Publicado por: MontePituco | 08/06/2016

PLENO DO CONCELLO: VARIANTE DE MARÍN

Obras da variante de Marín: as pás excavadoras furan no Monte Pornedo, á altura da Pena e do Caeiro. Corría o ano 2003 e as casas abaneaban a causa das detonacións.

[Obras da Variante de Marín, á altura do Caeiro e preto dos petroglifos catalogados de Pinal de Caeiro, cuxa área de cautela foi agredida. As vivendas da zona estragáronse con fendas a causa da intensidade das denotacións polas cargas explosivas para vencer a resistencia do solo, de composición granítica]

Este venres pola mañá a Casa Consistorial do Concello de Marín acollerá unha xuntanza presidida pola alcaldesa, coa asistencia de representantes da oposición, e á que están convocados técnicos e responsables políticos da Xunta para tratar sobre a posibilidade de incrementar as medidas de seguridade na Variante de Marín. Este encontro é unha consecuencia da moción aprobada por unanimidade no Pleno ordinario deste mércores, a instancias da Marea Veciñal de Marín, e a raíz da elevada sinistralidade que se vén producindo neste vial dende os últimos meses.

A voceira da Marea, Sandra Pesqueira, calificou de “trampa mortal” a Variante na que, segundo os datos que presentou, entre 2012 e 2014 rexistráronse 34 accidentes, con 34 feridos; e só no que levamos de 2016 xa suma 16 sinistros con 11 feridos e unha persoa falecida, o marinense Manuel Soage.

“Esta situación non é casual”, advertiu Sandra Pesqueira, quen equiparou a perigosidade da Variante de Marín cos mal chamados ‘corredores’ do Salnés e do Morrazo. Mal trazado, con puntos negros, pendentes polo forte desnivel do terreo e un mantemento deficiente foron algúns aspectos que destacou na súa negativa diagnose da situación do vial marinense. 

Tamén criticou que os responsables a todos os niveis -autonómico e local- non atenderan as alertas dos colectivos que xa avisaran das eivas coas que ‘nacía’ esta infraestrutura. Diante das últimas queixas de colectivos como as organizacións veciñais, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo ou a propia Asociación Monte Pituco, e coas eleccións xerais á volta da esquina, a voceira da Marea sinalou que a Xunta apurara a realizar unhas actuacións de urxencias no firme do treito onde se rexistra a maior accidentalidade.

Velaí o avance de medidas por parte da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, como a instalación de bandas termoplásticas para separar os carrís de circulación na parte central da calzada; se ben, dende o tal anuncio, e a pesar do bo tempo dos últimos días, nada se soubo da posta en marcha desas accións de incremento da seguridade vial: “Impórtannos pouco os intereses que os movan a actuar, pero fágano”, urxiu Sandra Pesqueira, quen rexeitou as “promesas fugaces” e esixiu realidades constatables.

Tamén incidiu na necesidade de esixirlle á empresa concesionaria do mantemento da Variante que actúe como corresponda en caso de accidentes, garantindo o bo estado do asfalto, en vez de baldealo “cun caldeiro de auga”.

En representación do Goberno municipal, o concelleiro de tráfico, Estévez Salazar, adiantou que se lle pedira a “máxima urxencia” á Xunta na celebración da xuntanza.

O socialista Juan Muradas sinalou que tivo que haber un falecido para que se lle dera “impulso” ao tratamento da situación da Variante: “A estrada está mal trazada”, admitiu Muradas, quen lle reprochou á Xunta que non tivera intervido antes nela. “Esperamos que en el futuro se acabará por desdoblarla porque es mejor desdoblarla que hacer una nueva”, argumentou o concelleiro do PSOE. 

“Un dos logros dos que presumiron vostedes ao chegar ao goberno foi a Variante”, espetoulle Pilar Blanco ao Goberno local do PP. “Pero eu non quero ese modelo para Marín”, expuxo a voceira do Bloque, botándolles en cara aos populares que ese tipo de viais “non son seguros” e preguntándolles “en que se basan para seguir facéndoos”. 

Pilar Blanco tamén criticou que o concelleiro de Tráfico non dispuxera de datos de sinistralidade dunha Variante “que pasa polo Concello” e lembrou que o seu partido volveu pedir no Parlamento galego información sobre todos os accidentes que houbo neste vial.

“Se non a queren desdobrar, o que poden é poñerlle un candado mentres non se lles ocorra outra cousa”, afirmou Pilar Blanco, advertindo que os usuarios estanlle collendo “medo” á Variante, o que conlevará que a circulación se volva intensificar pola estrada comarcal e a Variante quede “sen uso” e careza de sentido a súa construcción. “Este tema é un fracaso da política da que presumen”, engadiu Pilar Blanco.

Na segunda quenda de intervencións, Sandra Pesqueira puxo uns cantos puntos sobre os íes: “O fracaso foi das Corporacións que pasaron polo Concello” no tempo no que este vial se proxectou e executou. Non en van, como lembrou, en maio de 2010 a prensa local recollía declaracións dos voceiros do PSOE e do Bloque xustificando que dende o Goberno bipartito non se lle tivera reclamado á Xunta a modificación do trazado no segundo treito Marín-Pontevedra para evitar o macro-nó que se construíu a carón de Celulosas:

Diario, maio 2010

“Marín lleva mucho tiempo esperando esta Variante como para retrasarla de nuevo”                   Juan Muradas, concelleiro do PSOE de Marín en 2010.

“O importante é contar co novo vial canto antes”                                                                                              Xosé María Vilaboa, concelleiro do BNG de Marín en 2010.

Na súa réplica, o concelleiro de Tráfico agradeceu que non se centrasen as responsabilidades “en un solo color político” e tomou nota da afirmación da voceira da Marea sobre os métodos supostamente pouco ortodoxos por parte da empresa que atende o mantemento da Variante -un cubo de auga, segundo Protección Civil- para a limpeza da calzada en caso de accidente.

…Pero o recordatorio de Sandra Pesqueira causou fondo malestar no resto da oposición.

Muradas recriminoulle que a Marea viña “virxe”, en alusión á falta de bagaxe política e de memoria por parte destes edís, nun intento por desmerecer a lexitimidade das súas críticas; así, intentou tirar de retranca para atacar a xestión dos Gobernos da onda da Marea, como na Coruña ou Ferrol. 

“Marín reclamaba la Variante desde el año 91”, quixo destacar Muradas. Se na súa primeira intervención reprendera o PP local porque eles practicamente atoparan a obra feita e só tiveran que cortar a cinta inaugural cando accederon ao Goberno municipal, nesta outra volta incidiu en que a Variante fora “mal trazada por los técnicos”. E insistiu en que se no seu partido apuntaban ao desdobramento, era porque se baseaban no acontecido cos corredores do Salnés e do Morrazo, non porque fosen especialistas na materia. 

Pilar Blanco amosouse sorprendida por ter que “facer oposición a quen presenta a moción” e queixouse de que as declaracións atribuídas a quen fora edil de Urbanismo do Bloque estaban “sacadas de contexto” e se utilizaban de maneira “sesgada”, ademais de tildar de “covarde” que se falase de quen non se podía defender por non formar parte da actual Corporación. 

A concelleira do Bloque quixo meter nun apuro a voceira da Marea: “Se para darlle máis seguridade á Variante os técnicos din que hai que desdoblala, que vai facer a Marea?”. Pero Sandra Pesqueira fixo ben non entrando no seu xogo e limitouse ao peso contundente da hemeroteca para reiterar a postura do Psoe e do Bloque sobre o trazado e a execución da Variante na etapa na que estes partidos ostentaban o Goberno local, malia que a obra fose de titularidade autonómica. 

…Oubean (e insultan), logo cabalgamos…

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: