A Alameda Rosalía de Castro , en Marín, foi o punto de partida da ruta organizada pola Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural da contorna do Monte das Penizas, catalogada como solo rústico de especial protección forestal e patrimonial, e que abrangue as parroquias de San Xián, Mogor, O Campo e Seixo.
A primeira parada foi na Praza do Reloxo, anteriormente coñecida como Praza da Constitución, que ten como edificio de cabeceira a igrexa de Santa María do Porto, do século XVII, experimentando unha reforma barroca no século XVIII. Ao seu arredor destacan vivendas cuxa orixe se remonta ao século XVIII. Neste recuncho emblemático da vila tivo a súa sede o priorado do Mosteiro de Oseira que, desde o ano 1151 ata o 1836 coa desamortización liberal de Mendizabal e a creación do actual concello constitucional, formou un couto con xurisdición propia. Pertencíalle toda a parroquia de San Xián do Val de Marín, ou dos Encoirados, onde recaudou anualmente rendas e dezmos, tanto polos produtos agrarios extraídos da terra, como dos extraídos da ría a través da pesca e do marisqueo.
Malia que Marín como lugar estivo a maior parte da historia vencellado eclesiásticamente á parroquia de San Xián como templo matriz, segregouse desta no ano 1929 para pasar a formar parte exclusivamente da parroquia de Santa María do Porto, mentres que a parroquia de San Xián, de vocación máis rural, agraria e de montaña, pasa a ser comunmente coñecida como “Marín de Arriba”.
Na Praza da Veiguiña, antano chamada “a do peixe”, era onde se vendía o peixe traído do mar ata 1928. Nese ano, esta actividade trasladouse á Praza de Abastos nun recinto construído na proximidade, á beira do rego Lameira e preto da súa desembocadura na ría. A praza e os arredores destacan polas rúas de acceso estreitas e as construccións de pedra, algunhas dentro das denominadas “casas do pincho” e outras con entrada exterior de escaleiras ou “casas de patín”, vestixios da desaparecida arquitectura tradicional mariñeira.
As dúas prazas, a igrexa e, en conxunto, o promontorio do actual casco antigo de Marín que dá cara á marxe dereita da desembocadura do rego Lameira, forman parte do xacemento dunha antiga vila romana litoral. A maiores hai outra na contorna da actual praia de Portocelo, en Mogor.
Ao carón das ribeiras da desembocadura do rego Lameira, do que aínda se conservan os topónimos nalgunhas rúas, foi onde comezou e se foi desenvolvendo posteriormente, e desde o Medievo, o Marín portuario. No século XVIII, cando comezaba a ser a alternativa portuaria de Pontevedra, Marín posuía xa o título oficial de vila pola súa importancia como entidade singular de poboación.
O que orixinariamente era unha sucesión de areeiros na ribeira do mar desde A Almuiña pasando pola Areíña ate O Canto de Area, en dirección aos Praceres e ao fondo da ría, desaparece tras sucesivos recheos portuarios, incluídos os do Polígono de Tiro e a Escola Naval Militar, ao longo do pasado século XX ata a actualidade.
A rúa da Calzada fai referencia á antiga corredoira empedrada, xunto á que transcorría a “vrea”, que en orixe daba acceso ao antedito asentamento romano no litoral da localidade. Á beira desta rúa estivo tamén a primeira sede da casa consistorial até o ano 1860. É tamén a mediados e finais do século XIX, cando Marín empeza a adquirir relevancia como porto pesqueiro e comercial a nivel estatal.
Á beira da rúa da Calzada naceu e viviu durante boa parte século XX José Meijón, persoeiro que dedicou boa parte da súa vida a esculpir coa súa arte e ao longo do municipio, mensaxes e motivos figurativos nas rochas e todo tipo de soportes de pedra nos espazos naturais e edificacións civís e relixiosas, cunha particular e obsesiva mestura de simbolismo relixioso e ideolóxico.
A coñecida como ‘Capela Sixtina’ de José Meijón
Vista de Marín dende A Costa
O Castro da Subidá ou da Cividade, situado nun grande outeiro, lindeiro actual entre as parroquias de San Xián e Mogor, acolleu no pasado un importante asentamento humano prehistórico da Idade do Ferro cunha etapa final romanizada, que supuxo unha habitación entre os séculos IX a.C. e o I-II d.C. Cunha dimensión total dunhas 3 hectáreas, foi excavado a principios da década dos 80 do século pasado, posteriormente no 2011 e máis recentemente hai escasas datas, estando posto en valor ao redor dun 1 % da súa totalidade.
Entre as estruturas postas en valor hai que salientar os vestixios de varias vivendas circulares e unha cadrada, cunhas funcionalidades orixinarias habitacionais e como almacén. Tralas súas prospeccións arqueolóxicas coñécese que foi un asentamento fortificado onde os seus poboadores se abasteceron tanto dos produtos animais e vexetais domesticados e cultivados en terra nos arredores como dos procedentes do mar na proximidade a través da pesca e marisqueo, do que se conservou no castro os correspondentes “cuncheiros”. Tamén que tivo contactos comerciais co exterior. Acolle tamén varios petróglifos con gravados prehistóricos datados na Idade do Bronce. Pola súa croa ou parte superior acolle unha incipiente carballeira e amplas vistas panorámicas tanto do val do rego Lameira como da ría.
Ao carón do Castro da Subidá a vrea ou camiño real que, procedente do emprazamento da antiga vila romana litoral de Marín, e tras atravesar o rego Lameira pola contorna da antiga Ponte Zapal, e formando parte probablemente dunha vía secundaria romana á Vía XX “per loca maritima”, proseguía posteriormente trala Porteliña e A Brea ao carón doutros asentamentos castrexos nos actuais concellos de Marín, Bueu e Cangas, ás veces coincidinte co transcorrer da actual estrada PO-551, até achegarse finalmente ao extremo peninsular morracense, no Hio co Facho de Donón.
O Monte das Penizas, de orixe oronímica referente á grande presenza nel da pedra, enlaza a nivel físico co outeiro do Castro da Subidá a través da Porteliña como pequena porta de paso, sobe até unha altitude ao redor dos 280 metros sobre o nivel do mar e na actualidade fai a función de lindeiro entre as parroquias marinenses de San Xián, O Campo e Seixo, e antigamente das xurisdicións de Marín, a través do Mosteiro de Oseira, e de Cangas do Morrazo, a través do Cabildo catedralicio de Santiago de Compostela, respectivamente.
Está extratéxicamente situado na confluencia dos vales do rego Neibó -Loira e do rego Lameira, abranguendo a súa vista panorámica a maioría do actual municipio marinense, por unha banda, e cunha ampla e espectacular visión panorámica da maioría da contorna da ría de Pontevedra, pola outra. Desde varios puntos de observación se pode outear os montes Sobareiro e da Cova, a enseada de Bueu e o Cabo Udra, na marxe morracense, o Cabicastro na marxe exterior do Salnés e as Illas Ons na entrada da ría no horizonte; o val do rego Lameira, o alto do Pornedo e o núcleo urbano de Marín, na marxe morracense, a Illa de Tambo e a enseada do Campelo no fondo da ría e o Monte Castrove na marxe interior do Salnés; os altos de Castiñeiras, o Monte Formigoso, Outeiro de Campolongo e o val do rego Neibó-Loira e Gorgadas, dentro da península morracense.
A nivel xeolóxico destaca pola súa elevación e abrupta xeomorfoloxía granítica, con formación de cabalgamentos e pías, isolado entre formacións metamórficas ao seu redor pertencentes ao complexo Vigo-Pontevedra.
Obxecto historicamente durante o pasado de moita extracción da súa pedra para as construcións dos núcleos dos arredores e máis recentemente de plantacións forestais con monocultivos, o Monte das Penizas aínda conserva algunhas carballeiras incipientes nas súas partes máis altas e a presenza dalgún exemplar da esclerófila e emparentada sobreira no seu interior que dá mostra da sucesión ecolóxica e a climacidade da carballeira termófila dentro do hábitat de interese comunitario de carballeiras galaico portuguesas. Contén tamén mostras dos hábitats de interese comunitario de vexetación pioneira na rocha silícea e de breixeira seca europea, herdeira da utilización anterior da matogueira e durante séculos como recurso a monte baixo.
Por outra banda e a nivel cultural conserva algúns exemplos de gravados prehistóricos, como o do petróglifo da Idade do Bronce das Penizas, na parte alta, ou o da Moreira, na parte baixa, e outros máis por inventariar espallados. Na parte alta está o asentamento da Idade do Bronce de Currás, proba en conxunto de que este espazo natural xa contou coa presenza humana desde hai máis de 4.000 anos, aos que se lle pode engadir a existencia de varios abrigueiros rochosos que poderían ser utilizados e reutilizados polo ser humano desde épocas prehistóricas até datas moi recentes.
Vista do Monte Pituco (Pornedo), ao fondo, dende o Monte Penizas
O petróglifo da Moreira, dos poucos -se non o único- con presenza de muíños naviculares, está cuberto de lixo e restos de obra.
A pouca distancia dos petróglifos da Moreira, a Comunidade de Montes de San Xián sufragou a construcción dun tellado sobre unhas mesas. A obra custou 9.000€, segundo o balance de contas presentado pola directiva.
O val do rego Lameira, principal conca fluvial que atravesa a parroquia de San Xián, representa unha extensa área rústica aínda bastante conservada, paralela ao transcorrer dos varios regueiros afluentes do rego principal, parte deles cos seus mananciais nas abas do propio Monte das Penizas, ate o seu remate no núcleo urbano marinense, desgraciadamente canalizado e entubado desde hai case medio século no seu derradeiro tramo urbano, previo a súa desembocadura na ría, da que fai función de tributario e ao mesmo tempo corredor ecolóxico. Entre mosaicos de prados e cultivos de viñedo, cereais e legumes, dun grande valor paisaxístico e agropecuario, agroma nas partes incultas un excelente bosque de ribeira, onde, entre ameneiros, salgueiros e carballos, destaca a presenza da abeleira, formando pequenas abeledas, dentro do hábitat natural prioritario de bosques aluviais da Europa atemperada. Tamén son de salientar os varios exemplos de arquitectura popular e etnografía -vivendas, lavadoiros, fontes, hórreos, muíños…- que aínda se poden ver polos núcleos de poboación das inmediacións -Cidrás, A Porteliña, A Moreira, O Souto, O Sequelo-.
As principais afeccións nas últimas décadas para a contorna natural do Monte das Penizas foron os monocultivos forestais, a eucaliptización, os lumes forestais, a invasión das acacias e outras especies invasoras, as verteduras sen control de terras, lixo e entullos, as torretas e tendidos eléctricos aéreos, a construción da estrada VG-4.4 da variante de Marín, e o abandono e afección do patrimonio cultural e arqueolóxico. As principais ameazas son a reincidencia e mesmo ampliación dos monocultivos e da eucaliptización que en xeral se contempla na revisión do actual plan forestal galego e a falta dunha axeitada e íntegra protección e posta en valor ambiental, cultural e paisaxística.
En abril de 2016 a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta de Galiza que incluise o Monte das Penizas como Lugar de Especial Interese Paisaxística (LEIP) no Catálogo das Paisaxes de Galiza.
Texto: Cándido Martínez, da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
Planimetría e material gráfico: Paulo Troitiño
Fotografías do artigo: Asociación Monte Pituco
Deixar unha resposta