É un asunto recorrente cada vez que chega o bo tempo, e reiteradamente ‘denunciado’ nesta bitácora.
A vexetación tapa xa a sinalización horizontal na cuneta da estrada de San Xulián (EP0019) entre A Bouza e O Caeiro, cun trazado cheo de curvas. A situación de inseguridade á que se expoñen os peóns é notoria nun vial cuxo mantemento depende da Deputación de Pontevedra, aínda que o Goberno local de Marín non debería mirar para outro lado e eximirse de responsabilidade nun asunto que afecta o benestar dos veciños e veciñas.
Especialmente nun momento no que o persoal do Parque de Maquinaria da Administración provincial está en pleno conflicto laboral, o Concello -cos medios municipais- debería chegar solidariamente aló onde as competencias administrativas queden ‘comprometidas’.
Certamente, a vexetación medrou con forza nas últimas semanas a consecuencia da humidade e das altas temperaturas. En efecto, son moitos os quilómetros de estrada que requiren de limpeza e de mantemento. Se cadra cómpre darlle unha marxe de tempo aos responsables políticos para que prioricen as moitas actuacións que cómpre acometer en tantos puntos da nosa localidade.
Pero un concello como Marín con tantas parroquias rurais ten que prever este tipo de situacións, estar atento ás necesidades da cidadanía e, en consecuencia, mover máquinas e brigadas de operarios. Non pode ser que os habitantes destes núcleos de poboación -algúns de idade avanzada, cunha mobilidade e cunha capacidade de reacción mermada- teñan que xogarse o físico nos seus desprazamentos. Sobre todo nunha estrada na que hai moitísimo tempo que non se renova o asfalto, onde as raias que delimitan os carrís de circulación son inexistentes, e onde as velocidades que acadan algúns condutores superan con creces os límites establecidos.
Fronte a isto, un pouco máis arriba do lugar de A Pena e xusto no límite co concello de Pontevedra, no cruce co Regueiriño e onde comeza a pista forestal de acceso ao Monte Pituco, atopamos unha actuación surrealista da empresa encargada da reposición dos bens afectados polas obras de instalación da rede de abastecemento de auga de ACUAES. No medio e medio dunha estrada con asfalto vello, sen adherencia e sen pintura, atopamos un chamativo ‘parche’ de chapapote ‘decorado’ con media ducia de raias brancas.
…Nuns sitios tanto, e noutros, tan pouco!
Deixar unha resposta