O parque do Río Barosa -ou como di o profesor Adolfo Caamaño nun estudo sobre enclave, da Ría de Barosa- atópase no concello de Barro, a pouca distancia de Caldas de Reis, na estrada N-550. Ademais do valor natural e paisaxístico do curso fluvial, os escarpados saltos de auga, os enormes penedos e bolos graníticos, a flora de ribeira na que atopamos moitos loureiros e unha fauna na que chama a atención a presenza do lagarto arnal, destaca especialmente o patrimonio etnográfico e cultural, con 17 muíños, algúns deles restaurados pola escola-taller Camiño de Santiago-Barro.
Contabilizáronse ata 33 moas, das cales 31 foron construídas con pedra do país para moer millo ou centeo. Só dúas se destinaron á moenda de trigo porque a produción deste cereal na bisbarra era escasa e porque a pedra requerida para esta tarefa tíñana que importar de Francia, como recolle a investigación de Caamaño.
Atopamos unha parte do roteiro desbrozado para facilitar o tránsito dos numerosos visitantes que se achegan ata esta paraxe, especialmente na tempada estival, cando as altas temperaturas fan que moitos bañistas elixan esta contorna para refrescarse nas súas pozas e repoñer folgos nos muíños habilitados como bares e restaurantes.
Na parede dun deles unha placa recorda que neste espazo produciuse unha das batallas da guerra de independencia en 1809 contra os franceses, na que o batallón de Benito Godoy Araújo combateu contra unha carruaxe do Mariscal Soult.
Os coñecedores da zona fan unha división do Barosa entre Ría de Arriba e Ría de Abaixo.
No primeiro treito, con menos pendente, hai catalogados nove muíños:
-Muíño de Moldes ou de Cousido
-Muíño dos Rapaces
-Muíño de Pepa Eirín e Xosé Constenla
-Muíño da Loureira
-Muíño de Alba
-Muíño de Culleres ou Casal
-Muíño de Neto ou do Xordo
-Muíño de Palomo
-Muíño de Herdeiros da Noviña ou de Rego
Na segunda parte do roteiro son sete as edificacións:
-Muíño de Cordo
-Muíño de Belén ou dos Cheda
-Muíño do Xastre
-Muíño de Cancela
-Muíño de Cancela de maquía
-Muíño de Oubiña ou de Abaixo
-Muíño pequeño de Abaixo
Ogallá o traballo de restauración dos muíños tivera continuidade para poder restaurar as edificacións que se atopan na parte máis agreste do roteiro. Aínda que a maioría xa carecen de tellado, as estruturas semellan sólidas e robustas; sinal de que foron construídas a conciencia, malia as dificultades da orografía.
Paga a pena coñecer esta paraxe, non só como alternativa de baño ás praias masificadas, senón tamén pola importancia de afondar nunha parte importante da historia e da cultura do medio rural tradicional, derivada do cultivo de gramíneas, a produción de fariña e a elaboración do pan.
[Fonte: estudo do profesor Adolfo Caamaño]
Deixar unha resposta