE O MONTE PITUCO vai solicitar formalmente unha entrevista co alcalde de Marín, Francisco Veiga, para transmitirlle a valoración deste colectivo veciñal a respecto das obxeccións formuladas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ante os plans do Goberno local para instalar un polígono industrial no Monte Pituco (Pornedo). O colectivo veciñal aplaude que a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental teña en conta o ámbito de protección deste lugar, pertencente aos Montes do Morrazo, e demande un informe específico de avaliación de impacto ambiental para este emprazamento. Entendemos que, actuando con rigor, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas non debera ceder ás presións do Goberno municipal, interesado en levar adiante esta actuación malia que a propia Xunta amósase partidaria de satisfacer as necesidades de solo industrial de Marín mediante a posta en marcha dun polígono industrial no límite entre Marín e Moaña.

Por iso, a asociación vaille presentar un informe á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental detallando todos os inconvintes que presenta o Monte Pituco-Pornedo dende o punto de vista técnico, ambiental, patrimonial e social: a forte pendente do terreo, no que máis do 90% supera con creces o desnivel máximo recomendado pola Xunta para estas dotacións; a riqueza forestal e cultural da zona, na que abundan xacementos rupestres catalogados coa máxima protección e formacións xeolóxicas significativas que levaron a unha vintena de organizacións a apoiaren o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños; a abundancia de acuíferos que fornecen de auga para consumo doméstico e de regadío aos habitantes e propietarios de terreos da zona.

DEFENDE O MONTE PITUCO rexeita a pretensión do Concello de Marín de solicitarlle á Xunta a desafección desta zona do ámbito de protección que lle corresponde xustamente. Os Montes do Morrazo son unha das sete unidades de paisaxe catalogadas na memoria ambiental do Plan Xeral de Ordenación Municipal que vén de ser aprobada pola Xunta. Sería inxustificable que o Concello de Marín renunciara a conservar un espazo de gran valor ecolóxico, que prestixia o termo municipal no seu conxunto, e que configura a fachada litoral da vila en termos de harmonía entre mar e monte. Sen dúbida, a alta intervisibilidade do Monte Pituco-Pornedo, tal e como consta no Informe de Sostibilidade Ambiental do propio PXOM, faría que a instalación dun polígono industrial neste emprazamento creara un tremendo impacto visual. Solicitando a desafección ambiental do Monte Pituco-Pornedo, o Goberno local de Marín poría en evidencia a súa nula sensibilidade ambiental e deslexitimaría calquera acción que pretenda facer pasar por sostible ou respectuosa co medio.

Dende este colectivo veciñal apelamos ao Goberno local para que actúe con responsabilidade e aplique criterios de racionalidade na súa política urbanística. Posto que a Xunta parece apostar pola creación dun polígono de amplas dimensións na fronteira entre Moaña e Marín, non parece razoable que o Concello siga mantendo os seus plans industriais no Monte Pituco-Pornedo, máxime cando os dirixentes municipais argumentaban meses atrás que esta decisión era de tipo económico, polo menor custe do investimento no Pituco-Pornedo fronte ao requerido en Pastoriza. Co posicionamento da Xunta, queda desmontada esta teoría dos grupos municipais socialista e nacionalista, que veñen actuando en beneficio dos seus intereses partidarios e gobernando en contra dos seus adversarios na oposición, posto que tanto independentes como populares viñan decantándose por estudar a viabilidade de Pastoriza prevendo que o Pituco-Pornedo era insuficiente dende o punto de vista do espazo dispoñible, desfavorable polas adversidades topográficas do terreo, e inadecuado pola protección ambiental que presenta.

DEFENDE O MONTE PITUCO manterá ante todas as instancias públicas o seu rexeitamento á destrución deste espazo e defenderá tamén que o Monte de Pastoriza non resulte danado nos ámbitos de protección que lle corresponden en caso de prosperar o proxecto industrial anunciado.

Advertisements

Responses

  1. […] Quen abogou pola desafección do Monte Pornedo para que se desligara da súa lexítima pertenza aos Montes do Morrazo, catalogados como Espazo Natural Protexido polas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra? ARTIGO TITULADO “SOBRE A MEMORIA AMBIENTAL DO PXOM“ […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: