Publicado por: MontePituco | 10/03/2016

A SOCIEDADE PODE ‘SALVAR’ CASTIÑEIRAS, NON OS POLÍTICOS DE TURNO

Charla sobre Castiñeiras organizada por Almuinha.

Esta é unha crónica ‘de urxencia’ sobre a charla organizada no Museo Torres pola Asociación Cultural Almuinha sobre a situación do Lago de Castiñeiras, coas intervencións do presidente da Fundación Lago de Castiñeiras-Cotorredondo e dirixente dos comuneiros de San Tomé, Daniel Rosales, e do arqueólogo Juan Carlos Castro, aos que se sumou o autor do proxecto do parque forestal e do xardín botánico, Gaspar Bernárdez.

En primeiro lugar, chamaron a atención os ataques lanzadas polos promotores da Fundación contra certos responsables políticos do PP, do Psoe e do Bng por non apoiar en serio a iniciativa; máxime estando presentes na sala a voceira municipal nacionalista Pilar Blanco e os ex-concelleiros Xosé María Vilaboa e Esther Crespo, que non abriron a boca máis que para comentar brevísimamente dous aspectos puntuais e sen importancia, sen entrar a valorar as críticas dirixidas ao seu partido. Canda eles, o edil socialista Iván Pastoriza, que tampouco se fixo notar.

Explicou Daniel Rosales que as Corporacións municipais de Marín e de Vilaboa aprobaron por unanimidade o seu respaldo á Fundación; tamén a Corporación provincial da Deputación de Pontevedra. Que é na Xunta -malia estar implicadas as consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural e Cultura- onde non se acada a axuda económica -1,3 millóns de euros é o coste inicial do proxecto- e institucional necesaria.

“Quen son, con nomes e apelidos, os que taponan que isto prospere?”, preguntaba un veciño entre o público. Contestaba o presidente da Fundación que esas persoas están na Administración autonómica, en alusión á directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, cando hai escasos días contestou -a unha pregunta parlamentaria formulada polo Psoe- que a Xunta non só non ía participar no padroado da Fundación, senón que ademais confirmaba o traslado a Cotobade do Centro de Fauna Silvestre que levaba anos asentado en Castiñeiras, en terreos da Comunidade de Montes de San Xulián.

Máis nomes: na Deputación de Pontevedra, entre os responsables do Psoe e do Bng que, estando na oposición recibiron positivamente a proposta e, unha vez que chegaron ao goberno no Pazo Provincial, comezaron a desmarcarse.

Foi moi gráfica a anécdota narrada por Gaspar Bernárdez: despois de presentar varias veces o mesmo escrito solicitando unha entrevista na Deputación pola que levaban tempo agardando, por fin foron convocados á reunión cando -na mesma instancia que viña reiterando- se engadiu que as comunidades de montes implicadas na Fundación representaban a 1.500 familias. “O que ten cu, ten medo”, queixouse Bernárdez, tildando os políticos de “covardes”.

En segundo lugar, tanto Juan Carlos Castro como Daniel Rosales coincidiron en destacar que o patrimonio cultural e arqueolóxico existente en Castiñeiras, con ata 8 mámoas, enlaza perfectamente con outros xacementos próximos, entre os que citaron os do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Pero non só iso: o valor medioambiental e cultural do Morrazo abrangue dende o Parque Nacional das Illas Atlánticas ata as Salinas de Ulló, pasando pola Costa da Vela “e as praias, a 2 quilómetros do lago”, engadía Rosales, protestando pola “bisoñez” dos políticos, que “non saben aproveitar a riqueza que hai aí”.

…Pero que se pode agardar duns políticos, expuxemos publicamente dende a Asociación Monte Pituco, que foron quen de afirmar -e así tivo que quedar recollido nunha acta plenaria- que cabía a posibilidade de promover a desafectación do Monte Pituco do Espazo Natural dos Montes do Morrazo aos que pertencen en virtude das Normas Subsidiarias e Complementarias de Planeamento da provincia de Pontevedra, para intentar obviar as trabas medioambientais que puidera supoñer a instalación en pleno ‘balcón da ría’ dun polígono industrial. O comentario ía lanzado de cheo contra quen pronunciou esa desafortunada declaración, Xosé María Vilaboa, secundada polos que foron concelleiros do Bng no anterior bipartito. Mágoa que o aludido xa marchara da sala…

E por último, destacar as propostas lanzadas polo público para que se cree un comité cidadá que sirva para presionar as autoridades políticas e lograr que acaben apostando por contribuír á recuperación e revitalización do Lago, para que se organice un macro-encontro de familias e veciñanza de toda a vila reivindicando o uso social do monte, para que os usuarios das redes sociais se mobilicen e visibilicen o seu apego sentimental a Castiñeiras como lugar de encontro e de lecer. 

A charla convocada por Almuinha parece ter sido a semente dun movemento maior a prol de impulsar o Lago. Este domingo ás 10:30 horas hai programada unha ruta para coñecer as mámoas catalogadas nesa área, con especial atención á Mámoa do Rei (Vilaboa), á Mámoa de Chan da Armada (Marín) e á Mámoa de Chan de Arquiña (Moaña). 

Mámoa do Rei, en Vilaboa, de camiño a Cotorredondo.

Mámoa do Rei: ver artigo “Andaina por Castiñeiras“.

Mámoa de Chan de Armada

Mámoa de Chan de Armada: ver artigo “A mámoa de Chan de Armada, rodeada de silvas“.

Mámoa de Chan de Arquiña.

Mámoa de Chan de Arquiña: ver artigo “Roteiro polo Monte Gagán coa Plataforma dos Montes do Morrazo“.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: