Publicado por: MontePituco | 26/06/2017

PREMIO LINGUA DE OURO DE QUEREMOS GALEGO MARÍN

Reproducimos a continuación un comunicado de Queremos Galego Marín:

Foto de Queremos Galego Marín

[Foto de Queremos Galego Marín]

A Asociación Queremos Galego Marín presentou esta mañá nunha conferencia de prensa, na Alameda Rosalía de Castro, a edición do 2017 dos Premios Lingua de Ouro e Trapo e informou de que a entrega deste ano terá lugar o vindeiro sábado 1 de xullo a partir das 21h na área recreativa do Pornedo.

Con estes premios a asociación quere recoñecer publicamente o labor daquelas persoas e colectivos que contribúen á normalización da nosa lingua, cultura e medio así como tamén a dar a coñecer a aquelas persoas e entidades que a ignoran ou desprezan.
Como en anos anteriores foron moitos os nomes de persoas e colectivos que saíron á palestra para recibir o premio, mais finalmente as persoas que facemos parte da asociación decidímonos polos seguintes:
· O Premio Lingua de Ouro na categoría individual este ano será para Rafael Quintía Pereira. Este pontevedrés, veciño da parroquia de Salcedo, é un coñecido e recoñecido antropólogo, economista, escritor e músico que traballa desde hai moitos anos no campo da investigación e a divulgación da etnografía, historia, cultura e antropoloxía social e cultural de Galiza.

Rafael Quintía tamén é un habitual da programación da Asociación Queremos Galego Marín con quen presentou o anuario “Fol de Veleno”, os seus libros, “Alicornio. O poder do corno de unicornio na mediciña tradicional galega” e “Análise estrutural e simbólica do mito da moura”, este último gañador do premio Vicente Risco de Ciencias Sociais do 2015. Tamén compartiu coa asociación a súa sabedoría sobre os ritos da morte na cultura galega.

Recibe este premio Lingua de Ouro porque ademais de valorizar e dignificar o noso patrimonio material e inmaterial, na súa vida e nos seus traballos de investigación emprega o galego como lingua vehicular.

· O Premio Lingua de Ouro na categoría de colectivo este ano será para a Asociación Monte Pituco. Este colectivo, que naceu a raíz da ameaza que supuña para o patrimonio e o medio o proxecto de instalación dun polígono industrial no monte Pornedo, é unha das asociacións que máis teñen contribuído nos últimos tempos na divulgación do patrimonio que atesoura o concello de Marín. Concedémoslle pois o premio Lingua de Ouro colectivo como un merecido recoñecemento polo seu imprescindíbel labor na defensa do monte Pornedo e do seu patrimonio natural, paisaxístico e patrimonial e porque para facelo empregou o galego como lingua de traballo.

Queremos ademais parabenizar publicamente a esta asociación por conseguir nas últimas semanas unha sentenza que lle ordena á Xunta de Galiza a retirar o proxecto de polígono no monte Pornedo do seu plan de áreas industriais.

· O Premio Lingua de Trapo este ano está destinado ao Concello de Marín para que repare un pouco no trato que lle dá á nosa lingua.

Neste sentido cómpre lembrar como por exemplo o proxecto Marín2020 estaba redactado só en castelán. Como o concelleiro de deportes, Antonio Traba Miñones, cada vez que presenta unha actividade deportiva nunha conferencia de prensa emprega única e exclusivamente o castelán. Como tanto na páxina web ou de Facebook do concello é normal atopar numerosas faltas de ortografía, ou como na última campaña informativa sobre a tenza de animais, nos soportes utilizados había unhas grallas ortográficas que de ser unha proba escolar merecería un suspenso.

Por todo isto, desde a Asociación Queremos Galego Marín reclamamos no pasado e seguimos a reclamar no presente que desde o Concello de Marín se tomen en serio o galego e contraten un servizo de normalización lingüística que poña os piares para mellorar a situación e uso do galego en Marín.

Neste acto, no que colabora o Concello de Marín, as persoas e colectivos premiados recollerán unha figura realizada polo taller de cerámica marinense Alén das Olas.

Cartel de Queremos Galego Marín

Dende a Asociación Monte Pituco (Pornedo) queremos expresar o noso fondo agradecemento por este recoñecemento. Hónranos moito compartilo con Rafael Quintía, con quen compartimos moitas horas de traballo formando parte da comisión técnica do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Foi unha etapa de intenso traballo e de moita aprendizaxe.

Por suposto, facemos extensible a invitación de Queremos Galego Marín ao acto de entrega dos premios, este sábado 1 de xullo ás 21:00h na arboreda do Pornedo, a carón da estrada de San Xulián-Figueirido, para que acudan tod@s os amig@s do ‘balcón da ría’.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: