A Asociación de Propietarios de Monte Privado do Morrazo rematou cunha andaina a primeira edición dunhas xornadas que abordaron a situación actual e as perspectivas de futuro do monte galego, o carácter multifuncional deste territorio dende o punto de vista dos distintos tipos de plantacións que pode acoller, os requisitos para optar á certificación forestal da madeira, e os dereitos e obrigas legais aos que se deben someter os propietarios.
Dende o recinto da festa de Pastoriza, o itinerario discorreu polos montes de Ardán no termo municipal de Marín, no seu linde cos concellos de Bueu e de Moaña. Os puntos máis interesantes do roteiro discorreron inicialmente polos altos da Carballosa e de Agudelo, que xa visitaramos en xuño de 2016 coa Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo.
Vistas dende Outeiro da Carballosa cara á ría de Pontevedra, co arquipélago de Ons no horizonte
Panorámica dende Outeiro da Carballosa cara á ría de Vigo, con Coto do Home na imaxe da esquerda e as obras de ampliación do Corredor do Morrazo na fotografía da dereita.
Lousa marcada coas iniciais da Comunidade de Montes de Ardán
Non por máis sabido nos resultou menos sorprendente volver comprobar ao pé do terreo a abafante infestación de eucaliptos que sofren, padecen e soportan os montes do Morrazo, tanto polo rebrote de árbores taladas como polas novas plantacións que puidemos observar en distintos puntos ao longo do camiño… En puntos de interese paisaxístico como no Alto da Carballosa, a altura das plantas xa non permite divisar a silueta das rías de Pontevedra e de Arousa cara ao norte.
Vista do arquipélago de Ons dende o Alto de Agudelo, coa illa de Sálvora ao fondo
Marca de delimitación parroquial
Outra das paradas do roteiro foi no marco da Porteliña.
A andaina tivo tamén un enfoque cultural, con explicacións sobre as orixes e a historia de determinados elementos patrimoniais que se atopan nesta contorna. As ruínas da capela de San Lourenzo, do século XVII, están ubicadas no monte do mesmo nome, no límite entre as parroquias de Ardán e Cela.
Outra plantación de eucalipto que atopamos no itinerario, nun pequeno claro en pleno bosque. Cada planta de eucalipto, marcada cun pau.
…E tamén a carón mesmo da mámoa de Furna de Arcas, que está nunha fermosa carballeira, outra plantación recente de eucalipto!
Na mámoa dos Mogos ou Furna -ou Forno- de Arcas lembramos o valor do patrimonio megalítico, tan presente na bisbarra do Morrazo; a estrutura destas construccións funerarias e o que se coñece dos ritos de enterramento ancestrais. Aínda que os ortostatos foron aproveitados para labores de canteiría e mesmo quedan marcas das cuñas, este túmulo aínda conserva algúns esteos do primitivo dolmen.
No traxecto de volta ao punto de partida da andaina tamén pasamos polo nacemento do rego das Gorgadas, afluente do río Loira.
Vivenda no núcleo rural de Pastoriza
A andaina rematou no miradoiro de Sobroso, en Pastoriza. É chamativo que, cunha paisaxe tan fermosa, a xente perda a perspectiva do realmente importante: en vez de admirar a panorámica da ría, a vexetación típica da matogueira autóctona, e gozar do solpor, o maior interese dunha parte do público era averiguar onde se atopaba o ‘famoso’ banco que o Concello de Marín puxo de moda coa campaña de marketing que acompañou a posta en marcha da Ruta dos Cinco Miradoiros -na que o Pornedo, por certo, foi desprezado-. O artificial primando, por desgraza, sobre o natural.
Un afeccionado ao aeromodelismo, probando un trebello voador
A illa de Tambo, co monte do Pornedo e o Alto da Encavada
Deixar unha resposta