O encoro de Eiras, construido en 1977 entre os concellos de Ponte Caldelas e Fornelos de Montes, e que abastece á área de Vigo, atópase ao 81,94% da súa capacidade, segundo o boletín hidrolóxico de Augas de Galicia do pasado 8 de xaneiro. Na primeira semana de novembro o nivel nin sequera cubría o 44% e o nivel chegou a baixar desa cifra.
Con este panorama, os concellos de Ponte Caldelas e de Soutomaior, así como a Plataforma en Defensa do Río Verdugo, celebran que a Xunta desista de acometer o proxecto do trasvase pola vía de urxencia. Dende PLADEVER seguen insistindo en poñer o foco sobre a “xestión da demanda” da auga, non no volume deste recurso: os fallos na planta potabilizadora, a inexistencia de programas de aforro do consumo na cidade olívica e no resto de localidades que se abastecen desta presa, ou a falta de medidas para aproveitar a auga da chuvia para tarefas de limpeza con algunhas das eivas que expoñen dende o colectivo ambiental.
Nesta semana PLADEVER inicia polos concellos de Moaña e Cangas unha xira de encontros con responsables municipais dos concellos afectados pola seca. Expectantes quedamos pola reacción de Abel Caballero cando peten na súa porta, tendo en conta os episodios de prepotencia cos que o rexedor vigués ten azuzado a polémica; o último deles, calificando de “intolerable” a intención do Goberno galego de renunciar á urxente tramitación do trasvase.
Fronte ás arroutadas de quen aspira a quedar sempre por riba dos demais, como o aceite sobre a auga, aínda sen ter argumentos, a Plataforma achega -lema do seu manifesto- “razóns para a des-razón”:
1. Cada pinga de auga ten a súa función no río. O transvasamento provoca un grave dano ecolóxico que afecta ás correntes, á erosión e sedimentación, á reprodución dos macroinvertebrados, á fauna acuática e aos bancos marisqueiros da ría.
2. Oitavén e Verdugo son sistemas fluviais semellantes na súa xeoloxía, orografía e réxime de secas e enchentes. Cando seca un, seca o outro.
3. A economía dos concellos afectados depende da saúde do río, pois o río é un motor económico, tanto polo seu valor como atractivo turístico e deportivo, como pola súa importancia na reprodución de especies de gran valor extractivo.
4. Existen alternativas ao transvasamento, que teñen que ver coa mellora da eficiencia, das canalizacións e dos consumos. Propoñamos unha mellor xestión da auga dende a toma en Eiras ata as billas nas casas dos veciños da comarca de Vigo.
5. A medio prazo cómpre desenvolver unha nova política de xestión das concas hidrográficas e do abastecemento. Nas concas, cómpre coidar os montes, controlar as tomas e pozos ilegais en todo o territorio. No abastecemento, é preciso levar a cabo a redución de presión da auga, impulsar unha política de economía da auga sustentable en industrias.
6. O dereito ao malgasto non pode anteporse ao dereito a ter ríos con vida e bancos marisqueiros produtivos.
7. Os transvasamentos non resolven problemas senón que xeran novos problemas nas bacías de onde se detrae o caudal.
Deixar unha resposta