Publicado por: MontePituco | 28/03/2016

CARLOS PARATCHA NO CONXUNTO RUPESTRE DO PORNEDO

Petroglifos de Pornedo, por Carlos Paratcha (anos 50).

Recibimos con sorpresa e ledicia uns arquivos con imaxes do conxunto rupestre do Pornedo, tomadas nos anos 50. As fotografías representan o momento no que probablemente estes petroglifos están saíndo á luz, porque nunha delas aprécianse ferramentas de traballo e terra amoreada pola beira da laxe descuberta. A súa autoría atribúeselle ao profesor Carlos Paratcha, quen probablemente foi tamén o descubridor deste xacemento. Os orixinais destas reproducións atopáronse na Biblioteca Pública de Marín.

Pero quen foi Carlos Paratcha Vázquez? Na súa recente estancia en Marín, escoitámoslle falar del ao crego e investigador Elixio Rivas, quen compartiu con Paratcha varias andainas na procura de información para a súa tese sobre Toponimia de Marín.

Pescudando na rede averiguamos que Carlos Paratcha tamén impartiu clases entre os anos 1930 e 1940 na escola masculina de Vilar, en Redondela. Tamén foi mestre en Laxe, Moraña. Nesta localidade descubriu, en 1958, a Lapa de Gargantáns, e en 1962, a estatua-menhir Cabeza de San Pedro, situada en Amil-Rebón.

“Con posterioridade á actividade da Sociedad Arqueológica, cómpre que salientemos o paso por Marín de Carlos Paratcha Vázquez, aquel mestre desinteresado e de labor tan fecundo, aquel home bo, que nas súas prospeccións logrou descubrir e dar a coñecer a maior parte das estacións rupestres que hoxe fan de Marín un territorio clave neste fenómeno”.

[Antonio de la Peña Santos, conservador de Fondos Arqueolóxicos do Museo de Pontevedra e Premio Cidade de Pontevedra 2005, no artigo “Marín, no epicentro da Arte Rupestre Galaica”, publicado no nº1 da Revista Labirinto do IES Chan do Monte (2004-2005)]

Efectivamente, atopamos numerosas referencias de Calos Paratcha como colaborador de Alfredo García Alén, de Blanco Freijeiro e de Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza. José Carlos Pascual Vázquez tamén fala del como “descubridor das máis emblemáticas estacións rupestres de Campo Lameiro”.

En Marín está documentada a súa contribución ao descubrimento do petroglifo da Moreira, en 1964. Tamén atopou un machado pulimentado en Chan do Monte e obtivo referencias da existencia dun muíño plano. Achegou datos sobre a existencia de petroglifos na Canteira da Laxe e, en Moaña, xa en 1952 contribuída ao descubrimento da mámoa de Chan de Arquiña.

A aparición deste material gráfico dando conta da excavación do conxunto rupestre do Pornedo é un valioso material que o Concello de Marín debería custodiar nas mellores condicións, dándolle mesmo tratamento museísto para garantir a súa conservación.

Petroglifos de Pornedo, por Carlos Paratcha (anos 50).

Petroglifos de Pornedo, por Carlos Paratcha (anos 50).

Petroglifos de Pornedo, por Carlos Paratcha (anos 50).

[Agradecementos: María López, Paulo Troitiño, Antonio de la Peña Santos]


Respostas

  1. Aqui tede algo mais da figura de Carlos Paratcha obtido no Pueblo Gallego do 12 de Abril de 1958
    “Un estimado amigo e conveciño noso don Carlos Paratcha Vázquez, mestre nacional, con exercicio en Moraña, con ocasión da recente estancia entre nós, fixo un importante descubrimento arqueolóxico que por estimar reveste interese para a historia marinense nos apresuramos a divulgar.
    Examinando a cementación do edificio coñecido polo Priorato, a cuxo derrubo se está procedendo decatouse dunha depresión formada entre a rocha que serve de base natural ao tal Priorato e ao antergo templo parroquial, uns anacos de cerámica romana nas súas variedades “tégulas” e “terra sigilata”. Estes achádegos foron posteriormente examinados polo secretario do Museo Provincial de Pontevedra, don Alfredo García Alén, quen confirmou a súa orixe, co que se afirma a idea de que a zona que na actualidade ocupa a Praza do Xeneralisimo, o Priorato e a igrexa parroquial, está asentada sobre o recinto do que foi un castro celta, máis tarde romanizado nunha evolución semellante á sofrida polo Castro de Vigo.
    Quede pois constancia deste importante achádego arqueolóxico para a historia marinense, a fin de que os técnicos poidan determinar con fundamento a época dos nosos primeiros poboadores e agradezamos ao amigo Carlos Paratcha os seus desveos e esforzos que o levaron a tal descobrimento”


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: