Publicado por: MontePituco | 06/01/2018

A ILLA DO MONTE PITUCO

Ilustración de Belén Padrón

Velaí a illa.

Terra libre rodeada de escuma e sal,

trenzada de camiños e raíces.

Refuxio do vento,

espello das bateas,

destino dos ronseis que trazan o ceo.

Un arrecife de nubes e estrelas

por bóveda: etérea, eterna.

A hedra e o brión gardan tesouros

deitados pola marea infinda dos días.

O eco da bucina tamizado pola area

alimenta o acuífero sagrado

e o miñato espreita o fluír do pensamento.

Contémploa dende o balcón da ría

mentres apreixo o pouso sereno da poalla

no meu corazón espido.

[Ilustración de Belén Padrón]

 

 

 


Deixar un comentario

Categorías