Facémonos eco dunha queixa veciñal que cuestiona o procedemento que se está a seguir nas obras de “restauración” (sic) da Ponte do Campo. Segundo a información xornalística, tanto Augas de Galicia como Patrimonio autorizaron esta actuación, que conta cun orzamento de 55.652 euros.
As fotografías tomadas ao pé da ponte evidencian que se trata dunha construcción tradicional. Os promotores desta protesta alertan que, se non se toman medidas, o asfalto e o formigón van cubrir a pedra que fai de plataforma para cruzar o río Loira. Segundo fontes da Corporación que accederon ao proxecto, non se contemplaba empregar formigón para a unión das lousas, polo que procedería unha consulta no Pleno do Concello para aclarar que tipo de “restauración” se prevé facer.
Do que se trata, en todo caso, sexa no Monte Pituco, en Seixo, no Campo ou en calquera outra parroquia, é de que se restauren as edificacións tradicionais dun xeito respectuoso, evitando as agresións con materiais nada acordes á feitura orixinal, e tendo sensibilidade co patrimonio cultural e etnográfico.
[Fotos cedidas]
Deixar unha resposta