Publicado por: MontePituco | 14/03/2017

ROTEIRO POLOS MONTES DO HÍO

Roteiro pola protección dos Montes do Hío

No último roteiro deste inverno organizado pola Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo visitamos os monte do Hío, nun traxecto de ida e volta que nos levou dende as areas da praia ata os enormes penedos que coroan a bisbarra.

Seguindo a senda municipal do litoral e o GR-59 da Ecorrota do Morrazo, tamén pasamos polos lugares de A Coviña, Outeiro Negro, Monte do Castro, A Cruz de Castro, As Covas, A Fontenova, A Cruxa, A Fanica, Facho de Hío, Outeiro Batente, A Fanica, A Castiñeira, Igrexario, A Fontenla e Liméns, para rematar na explanada do Frendoal.

Precisamente, a pé de praia destaca o complexo dunar da Enseada de Liméns, un dos máis importantes da comarca e da provincia, que pertence ao espazo natural Barra e Cabo Home, e que está catalogado como chan rústico de especial protección de espazos naturais polas Normas Subsidiarias de Planeamento da provinvia de Pontevedra.

Praia de Limens

Na praia de Liméns, en Cangas

Pasada a ponte antiga de pedra que atravesa o rego de Liméns na súa embocadura, está a calzada empedrada que sobe pola Coviña, con gravados rupestres da Idade do Bronce.

Petroglifo que sobre pola Coviña, preto de Liméns

Petroglifo que sobre pola Coviña, preto de Liméns

Chegamos a Monte do Castro que acolle, como o seu nome indica, un asentamento castrexo da Idade do Ferro, inventariado e catalogado como Patrimonio Cultural de Galiza. Está situado a 150 metros de altitude sobre o nivel do mar, entre as enseadas de Liméns e de Barra. A zona presenta numerosas penedías graníticas, pías, alvéolos, cacholas e vestixios dalgún petróglifo da Idade do Bronce. Ademais, posúe unhas impresionantes e amplas vistas panorámicas da entrada da ría de Vigo.

Subida ao Monte do Castro, nos Montes de Hío.

Vistas dende o Monte do Castro, nos montes de Hío.

Dende o Monte do Castro, nos montes de Hío.

DSC_0188

Vistas dende o Monte do Castro, nos montes de Hío.

Outro dos elementos interesantes do percorrido foi o tránsito pola monumental calzada empedrada da Fanica, de gran valor civil e etnográfico.

Vistas dende o lugar da Fanica, nos montes do Hío.

E novamente as vistas panorámicas volveron deixarnos abraiados da beleza da nosa paisaxe. No alto de Outeiro Batente, coa súa caseta de vixianza do Facho de Hío, está a unha altitude duns 241 metros sobre o nivel do mar; trátase pois do punto máis alto de toda a subpenínsula da parroquia do Hío- anexa á península do Morrazo polo Viso, entre o humidal da Lagoa de Vilariño e o complexo dunar de Liméns-.

Vistas de Cíes dende Outeiro Batente, nos montes de Hío.

DSC_0194

Cándido Martínez, da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo

Neste alto tamén se localizan petróglifos, como o do Alto da Serra, datadi na Idade do Bronce, e xacementos que se remontan ao neolítico e o medievo, como o da Cova da Loba e o Corral de Barra.

Dende Outeiro Batente tamén se poden divisar os montes da parroquia en toda a súa extensión, así como as entradas das rías de Vigo e de Pontevedra a través da Enseadas de Barra e de Aldán, respectivamente.

A paisaxe é espectacular, dominando sobre o complexo dunar de Nerga-Barra e Cabo Home ata o Facho de Donón, que pertencen ao espazo natural protexido pola Rede Natura da Costa da Vela. En fronte pódese gozar da impoñente silueta das Illas Cíes, que forman parte do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas.

Pola marxe que dá á Enseada de Aldán, vense unhas non menos fermosas panorámicas da Serra da Madalena e do Monte Borrallido, do espazo natural protexido pola Rede Natura de Cabo Udra, e das Illas Ons ao fondo, igualmente incluídas no Parque das Illas Atlánticas.

Os montes conteñen varios hábitats de interese comunitario -vexetación pioneira na rocha silícea, breixeiras secas europeas, vexetación oromediterranea con presenza de toxeira e xesteira, carballeiras galaico portuguesas, bosques aluviais e brañas húmidas atlánticas-.

Xa en Hío, foi obrigada a parada diante do núcleo rural do Igrexario, con mostras de arquitectura popular e civil. Un dos monumentos máis sobranceitos neste punto é, a nivel relixioso, a igrexa románica do século XII de Santo André e o famoso cruceiro de estilo barroco de finais do século XIX.

Portal da casa parroquial de Hío

Interior da casa parroquial do Hío.

Cruceiro e igrexa do Hío.

Cruceiro do Hío.

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo as principais afeccións para os montes da parroquia do Hio nas últimas décadas foron os monocultivos forestais, a eucaliptización, os incendios forestais, as cortas indiscriminadas, a falta de silvicultura, o espallamento de especies doutras especies de flora invasora, as canteiras, as verteduras de terras e entullos, a instalación de antenas de telecomunicacións e os novos viais de acceso ás mesmas, a colocación de torretas e cableados aéreos de tendido eléctrico, a instalación de pozas de auga contraincendios, a presión urbanística residencial e o abandono e falta de posta en valor do patrimonio cultural.

Narcisos, no núcleo rural do Hío

 

Preto do núcleo rural de Liméns

De cara ao futuro, a Plataforma segue advertindo contra a persistencia dos monocultivos forestais e da eucaliptización. Mais tamén da existencia dunha solicitude para instalar unha grande antena de telefonía móbil por parte da multinacional France Telecom na área de protección do Monte do Castro.

Estrutura para a instalación dunha antena, no Monte do Castro

En marzo do 2012 a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta de Galiza que os montes da parroquia do Hío, como corredor ecolóxico, figuraran como espazo ampliable á solicitude de ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que, a nome de Montes e Carballeiras do Morrazo, acollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e o Carballal de Coiro.

En xullo de 2015 a Plataforma solicitoulle tamén ao Concello de Cangas para estes montes a catalogación de Espazo Natural de Interese Local (ENIL). En abril de 2016 solicitoulle á Xunta de Galiza a clasificación para estes montes de Área de Especial Importancia Paisaxística (AEIP) así como varios Lugares de Especial Importancia Paisaxística (LEIP) para o Monte do Castro, Outeiro Negro, Alto da Fanica, Outeiro Batente, Outeiro da Vela e Outeiro das Hedras, dentro do Catálogo das Paisaxes de Galicia.

Palco para a festa do Entroido en Liméns

No núcleo rural de Liméns

[Texto, adaptación do artigo de Cándido Martínez para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo / Fotos, Asociación Monte Pituco]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: