Publicado por: MontePituco | 05/02/2016

AMOR A GALICIA, O FUTURO DOS NEN@S, ESPERANZA

20160204_195750

O antropólogo Buenaventura Aparicio Casado xustificou no seu “aprezo” por Galicia a iniciativa de crear un conto infantil inspirado no petroglifo da Pedra do Cervo. Máis que aprezo, o que hai nesa acción é auténtico amor por esta terra, pola súa historia e polo seu patrimonio. É comprensible e louvable a discreción, a humildade, a modestia e a moderación do autor nas súas palabras, pero cómpre recoñecerlle o esforzo na súa xusta medida.

“A pedra do cervo” presentouse na Casa da Cultura de Salcedo, coa presenza do antropólogo e director da SAGA. Rafael Quintía, e mais do editor Cándido Meixide, de Edicións Do Cumio. Entre o público, persoas ben significadas pola súa pertenza á Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta e da Comunidade de Montes de Salcedo. Non en van, Buenaventura Aparicio louvou o traballo a prol da recuperación do patrimonio material e inmaterial que veñen realizando estas entidades.

A traxectoria de Aparicio como profesor, estudoso e divulgador é ampla e incuestionable. Coñececiamos del a súa faceta como guía de rutas culturais, entre as que destacan a Pedra do Cervo, en Ponte Caldelas; como investigador dos factores que permitiron que uns cantos gravados prehistóricos chegaran ata os nosos días grazas aos canteiros que os “indultaron” polas crenzas que había asociadas a esas figuras de antigüidade milenaria; agora sumamos unha cualidade máis, como autor dun libro infantil.

A importancia da educación, de inculcarlles aos máis novos -e dende idade temperá- a curiosidade, o interese e a sensibilidade polo legado dos nosos antergos, está tamén no cerne desta historia: “Polo futuro dos rapaciños”, dicía o autor na presentación, lamentando que o desleixo das Administracións e dos políticos que as colonizan teña o patrimonio arqueolóxico nunha situación de abandono, de estigmatización e burocratización permanente que deriva na desafección da propia sociedade galega, desentendida xa duns Bens de Interese Cultural practicamente únicos no mundo que para si quiexeran noutros países onde se apreza o potencial cultural, económico e social destes recursos e se xestionan como corresponde para garantir a súa conservación.

Pilar Castro Caamaño ilustra o relato construído por Buenaventura Aparicio, que fai un percorrido histórico dende aquel poboador da Idade do Bronce que dá en trazar a figura monumental dun cervo nunha laxe prominente, ata a decisión que permitiu poñer en valor este xacemento, pasando por outros avatares como o dos canteiros que a piques estiveron de provocar a desaparición deste petroglifo facendo estourar un cartucho de dinamita, do que se librou por unha sorte de “milagre”.

…Poucas veces unha ficción se parece tanto á realidade. Con este conto, Aparicio intenta o difícil reto de poñerse á altura dos nenos e das nenas, petar na porta da súa imaxinación para contarlles unha historia que ten que ver coa súa propia Historia, a través do fío condutor dunha fada, dunha sorte de “moura”, que é o elemento fantástico sobre o que xira o relato.

Un libro que acrecenta a súa dimensión educativa cun anexo de actividades nas que o autor apela á conciencia lúdica, crítica e interpretativa dos máis novos: propoñéndolles xogos como unha sopa de letras, invitándoos a debuxar, a buscar posibles significados desas misteriosas figuras gravadas nas pedras, ou mesmo a crear unha  obra de teatro a partir do conto. Tamén aos maiores -docentes, nais e pais…- son invitados a descubrir o mundo da arte rupestre, a coñecer outras estacións arqueolóxicas situadas no resto de Galicia, a pescudar noutros libros informativos que amplían información nesta apaixoante materia.

“Gozade da natureza galega e das obras de arte que atesoura” é a mensaxe coa que remata a obra. Unha frase cargada de esperanza, que é o terceiro leit-motiv que guía os pasos e as ansias de Buenaventura Aparicio na súa constante busca de adeptos e adeptas pola nobre causa da defensa do patrimonio galego.

O amor por Galicia. O futuro da infancia. A esperanza.

…Case nada!

20160204_210150

“Para o Monte Pituco, o balcón da ría, para que conserve sempre a súa beleza. Con agarimo”

Buenaventura Aparicio

20160204_210203

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: