Publicado por: MontePituco | 16/11/2015

RUTA ATA O MONTE DA PARALAIA

A Plataforma Montes do Morrazo organizou un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural do Monte da Paralaia e da súa contorna natural; un monte compartido entre os concellos de Moaña e de Bueu, integrado dentro de espazo natural do Carballal de Coiro en solo rústico de especial protección de espazos naturais, segundo as Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento Urbanístico da provincia de Pontevedra.

Igrexa de San Martiño, Moaña

[Na parroquia de San Martiño radica a orixe da vila de Moaña. A igrexa románica, que data do século XII, está catalogada como Monumento de interese histórico-artístico]

Igrexa de San Martiño, Moaña

[O campanario de planta cadrada foi unha ampliación de estilo barroco]

Igrexa de San Martiño, Moaña

[Un dos elementos máis destacados é a portada. No tímpano central destaca a figura de San Martiño, rodeado doutros santos, e unha inscrición na pedra: “Sancti Emiliani, Sanctus Martinus Episcopus, Sancti Bricii episcopi, Aras fecit”]

Partindo do Igrexario de San Martiño (Moaña), o percorrido transcorreu por vias rurais, pistas forestais, corredoiras e camiños por Outeiro do Cruceiro, A Xalde, Paralaia, Outeiro da Paralaia, Chans de Ermelo, Alto do Xestoso, Toxal de Fonte das Eguas, Mataxente e Xestoso.

Fonte da Pedra

[Fonte da Pedra]

Ruta ata o Monte da Paralaia, Moaña

Os puntos de maior interese desta ruta son as carballeiras e soutelos de castiñeiros da Paralaia -de interese natural e forestal-, a Cova da Paralaia -de interese xeolóxico, natural e cultural-, o Outeiro da Paralaia -unha penedía granítica con amplas panorámicas dos vales do Rego do Inferno, do Rego da Fraga e do Espazo Natural dos Montes do Morrazo-, Chans de Ermelo -con bidueiral e monte baixo de matogueira de interese natural e agroforestal-, o Alto do Xestoso -unha penedía granítica a 445 metros sobre o nivel do mar que fai de límite entre as parroquias de San Martiño (Moaña) e Santiago de Ermelo (Bueu) e que supón a cota máis alta do espazo natural do Carballal de Coiro, con amplas vistas panorámicas da ría de Vigo-, ademais das formacións de bolos graníticos entre a carballeira e o mato do Toxal de Fonte das Eguas -de grande valor xeolóxico, paisaxístico e natural-, carballeiras e soutelos de castiñeiros de Mataxente e corredoiras empedradas do Xestoso- de grande valor natural, forestal e etnográfico-.

Vista do Monte do Castro

[Vista do monte do Castro dende A Xalde]

A Paralaia contén os hábitats de interese comunitario de carballeiras galaico-portuguesas, rochedais silíceos con vexetación pioneira, breixeiras secas europeas e breixeiras oromediterráneas endémicas con xesteira.

Ruta ata o Monte da Paralaia

Tamén posúe unha importante fauna e flora salvaxe debaixo do bosque caducifolio, en especial de zonas altas, rochosas e de monte aberto, ao que fai referencia á propia toponimia: a orixe léxica de Paralaia está directamente relacionada coa pedra como “litotopónimo”, e Xestoso e Toxal da Fonte das Eguas, como ben o indican os seus nomes, co monte baixo da matogueira.

Cova da Moura ou cova da Paralaia

[Debaixo destes enormes penedos atópase a Cova da Paralaia, un pequeno lugar de non máis de metro e medio de alto, no que se acubillan morcegos, ademais de ser o habitat de brións e microorganismos asociados á humidade do lugar. A lenda di que a cova da Paralaia tiña varios quilómetros de lonxitude e conectaba con outros montes da contorna, como o castro das Cidades, pero que un corremento de pedra tapou ese acceso. Este enclave tamén ten asociadas lendas de mouras e antano utilizábase como refuxio para pastores, aínda que tamén se relaciona como agochadoiro durante a Guerra Civil]

Atesoura como vestixio arqueolóxico “coñecido” o xacemento inventariado do Neolítico da Mámoa da Paralaia, preto das Chans de Ermelo, que proba a presenza humana na zona desde épocas moi remotas. A Cova da Paralaia está relacionada asimesmo coa cultura inmaterial asociada á mitoloxía popular das “mouras” a través do “submundo” do subterráneo.

Ruta ata o Monte da Paralaia

[Unha das afeccións que presenta esta parte dos montes de Moaña é a proliferación de ciclistas que circulan fóra dos itinerarios regulados -non vimos ningunha sinalización de ruta BTT en todo o itinerario- e degradan o terreo abrindo surcos monte a través e de forma indiscriminada. Houbo que modificar parte do roteiro previsto para evitar coincidir con estes grupos de ciclistas polas elevadas velocidades ás que se desprazan, aparecendo de forma sorpresiva e podendo causar algún percance cos sendeiristas]

Os mellores abrigos escollidos entre as penedías foron utilizados dende tempos remotos ata ben entrado o século pasado, en relación ás actividades silvopastorís como, por exemplo, a propia cova da Paralaia ou a impoñente “pedra” do Bolelo, outro exemplo de litotopónimo.

Ruta ata o Monte da Paralaia

As principais afeccións para o espazo natural son a eucaliptización, a perda do monte baixo e a matogueira a costa de monocultivos forestais de piñeiro, as cortas de arborado autóctono, a falta de silvicultura, a mecanización da xestión forestal que comporta a erosión e o soterramento dos camiños antigos, xunto coa creación incontrolada de circuitos de bicicletas de montaña e vehículos motorizados, que afectan os camiños e o propio medio natural e forestal.

Liques, bioindicadores da calidade do aire

[Liques, bioindicadores da boa calidade do aire]

Amanita

[Cogomelo do xénero amanita]

Ruta ata o Monte da Paralaia

As principais ameazas son o proxecto de desdobramento en autovía do corredor de alta capacidade no Xestoso e a Área de Desenvolvemento Eólica do Morrazo con tres “ubicacións alternativas” de aeroxeradores nas zonas máis altas do propio Monte da Paralaia.

Ruta ata o Monte da Paralaia

Por consideralos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico, a Plataforma Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta de Galiza en marzo do 2012 a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e do Carballal de Coiro (onde está integrado o monte da Paralaia e a súa contorna), máis outros ampliables.

Ruta ata o Monte da Paralaia

[Monte Faro de Domaio e máis á esquerda Coto do Home, o punto máis alto do Morrazo]

Ruta ata o Monte da Paralaia

[Vista da praia da Xunqueira, lugar de importancia marisqueira, pesqueira, ornitolóxica. Os meandros fórmanse pola desembocadura do río da Fraga]

Ruta ata o Monte da Paralaia

[Chegando ás chans de Ermelo]

Chans de Ermelo

[A Plataforma Montes do Morrazo advirte que outra das ameazas que afectan a este espazo é o proxecto de instalación, nas chans de Ermelo, de tres aeroxeneradores]

Ruta ata o Monte da Paralaia

Ruta ata o Monte da Paralaia

Monte da Paralaia

Monte da Paralaia

[Cruz do Monte Xestoso]

Monte da Paralaia

[Paralaia, 445 (metros)]

Monte da Paralaia

“A primeira cruz púxose nos anos 50 do pasado século como colofón dunha das misións evanxelizadoras da posguerra. Partiu unha procesión da igrexa de San Martiño de Moaña para colocar a cruz. Lembro arcos feitos de xestas, unha especie de altar feito con sacos cheos de brotia e, no medio dos cánticos de vez en cando, o berro de: ‘Viva Carballo que dou o carballo!!!’. Carballo era un veciño da Xalde, paréceme lembrar, que doara o carballo co que se fixo a cruz. Nos anos 60 xa estaba rota e foi remendada varias veces”.  (Antonio Costa).

Vista dende o Monte da Paralaia


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: