Publicado por: MontePituco | 25/12/2018

REGALA PRODUTOS GALEGOS

Peneira de Alcacén de Liñares

Galicia é terra de xentes emprendedoras, cunhas materias primas boísimas e moito talento para traballalas e transformalas en produtos de primeira calidade. Hai artesás e artesáns por todo o ancho e longo do país desenvolvendo proxectos en moitos sectores: alimentación, roupa e calzado, pedra, coiro e madeira traballados, cerámica, xoias… e hai axentes comercializadores desas elaboracións.

Alcacén de Liñares é unha tenda online creada por Martina Viéitez para fornecernos de produtos galegos de alimentación e de artesanía cuxos artífices son, exclusivamente, pequenas empresas e produtores locais. A orixe, a esencia e a tradición están no cerne do seu catálogo que, dende Campo Lameiro, nos achega a marcas como Bubela (pastas e cervexas ecolóxicas), Porto Muíños (algas), Caurelor (castañas e froitos do Caurel), Maruxas (galletas ecolóxicas e artesás), Volalla (marmeladas artesás) ou Pepa A Loba (viños e licores das Rías Baixas)…

“Acostumados a palabras como pesticidas, contaminación, cambio climático, desemprego, precariedade laboral… queremos tornalas por cultivo sustentable, recuperación de solos, freno do cambio climático, emprego, condicións laborais xustas”

…Toda unha declaración de intencións, respectuosa coa terra e co medio de vida dos pequenos produtores.

Peneira de Alcacén de Liñares

Neste Nadal, Alcacén de Liñares presenta unhas xeitosas “peneiras” que conteñen produtos de alimentación diversos, axustando a selección ao prezo que cada quen estea disposto a pagar, ou ás

preferencias culinarias dos seus destinatarios. Unha idea de agasallo totalmente recomendable. Nestas datas tan propensas ao gasto impulsivo e compulsivo, ao consumismo inútil e aos regalos que carecen de valor práctico e simbólico, paga a pena ter en conta este tipo de propostas: saborosas, competitivas e que redundan na viabilidade do tecido empresarial a pequena escala.

Cerámica de Alén das Olas: petróglifo de Pinal de Caeiro

E do Alcacén de Liñares, a unha iniciativa marinense e con outra muller á fronte: Alén das Olas. A súa liña de traballo baseada en motivos rupestres da nosa vila segue medrando, tanto en novos recipientes como en novas técnicas, experimentando con arxilas e pigmentos. Un prato coa recreación dos petróglifos de Pinal de Caeiro -‘O ciclista’- vén de unirse á modesta colección da Asociación Monte Pituco.

Que nunca falte tampouco a aposta polo sector editorial galego: a axenda de 2019 de Baía Edicións ilustra a súa portada co gravado rupestre de Laxe das Rodas (Muros). A obra máis recente do poeta Gonzalo Hermo ten o suxestivo título de “A vida salvaxe” e propón unha viaxe lírica aos bosques, á natureza, á paisaxe. Abofé, inspirará moitos paseos ata o ‘balcón da ría’. Como tamén as palabras de Manuel Rivas: dende a rebeldía do seu ‘manifesto’ contra a vergoña de vivirmos nun mundo contaminado, corrupto e alienado ata a súa nova novela de ficción que nos adentra nas redes do poder e do narcotráfico. Lecturas todas estimulantes e enriquecedoras para un 2019 que cómpre enfocar con ilusión, confianza e esperanza.

 

 

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: