A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra vén de emitir un comunicado -asinado polo presidente da entidade ecoloxista, Antón Masa- pronunciándose sobre o “pacto ambiental” subscrito entre a Xunta de Galicia e a empresa ENCE.
PACTO AMBIENTAL OU CONIVENCIA INSTITUCIONAL?
Recollen os medios de comunicación a sinatura dun novo “pacto ambiental” entre ENCE e a Xunta de Galicia, un pacto que -en palabras do “consejero delegado” de ENCE, Sr. Colmenares- vai supór unha inversión duns 200 millóns de euros en 60 anos: 180 deles destinados a actuacións sociais, 15 á “nova depuradora” de Os Praceres, e 5 para arranxar o Pazo de Lourizán.
Sorprende, en primeiro lugar, que se fale de “pacto ambiental”, xa que se algo evidencia este pacto é a inexistencia de esixencias de control de vertidos e emisións atmosféricas á empresa; un aspecto que a Xunta de Galicia tiña que ter posto sobre a mesa.
Trátase, en realidade, dun acto propagandístico de ENCE que persigue xustificar a súa permanencia en Lourizán máis aló do 2018 e que conta coa complicidade submisa do Goberno galego, que comparte coa fábrica intereses económicos e familiares. Só faltaba na foto a Subdirectora Xeral de Coordinación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente!

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares y Brunet, e o director da fábrica de Ence en Pontevedra, Antonio Casal, na sinatura do convenio de colaboración no que se recollen os compromisos do “Pacto ambiental” entre a Xunta de Galicia e Ence. [Foto, Xunta de Galicia]
E resulta insultante que a Xunta de Galicia acepte, a cambio de mirar para outro lado no que fai aos incumprimentos ambientais de ENCE, a participación da empresa nas obras da depuradora e na reparación do Pazo de Lourizán, unhas actuacións que tería que asumir a Administración. ENCE -en todo caso- tería que investir na súa depuradora para acadar os niveis esixidos na lexislación en materia de vertidos e, se quere ter un centro de investigación forestal, que non sexa a costa do erario público. Na práctica, ENCE vaise facer co control do Pazo de Lourizán, un edificio singular e patrimonio público, por unha cantidade económica que semella ridícula.
Falan tamén doutro “compromiso”, de 30 millóns, encamiñado -segundo ENCE- a mellorar a eficiencia do complexo industrial: construcción e posta en marcha dunha nova central de biomasa e tres novos centros de bioenerxía en distintos puntos da comunidade autónoma; é dicir, a aumentar a contaminación en Lourizán e a afondar no proceso de degradación dos montes galegos. E de novo coa conivencia interesada da Xunta de Galicia!
De acordo co Sr. Colmenares, van conseguir unha fábrica que “no huela, que no tenga vapor, que no suelte agua al mar y que no haga ruído”. Unha fábrica “disimulada, que no se verá; invisible a la población y comprometida con los vecinos”, palabras que soan a vello en boca de ENCE. Lembran que xa no ano 1967, ENCE tiña resolto o problema dos cheiros? que tiña deixado de cheirar e acadado o “olor cero”? E non o resolveu só no 1967, senón que repetiu o seu logro no ano 1992, no 2004, no 2010… Xa abonda, Sr. Colmenares! Se realmente quere levar adiante estas promesas, non ten máis que parar de forma definitiva a actividade industrial en Lourizán! Ese e non outro é o verdadeiro compromiso cos veciños!
Afirma, sen ningún rubor, que “tienen que devolverle a la ciudad parte de lo que la ciudad le está dando, y a los vecinos parte de lo que nos han dado”. Trabúcase! ENCE ten que devolverlle á comarca de Pontevedra todo o que lle ten roubado: o mellor banco marisqueiro da Ría, as praias urbanas de Pontevedra, o futuro roubado a Lourizán, a calidade das augas da Ría e do ar, a saúde e a calidade de vida da cidadanía, a nosa economía estragada pola destrución dos sectores produtivos,…; ENCE ten que devolverlle a Galiza os seus montes, o seu futuro baseado na explotación racional do marisqueo, da pesca de baixura e das inmensas posibilidades dun monte diverso e libre de eucaliptos e incendios forestais.
Pero ENCE prefire optar pola compra de vontades, de estómagos agradecidos, e dividir á poboación ofertando migallas entre os colectivos sociais; sabe das necesidades económicas do tecido social e da falta de axudas oficiais. E a Xunta de Galicia, que debería atender estas necesidades, prefire tirar beneficio político e económico prestando o seu apoio a este xeito de actuar.
Na APDR podemos entender os motivos que levan aos escasos colectivos sociais presentes no acto da sinatura do amentado “pacto ambiental” a amparar a política propagandística de ENCE, pero animámolos a que recapaciten e non acepten a súa chantaxe; animámolos a manter a súa independencia e a esixir das Administracións públicas o que por xustiza lles corresponde para poder seguir desenvolvendo a súa desinteresada labor social.
Outra posición non fai máis que afondar na división social hoxe existente na cidadanía da comarca e, ao tempo, no desprestixio dos seus colectivos entre boa parte desa cidadanía que aspira, lexitimamente, a recuperar a Ría para o que é a súa vocación natural.
Deixar unha resposta