A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organizou un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural do rego da Fraga, integrado nas normas subsidiarias de planeamento provinciais en solo rústico de especial protección de espazos naturais. Coas instalacións do camping municipal de O Beque (Moaña) como punto de partida, a andaina transcorreu por pistas forestais, corredoiras empedradas e camiños de pé, coincidindo con tramos do GR-59 do sendeiro ecolóxico do Morrazo máis do sendeiro municipal do río da Fraga, polos lugares de Campo Labrado, Regadantes, Pozo da Maceira, Monte Gagán, carballeiras e fervenzas do rego dos Ladróns e da Fraga.
Fento real, dentabrú
Fento das pedras
Lingua de cervo
Os puntos máis destacados desta visita foron as carballeiras e plantacións forestais con castiñeiros de Campo Labrado, Regadantes e Pozo da Maceira; as plantacións de bidueiros do Monte Gagán, as carballeiras e bosque de ribeira xunto coas fervenzas e pozas dos regos dos Ladróns e da Fraga, e os camiños empedrados de subida ao Gagán coa pegada das rodeiras de carro, vestixios civís e etnográficos dun pasado non moi afastado, onde estes camiños eran utilizados como vías de comunicación para os labores tradicionais agroforestais ou para o tránsito a outros núcleos de poboación da comarca. Á beira dos camiños e tamén do rego aínda se atopan os restos dos muros, así mesmo de pedra, de delimitación e defensa das leiras.
Zona afectada polo proxecto de construcción dun polígono industrial
Lingua de gato
Pereira brava
O rego da Fraga, cos seus afluentes -incluído o rego dos Ladróns-, con varios nacementos nas zonas máis altas da comarca, entre os 500 e os 600 metros de altitude sobre o nivel do mar (Formigoso, Chan de Xestoso e Coto do Home), conforma unha extensa rede fluvial para unha das principais concas da comarca que, xuntando as súas augas no fértil val que divide as parroquias de Meira e Moaña, emboca na praia da Xunqueira, da que forma parte fundamental na conformación do seu espazo intermareal, de grande valor ecolóxico, social e marisqueiro, na ría de Vigo. A grande forza erosiva do seu caudal natural dende remotas fases xeolóxicas é motivo da formación de numerosas fervenzas e pozas nas zonas altas, algunhas delas de varios metros de caída na rocha granítica, e con suficiente caudal.
Antigos camiños de carro
Zona da que a Comunidade de Montes de Moaña eliminou unha praga de acacia
Facendo honor ao significado do seu nome, da Fraga, o rego atesoura na súa ribeira os mellores expoñentes de bosque caducifolio atlántico do espazo natural dos Montes do Morrazo, dentro de hábitat de interese comunitario de carballeiras galaico portuguesas e prioritario de bosques aluviais de zonas atemperadas, a nivel europeo. Tamén posúe outro hábitat natural prioritario con formación de brañas, correspondente a breixeiras húmidas atlánticas. No comezo desta fase estacional contémplase o espectacular cambio cromático da follaxe outonal e da caída da landra e a castaña.
Carrasca
Traballos de limpeza que levaron por diante a vexetación autóctona de carrasca
Destacan, ademais das carballeiras, salgueiros e ameneiros, a grande presenza á beira de varios dos afluentes do rego e polos seus arredores, do bidueiro, especie serial adaptada ás áreas de ribeira fluvial nas áreas litorais. Tamén sobresae, dentro dun rico sotobosque de loureiros, sabugueiros, xilbarbeiras, pereiras bravas e sanguiños, a presenza da carrasca branca, a especie maior dentro do xénero dos breixos.
Carballeira do río da Fraga
Pola grande cantidade de especies de fentos (real, macho, femia, do peite, das pedras, dos carballos…), de liques e de brións, dada a súa alta humidade e cualidade ambiental. Como así mesmo é de especial interese micolóxico pola grande presenza de fungos, moitos deles micorrícos coas raíces das árbores, e, en especial nesta fase estacional, pola xeración reprodutiva dos cogomelos.
Fervenzas do rego da Fraga
Alberga unha extraordinaria e importante fauna, tanto vertebrada como invertebrada, onde sobresaen as especies de mamíferos e aves, e en especial as de odonatos (libélulas e cabaliños do demo), réptiles e anfibios (rás, sapos, pintafontes e píntegas), adaptadas ás zonas húmidas e o medio acuático, con endemismos como a saramaganta ou a rá patilonga, e que, por cuestións do quecemento global climático e da alteración dos seus hábitats, están entrando nunha fase de regresión e vulnerabilidade.
As principais afeccións desde hai décadas son a alta eucaliptización, e en especial a invasión da acacia de madeira negra, alterando a composición química do solo, reducindo a súa absorción hídrica, incrementando considerablemente a probabilidade de propagación de incendios forestais e reducindo de xeito alarmante a biodiversidade existente. Cómpre salientar tamén as cortas intensivas de arborado, e dentro del o autóctono, así como as podas e desbroces agresivos afectando, ademais do arborado, ao sotobosque e todo o seu nicho ecolóxico. Como así mesmo o son os vertidos incontrolados de lixo e entullos, e, de xeito puntual, de augas residuais.
Confluencia do rego dos Ladróns e do rego da Fraga
As principais ameazas son, na zona máis alta do rego, o proxecto do parque eólico de Pedras Negras e os proxectos de investigación mineira Miñán e Pedrouzos. E un pouco máis abaixo, o proxecto do parque industrial da Cruz da Maceira, con 435.528 m2 de terreo proxectado e dous afluentes coas súas áreas de ribeira afectados.
Camiño do Monte Gagán
Por consideralos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e coa función de corredor ecolóxico, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta de Galiza en marzo do 2012 a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo (onde está integrada a zona alta do rego da Fraga) e o Carballal de Coiro, máis outros ampliables.
[Texto: adaptación da nota informativa da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo / Fotos: Asociación Monte Pituco]
Deixar unha resposta