Publicado por: MontePituco | 09/04/2019

UN SILLÓN NO BALCÓN (DA RÍA)

Un sillón no balcón (da ría!)

Porque, indiscutiblemente, o Monte Pituco é o ‘balcón da ría’ -lema acuñado polo ex-dirixente veciñal Xan Montenegro-, alguén decidiu que a arboreda do Pituco é un bo lugar onde descansar para gozar do solpor, da néboa ou do que depare a meteoroloxía. Por iso, dende hai uns días, un sillón ofrece repouso e comodidade a quen desexe contemplar as vistas da ría e da illa de Tambo dende este enclave privilexiado, nunha das zonas de acceso ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.  

A Asociación Monte Pituco aproveita esta iniciativa anónima e espontánea para volver reivindicar ante o Concello de Marín e a Comunidade de Montes de San Xián medidas urxentes para a mellora desta arboreda, que presenta un aspecto descoidado malia ser o punto de encontro de rutas de sendeirismo, de familias que a utilizan como merendeiro e da veciñanza dos núcleos de poboación próximos que se reúne nela e dálle unha importante función social.

Así, son moitas as deficiencias que presenta esta arboreda: o volume e a densidade de vexetación pola falta de mantemento e de limpeza da contorna, así como a ausencia dun valado perimetral que evite caídas accidentais polo desnivel do terreo teñen sido algunhas das necesidades expostas repetidamente pola Asociación Monte Pituco á Comunidade de Montes. A isto engádese o perigo de desprendemento dalgunhas pólas das árbores danadas polos últimos temporais, os desperfectos nos bancos de pedra provocados por actos de vandalismo, e o feísmo que representan uns antiestéticos surtidores de auga, feitos de formigón, que ademais están desprovistos de billas.

A última agresión detectada é un verquido de terra realizado nun extremo do recinto e apisoado mecanicamente. A terra depositada presenta numerosos restos de plásticos, anacos de entullo e outros residuos, polo que se trata dunha medida medioambientalmente cuestionable, se non mesmo perxudicial.

 

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: