A primeira ruta da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo neste 2018 tivo como protagonistas os montes Sobareiro e A Cova, nas parroquias marinenses de Seixo e Ardán, catalogados como solo rústico de especial protección de costas e forestal.
A importancia natural, cultural e paisaxística destas paraxes levounos por camiños, pistas forestais e vías rurais de lugares como Montecelo, Loira, A Teoira, os areais de Loira, Ribeira Pequena e Ribeira, a Illa do Santo, Casás, As Bouzas, Moledo e a Casa da Cultura de Seixo, que foi o punto de partida e de remate desta andaina, cun itinerario que coincidiu en varios treitos coa senda das praias.
Xa o paso por Montecelo permitiu comezar o paseo gozando de amplas panorámicas da ría de Pontevedra.
Primeira parada, en Montecelo
Na praia de Loira, onde desemboca o río homónimo, apreciamos a súa fronte dunar, rica en sedimentos e avifauna acuática e mariña.
Entrando no monte Sobareiro pola parte posterior da antiga fábrica de salgadura
O monte Sobareiro e o monte da Cova son consecutivos: o primeiro debe o seu nome á antiga presenza de sobreiras (fitónimo) neste lugar, mentres que a denominación do segundo ten que ver cunha pequena cala ou raxa (orónimo) en forma de entrante. Ambos conteñen unha liña contínua de cantís, penedías e abrigos rochosos con fortes pendentes e extraordinarias panorámicas da ría ata Cabo Udra e Cabicastro, co arquipélago de entre ambos, no horizonte.
Ademais de pola súa importancia litolóxica e paisaxística, este espazo destaca polo hábitat de interese comunitario de cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas, e o hábitat natural prioritario de breixeiras secas atlánticas costeiras. Tamén sobresae pola repercusión que ten a extracción de recursos mariños vencellados á actividade pesqueira.
A praia pequena de coídos e area da Ribeira Pequena, fronte ao illote Pinela, está a continuación dos cantís dos montes Sobareiro e da Cova. Os abundantes cantos rodados que se atopan neste areal son o rastro de hai 120.000 anos, no penúltimo periodo interglaciar, cando -dentro do Cuaternario- o nivel do mar estaba por riba do nivel actual. Ademais, nos últimos anos atopáronse nesta praia restos de utensilios líticos do Paleolítico.
Illote Pinela
Coídos de rocha metamórfica
Terraza cuaternaria
A praia da Ribeira ou do Santo é un hidrónimo que fai referencia á beira do mar onde desemboca o rego Teoira, tamén chamado de Malvido ou de Casás na súa parte final. Tamén alude á súa situación fronte á Illa do Santo, á que se une por un tómbolo de área que emerxe coas mareas baixas.
Repítese a abundancia de coídos, o que lle connfire a este espazo un enorme interese natural e paisaxístico que se amplía coa prolongación, cara ao sur, das praias da Coviña e Lapamán, illotes e cons, xa no límite coa parroquia buenense de Cela, tras sucesivas puntas litorais.
A Illa do Santo é outro enclave sobranceiro a nivel natural e paisaxístico, mais tamén histórico e cultural: acolle na parte sur os vestixios culturais dun asentamento castrexo da Idade do Ferro, e dun xacemento medieval na parte norte, vencellado coa pasada advocación relixiosa a San Clemente ou Santo do Mar. Xa no século XIII o xograr Nuno Treez citouno nunhas cantigas de amigo. Actualmente seguen en pé os restos abandonados dunha ermida reedificada no século XVIII.
Illa do Santo, accesible a pé coa marea baixa
Restos da antiga capela de San Clemente
[…]
San Clemenço do Mar,
se mi d’el non vingar,
non dormirei,
San Clemenço señor.
Se vingada fôr,
non dormirei.
Se mi d’el non vingar,
do fals’ e desleal,
non dormirei.
Se vingada non fôr
do fals’e traedor
non dormirei.
[…]Nuno Treez
Os montes Sobareiro e da Cova vistos dende a illa do Santo
Na illa do Santo, a parte sur ten un castro sen excavar
Nos lugares de Loira, Moledo, As Bouzas, A Teoira e Casás, dentro de solo rústico ordinario e ao arredor de solo rústico de especial protección agropecuaria, observamos interesantes mostras da arquitectura popular: casas, hórreos, fontes, lavadoiros…
Na parte baixa dos regos de Loira e A Teoira localízanse varios muíños, enmarcados en hábitat natural prioritario de bosques aluviais da Europa atemperada, dentro do solo rústico de especial protección de augas.
Muíño da Riveira, na Teoira
Sobresaen a casona, os terreos e o embarcadoiro do antigo almacén de salgadura de Punta Loira; tamén se atopa unha antiga carpinteiría de ribeira en Casás. A nivel relixioso cómpre salientar a presenza de cruceiros como o de Malvido ou o antigo cemiterio protestante de Seixo.
Praza de John Balan, en Loira
Casa natal de John Balan
Como vén sendo habitual, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo chama a atención sobre as principais afeccións para os montes Sobareiro e da Cova e a súa contorna: os problemas máis acuciantes nas últimas décadas veñen sendo os monocultivos forestais, a eucaliptización, os incendios, o urbanismo incontrolado, as verteduras ilegais de terras e lixo, o espallamento de especies invasoras e a ameaza de proxectos de parques empresariais na súa proximidade.
En abril de 2016 a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta a declaración de Lugar de Especial Importancia Paisaxística (LEIP) para o Montes Sobareiro e da Cova, dentro do Catálogo das Paisaxes de Galiza. Por outra banda, posúe as características para ser declarado Espazo Natural de Interese Local (ENIL) ou, no seu caso, Espazo Privado de Interese Natural (EPIN).
Texto: Plataforma Montes do Morrazo
Fotografías: Asociación Monte Pituco
Cartel: Fran Currás
Planos: Paulo Troitiño
Deixar unha resposta