Publicado por: MontePituco | 21/02/2017

CHARLA DE ÁLVARO ARIZAGA NO ATENEO

Charla de Álvaro Arizaga no Ateneo Santa Cecilia

Reproducimos a nota informativa do Ateneo Santa Cecilia sobre a charla que organiza o xoves desta mesma semana. O arqueólogo Álvaro Arizaga atopa na sala do Ateneo a atención que non se lle dispensou no Pleno deste mes de febreiro, ao non aprobarse a urxencia da moción na que estaba prevista a súa intervención. O lema da conferencia é ben elocuente: “O patrimonio cultural de Marín: unha situación de urxencia”.

…Porque en situación de urxencia se atopa. Ou máis ben, de auténtica emerxencia. E malia que nesta bitácora levamos ANOS mallando no mesmo cravo, facéndonos eco das advertencias deste arqueólogo e profesor da Escola de Restauración, tivo que producirse unha agresión ao patrimonio arqueolóxico -os danos no conxunto rupestre da Carrasca e na área de cautela no xacemento do Pornedo, entre outros atentados recentes no castro da Subidá ou mesmo nos petroglifos de Mogor- para que este asunto comece por fin a tomarse ‘un pouco’ en serio. Mais non abondo en serio como para marcar prazos, nin prioridades. A Corporación Municipal aprobou desenvolver un Plan de Protección do Patrimonio que adolece dos mesmos erros que se veñen denunciando dende que a Asociación Monte Pituco e o propio Álvaro Arizaga comezaron a sentarse coa alcaldesa de Marín e con diversos concelleiros para poñer sobre a mesa cal é a ‘nai’ de todas as batallas: a lamentable catalogación arqueolóxica do PXOM. E se non se comeza por aí, nada paga a pena porque será papel mollado e tempo perdido.

Quen o queira ou poida entender, que o entenda. E quen non, que siga felicitándose/auto-enganándose na prensa e nas redes sociais dese presunto logro. Que mentres, a casa seguirá sen varrer.

O arqueólogo marinense Álvaro Arizaga Castro, profesor na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, impartirá unha charla este xoves a partir das 20:00 horas no Ateneo Santa Cecilia, co lema «O patrimonio cultural de Marín, unha situación de urxencia». “A urxencia no patrimonio cultural é moi grave e os riscos con inminentes”, ten advertido este profesional nunha recente carta aberta ao Concello de Marín.

Arizaga vén advertido dende hai varios anos aos responsables municipais  -a través de varios informes- da necesidade de abordar unha fonda revisión do catálogo arqueolóxico do PXOM, no que todos os elementos inventariados están “mal localizados e insuficientemente protexidos”. A xuízo deste arqueólogo e profesor, as deficiencias que presenta o planeamento urbanístico dende o punto de vista patrimonial fan que sexa “o peor, con diferenza, de todos os plans urbanísticos recentes” do que teñen referencia os expertos.

A raíz das agresións cometidas sobre os conxuntos arqueolóxicos da Carrasca e do Pornedo -o primeiro danado e o segundo a piques de resultar afectado- como consecuencia duns traballos de desbroce encargados pola comunidade de montes, a Corporación Municipal de Marín aprobou a elaboración dun Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico. A posta en marcha dese plan, segundo Álvaro Arizaga, é “urxente” para evitar futuros atentados contra o patrimonio arqueolóxico como consecuencia de tarefas forestais incontroladas como as sucedidas en San Xulián e mais no castro da Subidá recentemente, para perseguir actos vandálicos como os que o pasado verán se produciron nun dos petroglifos de Mogor, ou para frear o ataque das termitas no Templo Antigo de Marín, entre outros exemplos preocupantes.

Abundando no seu compromiso coa historia, coa cultura e co patrimonio de Marín, o Ateneo Santa Cecilia organiza esta conferencia facendo un chamamento á participación da veciñanza e dos colectivos que comparten esta sensibilidade; así como daqueles que desexen coñecer a situación actual na que se atopan os xacementos e as medidas propostas con criterios profesionais por Álvaro Arizaga para contribuír á súa preservación.

 

 


Respostas

  1. […] CHARLA DE ÁLVARO ARIZAGA NO ATENEO (febreiro 2017) […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: