Vimos de participar en Moaña nunha xuntanza impulsada polos colectivos ecoloxistas Luita Verde y Erva, co lema “Contra a eucaliptización do país”. Crear unha rede de colectivos a nivel autonómico para poñer en valor os montes galegos a través da súa xestión racional respectando a paisaxe e a biodiversidade, e elaborar unha resposta común para frear a implantación do eucalipto son os obxectivos primordiais desta iniciativa.
Participaron preto dunha vintena de representantes de asociacións do suroeste galego e persoas a título individual que durante as case tres horas que durou o encontro puxeron en común ideas e propostas de traballo enfocadas a evitar o que Erva sospeita que se nos botará enriba no futuro: o abandono de entre 250.000 e 300.000 hectáreas de terreo -moitas delas polo peche de explotacións lácteas- que se acabarían dedicando á plantación de eucalipto.
O voceiro de Erva, Pedro Alonso, advertiu que isto tería unha incidencia “gravísima” nos montes e nas terras agrarias, posto que uns terreos que actualmente son fértiles converteríanse en solo forestal.
Tanta é a expectación e as expectativas que esta primera cita está suscitando noutros colectivos espallados polo resto de Galicia que, nas próximas semanas, vanse celebrar máis asembleas coma esta en cinco bisbarras. Se esta rede de colectivos consegue callar e artellarse, cousa que sería o máis desexable, dende Erva calculan que en aproximadamente mes e medio xa se podería convocar unha xuntanza de ámbito galego.
E como é che chegamos a este extremo, que miremos a onde miremos non vexamos máis que eucaliptos? Erva e Luita Verde sosteñen que a eucaliptización de Galicia é o resultado dunha “alianza” entre un lobby promovido por Ence e os responsables da política de montes desenvolvida polo PP durante o tempo que dirixiu o Goberno galego.
Tamén advertiron que trala revisión do Plan Forestal de 1992 a Xunta deu “patente de corso” para que primase un modelo “monte-industria”, capitalizado pola empresa Ence. A partir de agora, e aquí vén o máis preocupante, comezaría unha nova etapa cara a outro escenario onde xa se vai afectar “ao máis íntimo” -na expresión que utilizou Pedro Alonso- dos recursos do noso país.
Por riba, a presenza do eucalipto exténdese mesmo ata áreas da Rede Natura. O voceiro de Luita Verde e da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, Cándido Martínez, criticou que os espazos protexidos en Galicia só cobren o 13% do territorio galego, cando a media de áreas protexidas a nivel estatal ronda o 27%. De aí que animase a incluir na futura táboa reivindicativa que saia destes encontros un punto referente á ampliación da Rede Natura ata polo menos o 22%.
Entre os participantes nesta primeira xuntanza había representantes de organizacións vencelladas non só ao movemento ecoloxista, senón tamén ao sindicalismo agrario, ao eido cultural e educativo, ao monte comunal e tamén propietarios de monte privado.
Apostar pola re-educación da sociedade botando abaixo os argumentos da industria madeireira e enerxética sobre as vantaxes da plantación de eucaliptos, actuar no plano político para que se chegue a pór en marcha unha lei de ordenación de usos das terras, e propoñer alternativas ao cultivo de eucalipto foron algunhas das propostas que xurdiron nesta primeira toma de contacto.
Tamén se falou da necesidade de involucrar os concellos no control da masificación do eucalipto. Como exemplo, a Irmandade Illa de Tambo anunciou a súa intención de trasladar aos municipios de Moaña, Cangas, Bueu e Marín unha moción que vén de aprobarse por primeira vez en Poio, co voto unánime da Corporación municipal, a través da declaración do eucalipto como “especie invasora”.
Haberá que ficar atentos a como evolucione esta nova iniciativa e seguir apostando por uns montes multifuncionais, sostibles e respectuosos coa biodiversidade.
Deixar unha resposta