Participamos na II Andaina ‘Marabillas na casa’, no marco da VIII San Silvestre – Subida a Castro, organiza pola Asociación de Veciños Serraseca, coa contribución de José Francisco Gil Dopazo coordinando a sinalización do itinerario da ruta.
Con saída dende o Alto de Castro, visitamos o Monte Teixugueiras, situado na parte alta da praia de Mogor; chegamos ao Castro da Subidá, dende onde volvemos admirar o Monte Pituco situado xusto en fronte do poboado castrexo; e percorremos o Monte Penizas, dende onde tamén puidemos gozar de excelentes vistas, antes de retornar a Castro atravesando sendeiros entre veigas e bosques na zona de Currás.
Aínda que fomos sempre os pechacancelas do grupo -agardamos que isto non amolase nin fose motivo de inquedanza para os promotores do roteiro- pola nosa teima en camiñar de vagar, fotografando as ‘marabillas’ e os recunchos que nos parecían interesantes, as plantas e os cogumelos do lugar, ou as paisaxes tanto da ría como do rural, cómpre felicitar a organización por esta iniciativa: por combinar deporte e cultura, por contribuír á cohesión da veciñanza nunha xornada de confraternidade na que non faltaron os callos nin as tortillas cos que os esforzados corredores e os trotadores de camiños puideron repoñer enerxías.

Monte Teixugueiras

Vista de Mogor dende Monte Teixugueiras

Lavadoiro do Souto, a carón do Monte Teixugueiras

Gravado -de orixe hipoteticamente medieval- preto do castro da Subidá

Gravado de José Meijón na croa do castro da Subidá

Posible entrada ao castro da Subidá


Vista de Mogor dende o castro da Subidá

Dende o Castro da Subidá puidemos gozar, por enésima vez, das vistas do Monte Pituco (Pornedo), situado xusto diante desde enclave prehistórico.

…E tamén dende o Monte Penizas!



Vista do Monte Pituco, ao fondo, dende Penizas

Vista de Pardavila, San Xulián e, ao fondo, o Monte Pituco (Pornedo)
En Penizas visitamos un petroglifo catalogado que, por desgraza, está nunha situación de total abandono, rodeado de vexetación seca, especies pirófitas e cun toro de piñeiro caído enriba da propia laxe. Así ‘mantén’ o Concello de Marín o seu patrimonio arqueolóxico. O patrimonio arqueolóxico que sae do ‘politicamente aceptado’: castro da Subidá e petroglifos de Mogor. Para as concellerías de Cultura e de Turismo, o demais ‘non existe’…


Nesta planicie, situada en Penizas, hai catalogado un xacemento do Calcolítico.






Vistas dende Penizas, co arquipélago de Ons no horizonte

Antigas trincheiras para adestramento militar
E despois dun atallo a través de camiños e corredoiras no lugar de Currás, retornamos ao Alto de Castro, ao pé do acceso a unha vivenda centenaria, cun magnífico portal de madeira e cunha preciosa armela forxada… Que cousas bonitas se facían antano.
Abofé, unha ‘marabilla na casa’!





Deixar un comentario