Foto antiga de Marín, co Monte Pituco na parte central superior da imaxe
No Monte Pituco son numerosos os vestixios que quedan do paso dos canteiros -A Pena… A Laxe… As Pedreiras… a toponimia sempre dándonos oportunas pistas- por esta contorna, extraendo granito dos outeiros ou das ladeiras onde tanto abundaba -e aínda abunda- a pedra.
Proba da composición rochosa do Monte Pituco son as obras de infraestruturas que se realizaron nos últimos anos e das actuacións que aínda na actualidade seguen furando no seu subsolo. Destacan a construcción da Variante de Marín a cargo da empresa San José, que tivo como consecuencia numerosos desperfectos na estrutura das vivendas dos lugares da Pena e do Caeiro pola utilización reiterada e continuada de cargas explosivas no trazado do vial; e máis recentemente a instalación da nova rede de abastecemento de auga promovida por ACUAES e executada por Construcciones Ortiz, que viu ralentizada marcha dos traballos pola aparición de pedra tanto nas conduccións das tubarías como no lugar da Pardavila, onde se está erguendo un novo depósito.
Na Asociación DEFENDE O MONTE PITUCO levamos tempo fixándonos nas antigas canteiras, atraídos polo seu valor etnográfico, histórico e cultural. Son capítulos dun tempo pasado, escenarios dun traballo gremial cunha idiosincrasia moi particular. E a abundancia de lugares nos que se practicou esta actividade extractiva lévanos a considerar o seu estudo, coñecemento e posta en valor.
Un novo reto que engadir ao da loita pola conservación do Monte Pituco en contra do proxecto de construcción do polígono industrial proxectado polo Concello de Marín e pola Xunta; unha nova inquedanza que se suma ao proxecto xa consumado do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños que agora cómpre consolidar; un novo campo de traballo para seguir coñecendo o monte, e dándollo a coñecer tamén ao resto da veciñanza, con novos roteiros, coa arela de crearmos un centro de interpretación ao aire libre coa pedra como fío condutor: petroglifos, mámoas, gravados modernos, canteiras.
Antiga canteira entre San Xulián e Salcedo, preto da mámoa de Sete Camiños.
Nas inmediacións do Monte Pituco
No nacemento dun dos regos próximos ao Monte Pituco
Antiga canteira no Outeiro de Cerqueira
“El gravado se salvó ‘in extremis’, puesto que es perfectamente visible el orificio realizado en la intersección del vientre con las patas delanteras para introducir una cuña. ¿Por qué el o los anónimos canteros le ‘perdonaron la vida’ al gran ciervo? Tal vez por ese sentimiento que aflora en los humanos al contemplar las cosas bellas. Alguno se preguntará si es compatible la emoción estética con la rudeza. ¿Por qué no? La belleza se puede apreciar en mayor o menos grado -no está de más cierto entrenamiento- pero no deja indiferente a nadie. Es posible que el desconocido cantero hubiese fragmentado más de una roca con grabados, pero la belleza del ciervo de Cuñas lo desarmó y decidió indultarlo. Es la versión popular del síndrome de Stendhal”.
Cervo de Cuñas, Ponte Caldelas
O mesmo que opina o antropólogo Buenaventura Aparicio sobre o cervo de Cuñas nun artigo publicado no Diario de Pontevedra (7 de outubro de 2012) querémolo pensar sobre a ‘salvación’ do petroglifo de Pinal de Caeiro, coñecido como ‘O ciclista’: que os canteiros evitaron reducilo a pedruscos porque apreciaron nesas formas circulares algo sobrenatural, místico ou estético e non aproveitaron a pedra na súa totalidade para que as xeracións vindeiras puideran seguir vendo nesa combinación de círculos concéntricos a ponte que nos conecta co noso pasado máis primitivo.
Na canteira da Laxe, que nos anos 40 abasteceu de pedra as obras de construcción da Escola Naval Militar e dos recheos que se realizaron nesa zona, tamén existen noticias da existencia de gravados rupestres:
“Na parte superior da canteira situada na Laxe está referenciada a existencia dun petroglifo nun lugar actualmente moi urbanizado. O acceso próximo é sinxelo, pero descoñecemos a localización exacta do motivo, segundo algúns, trinta metros ao nordeste da canteira, e segundo outros, xusto no seu borde. Semella que o petroglifo, de non ter sido destruído, atoparíase cuberto por construccións, vivendas ou propiedades privadas. Temos noticias de que estaba formado por polo menos tres combinacións circulares, pero non puidemos localizar foto nin calco do mesmo”. [O gravado semella non ter sido dado de baixa pola Dirección Xeral de Patrimonio. Pese a todo, seguimos dubidando da súa conservación (Peña Santos, 1978)]
Así consta no libro “Petroglifos e outras prehistorias”, de Xulio Abal e Álvaro Arizaga.
[Fonte das imaxes antigas: Recuerdos de Marín en foto (Facebook)]
Deixar unha resposta