“O paraíso nesta esquina” é a exposición conxunta de Belén Padrón e José Carlos Seoane que durante este mes de xullo habitou no Espazo Nemonon de Pontevedra. Quedan apenas dous días, ata o sábado 20, para poder visitar esta mostra que non por máis dispar nas propostas de ambos artistas é menos compacta no seu conxunto polas visións tan complementarias que ofrece. Dunha parte, a cotidianeidade que rodea os obxectos representados por Seoane, entre pinturas e alzados -con precisión de estudio- nos que destaca o recurso do collage como marco contextual: papeis antigos, translúcidos, con aderezos vexetais, con costuras… Doutra banda, a suxestiva viaxe proposta por Padrón ata unha natureza exuberante, colorida e onírica.
Os propios títulos dos seus cadros son en si mesmos invitacións a deixarse levar pola imaxinación: Illa do absoluto silencio, Illa do absoluto desorde, Montañas fluentes, Magnolia definitiva, Lentes para ver o mundo, Danza acuática, Soño no planeta vermello… Neles sobresae o protagonismo da vexetación con calas voluptuosas; talos, flores e pétalos dispostos en diferentes planos; enredadeiras que acentúan a frondosidade do verxel… Mais tamén están presentes a auga e o mar no seu eterno fluír; o ceo do solpor e da noite, do luscofusco e das estrelas.
E paralelamente a esa riqueza nas formas e nas xeometrías, nas liñas e nas ondas, tamén destaca o rebordante cromatismo e a luminosidade dos lenzos: dourados, pratas e cobaltos; a gama de tonalidades solares; un verdor implícito revestido de tintes naíf. Mais tamén cómpre fixarse no simbolismo doutros elementos superpostos, máis esquemáticos e repetitivos, quizais con intención caprichosa alén do estético: os puntos e os círculos que suxiren o mandala como nexo co universo, as estrelas que mesmo bordean o bastidor, as cenefas enmarcando as escenas.
Hai abstracción na figuración, o espírito silvestre preséntase con elegancia. Hai rotundidade nos trazos e delicadeza nos detalles. E sobre todo, é posible abranguer coa ollada a inmensidade e tamén asomarse dende pequenas fiestras o máis recóndito.
Velaí a virtude deste paraíso dual.
Preciosa exposición.
By: breaseixo on 19/07/2019
at 10:22
Alégrame que che guste. Aínda queda mañá sábado para visitala, se non tiveches ocasión.
By: MontePituco on 19/07/2019
at 21:53