Os plenos non é como empezan, senón como rematan. E para mostra, esta sesión de setembro, despachada nun par de horas.
Trala aprobación do borrador da acta do pleno do mes pasado, tocaba debatir sobre a aprobación da Conta Xeral do Orzamento de 2015, que saíu adiante cos votos a favor do PP, fronte á abstención da Marea e do Bloque, e os votos en contra do Psoe.
Dunha banda, o concelleiro da Marea Xosé Manuel Dopazo criticou que o Concello careza do certificado dixital do que xa teñen que dispoñer empresas e entidades para facer trámites con Facenda. A maiores, o Bloque reprocháballe ao grupo de Goberno a ausencia de equipamentos como o centro cultural ou a nave de deportes náuticos mentres que “o que se fai no Concello non é con recursos propios, senón a base de subvencións”.
Replicoulles o edil de Facenda, Manuel Santos, que se reducira a débeda do Concello e que o orzamento municipal se executara “case ao 100%”, como proba de “boa xestión e boa saúde económica” desta Administración local.
Aprobouse por unanimidade o terceiro punto sobre a proposta de Santos Costa -agora na faceta de concelleiro de Urbanismo- para aprobar o expediente de deslinde dos bens de dominio público marítimo/terrestre, no treito de costa de 10,4 quilómetros pertencentes ao Concello de Marín, agás o treito que ocupa a Escola Naval Militar.
A única observación foi da nacionalista Pilar Blanco para advertir que o asunto dos núcleos do litoral non está de todo zanxado, polo que lle reclamou axilidade ao Concello cando chegue o momento de abordar os trámites necesarios.
O seguinte punto trataba sobre a aprobación definitiva do proxecto “Mellora da estación de bombeo do Lameira” incluído no convenio coa Xunta en materia de infraestruturas hidráulicas. Aprobouse cos votos a favor do PP, Bng e Psoe, fronte á abstención da Marea.
A socialista Luz Santiago pediu “celeridad” nunha tramitación que xa se remontaba ao ano 2010. Pilar Blanco advertiu que “a este ritmo” habería que facer unha addenda ao proxecto e criticou que no Concello “non se respira demasiada ansiedade” porque esta actuación avance. A diferenza da concelleira do Bloque, o edil da Marea Aarón Franco cuestionou que este proxecto fose redundar no saneamento da ría.
Rematou o debate a concelleira de Medio Ambiente, Marian Sanmartín, que calificou de “paso importante” o que suporía esta obra para o saneamento da ría. E sobre a retirada do colector que atravesa polo medio o cauce do Lameira demandada polo Bng, a concelleira popular asegurou: “Que máis quixeramos nós que quitalo”. Sen embargo, atribuíulle aos técnicos a decisión de priorizar a orde na execución das obras previstas no plan de saneamento da ría.
Por último, tratouse unha moción do concelleiro do Psoe Juan Muradas sobre o incumprimento dos horarios por parte da empresa que presta o servizo de autobús interurbano: Muradas sinalou que existen “quejas” dos usuarios da ruta Marín-Pontevedra e Marín-Montecelo, sobre todo na fin de semana, e pediulle ao Goberno local que lle encomendase á Policía local a vixiancia da frecuencia das viaxes, personalizando esa misión nun “destacado miembro de la Policía local para que lo haga en sus paseos matinales”.
O concelleiro de Tráfico, Estévez Salazar, negou que no Concello se recolleran queixas dos usuarios e acusou a Muradas de basear a súa moción nunha experiencia persoal comentada nunha comisión informativa.
O edil do Bloque ratificou as queixas de Muradas baseándose en que o servizo é “cada vez máis deficiente e o billete máis caro”. Sandra Pesqueira, da Marea, amosou a súa estrañeza porque o edil de Tráfico “non escoitara as queixas, porque as hai” e abundou nas “deficiencias” que presenta o servizo, mesmo no que respecta ás conexións das parroquias do rural, a falta de claridade dos propios horarios e outros inconvintes que fan que a cidadanía “opte polo uso do automóbil”, co que conleva na maior taxa de accidentes, no incremento da contaminación, nas dificultades circulatorias no ámbito urbano, entre outras consecuencias derivadas deste modelo insustentable. Ademais, instou as concellerías de Tráfico e de Medio Ambiente a coordinarse entre si, e ao Goberno local a poñer en coñecemento da Xunta esta problemática.
Pero foi máis aló ao tratar de ampliar a moción do Psoe con outras propostas: o aumento das frecuencias do bus na fin de semana, a recuperación do Noitebús, a normalización das rutas para as parroquias e a mellora do servizo Marín-Cangas, a implantación de bonificacións para xubilados, estudantes, parados e persoas en risco de exclusión, ou a mellora do servizo de atención ao cliente.
Finalmente, como Muradas non quixo incorporar as súas achegas a esta moción, a concelleira da Marea anunciou que presentaría unha moción propia e con esta amplitude temática no próximo pleno.
E chegou por fin o momento da polémica cando os tres grupos da oposición propuxeron unha moción urxente sobre a situación na que se atopan os traballadores de Urbaser a propósito do proceso de elaboración do novo prego de condicións para o servizo de recollida do lixo. No pleno atopábase unha delegación de traballadores que portaban unha pancarta de CCOO co lema “Polo mantemento dos postos de traballo da recollida do lixo. PP-Alcaldesa de Marín: Solución!”.
Os acordos que ía propoñer a moción consistían en que “os custos de explotación da man de obra” recollidos nos pregos de contratación do servizo de recollida, transporte e tratamento dos residuos sólidos urbanos de Marín non fosen “inferiores ao custo dos salarios anuais da totalidade da plantilla actual” e tiveran en conta un incremento salarial aproximado do 20% nos próximos anos; que unha vez que os pregos incluíran a normativa de subrogar o cadro de persoal se incorporase a “obrigatoriedade de manter o volume da mesma durante a totalidade da vixencia da concesión”; que fose obrigatorio manter “no termo municipal de Marín” as instalacións fixas e o centro de traballo; e as características espefícas da plantilla en canto a modalidade de contrato, xornada anual, horas semanais, xornadas semanais, categoría profesional e antigüidade.
A petición da oposición, María Ramallo ía acceder a que intervise un representante sindical; un extremo ao que a oposición se negou porque primeiro querían que se votase a urxencia da moción. Pilar Blanco reprochoulle á alcaldesa que se o voceiro dos traballadores interviña non era pola xenerosidade do PP senón pola aprobación dun regulamento de participación cidadá impulsado polo antigo grupo municipal de Marinenses Independentes, e que fora votado por todos os grupos da actual Corporación: “Quen ten a lingua aguda ten a costela dura”, unha frase que ultimamente Pilar Blanco non saca da boca… [‘Quen se pica, allos come’, cabería responderlle].
E a partir de aí foi cando se enredou o pleno; algo previsible por parte duns e doutros partidos, que formulan cadansúas estratexias. E a estratexia da oposición -lexítima, por outra parte- era deixar quedar mal o grupo de Goberno. Se non, non se explica que a oposición se negase a deixar intervir o representante sindical antes de votar a urxencia da moción, tal e como propoñía María Ramallo, ata o extremo de que o voceiro dos traballadores xa estaba a piques de sentar no asento da mesa presidencial para que a súa intervención quedase gravada, cando a postura da oposición insistindo en votar primeiro, fixo que acabase volvendo ao seu sitio entre o público.
María Ramallo opinou que non estaban en condicións de votar a urxencia da moción porque a moción en cuestión precisaba un informe técnico e xurídico que garantira a viabilidade dos puntos que propoñía. Para a alcaldesa era “descabellado” votar algo para “quedar ben” pero que logo non se puidera cumprir e puidera acarrear problemas noutros pregos de contratación pola “inconcreción” dos puntos desa moción. Así as cousas, María Ramallo propoñía que a moción quedase aparcada ata o vindeiro pleno á espera de coñecer os informes, mesmo tratando previamente a problemática nunha comisión informativa, e tendo en conta que se estaba acudindo aos mecanismos de mediación diante do preaviso de folga anunciado polos traballadores para días vindeiros.
Nese momento, Aarón Franco pediu un receso de cinco minutos para que os grupos políticos da oposición puideran falar cos traballadores. O sorprendente foi que entre o público, ademais dos traballadores, ergueuse coma unha bala o EX-concelleiro do Bloque Xosé María Vilaboa que, a estas alturas, xa NON ten responsabilidades municipais nin tampouco se lle coñece dedicación ou afección pola recollida de lixo (ou si, dependendo do tipo de lixo), e incorporouse a esa reunión improvisada, ante a cara de estrañeza da alcaldesa. Anchas son as portas do Concello. Agudas e duras as linguas e as costelas, que diría esta xente do Bng.
E á volta desa pausa, os grupos da oposición dixeron que si, que intervira o representante dos traballadores, ao que María Ramallo respondeu cuestionando esa petición, se cinco minutos antes pediran xustamente o contrario. Dese xeito, o que se fixo foi votar a urxencia da moción que, como era de esperar pola maioría absoluta do PP, quedou rexeitada, e o voceiro sindical levou un palmo de narices.
Loxicamente, o representante dos traballadores queixouse da lentitude do Goberno local diante dun conflicto que xa se manifestara meses atrás, e con propostas que foran presentadas por Rexistro o pasado mes de agosto. “Abócannos a unha folga, a un conflicto, e son vostedes responsables”, avisou este voceiro sindical.
Ao rematar este asunto dun xeito tan abrupto, por non dicir ridículo, algúns dos concelleiros comezaron a erguerse -caso de Pilar Blanco- en ademán de abandonar o pleno. Como a sesión continuaba, Muradas improvisou sobre a marcha outra pseudo-moción das súas instando a alcaldesa a explicar por que tiña intencións escuras presuntamente tendentes a perxudicar os traballadores e beneficiar a empresa, unha cuestión que a alcaldesa non admitiu, instando o edil socialista a actuar con seriedade. E diante da ausencia de rogos e preguntas, nun clima de ‘rompan filas’ por parte da oposición, María Ramallo ordeou levantar a sesión.
Deixar unha resposta