Publicado por: MontePituco | 13/10/2015

RUTA POR SETE CAMIÑOS CON RONSEL E ACEMAS

Foto de grupo da ruta con Ronsel e Acemas.

Veciños e veciñas de Seixo pertencentes á Asociación de Comerciantes ACEMAS e á Agrupación Cultural Ronsel -aos que se sumaron outros marinenses interesados na actividade- realizaron unha visita este luns festivo polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, recuperando unha andaina que se suspendera en días anteriores pola previsión de mal tempo. Finalmente, o Día do Pilar presentouse unha xornada soleada e agradable para camiñar en plena natureza malia o nordés que soprou por momentos nalgúns puntos do itinerario.

As primeiras paradas foron nos petroglifos e na mámoa de Sete Camiños para, a continuación, seguir polo monte de Salcedo tras contar a lenda da luz dos Sete Camiños. Así é que nos primeiros pasos deste Espazo Natural e Arqueolóxico xa temos resumidos boa parte dos seus contidos: arte rupestre, arquitectura megalítica e patrimonio inmaterial.

A fauna e a flora do Espazo, cos cambios que experimenta no recén estreado outono, son outro aliciente para percorrer esta paraxe, deténdose nos cogumelos que van aparecendo polo camiños, escoitando o canto das aves que habitan nas arboredas ou que están de paso nas rutas migratorias que seguen cara a lugares cálidos, fixándose nos insectos que se agochan na matogueira…

Fungos no Espazo Sete Camiños.

Fungos no Espazo Sete Camiños. Boletus no Espazo Sete Camiños.

Os gravados de Chan das Mouras, a metade de camiño, e o conxunto rupestre do Pornedo, na parte final do itinerario, completaron a parte arqueolóxica da visita guiada. Nos tres grupos de petroglifos nos que centramos a atención puidemos apreciar a variedade de motivos que temos: figuras zoomorfas, círculos concéntricos e coviñas, debuxos antropomorfos, representacións de armas… Velaquí a riqueza deste patrimonio ancestral que tanta atención e preocupación pola súa atención nos merece.

Chan das Mouras, en Salcedo.

A andaina polo Espazo Sete Camiños permitiunos facer un seguemento polas melloras continuas que está experimentando o monte de Salcedo grazas á actuación da Comunidade de Montes, que está realizando unha transformación radical das zonas invadidas pola plaga da acacia e da mimosa. Terreos polos que ata non hai moito tempo se transitaba cubertos por unha mesta spesura destas especies pirófitas, agora están despexados, son grandes explanadas que pronto se repoboarán con árbores de ribeira rodeando o regato das Flaires e con outras árbores caducifolias para formar un bosque máis amable e saudable para a contorna. 

Recuperación de monte afectado por acacia e mimosa invasoras.

Entrando en Lourizán observamos tamén o aproveitamento da resina nos piñeiros que bordean o camiño.

Aproveitamento de resina en montes de Lourizán.

Rematamos cunha estampa inmellorable: o solpor no ‘balcón da ría’, cun espectacular colorido outonal. Os compañeiros e compañeiras de ruta non se resisten a inmortalizar a postal bucólica que nos ofrece o sol no horizonte.

No treito final do Espazo Sete Camiños.

Entrando no val do Pornedo.

Veciños e veciñas aos que facemos partícipes da loita da ASOCIACIÓN MONTE PITUCO por defender e conservar este enclave privilexiado, en plena fachada litoral de Marín, fronte á ameaza que representa o polígono industrial proxectado aquí polo Concello de Marín e a Xunta.

Un polígono que non só afecta gravemente o patrimonio arqueolóxico catalogado, senón que provocaría un impacto paisaxístico irreversible nunha zona de elevado desnivel, no que cómpre unha suma de diñeiro desproporcionada e inasumible en termos racionais e de sostibilidade para acondicionar un terreo que non cumpre coas condicións básicas para acoller infraestruturas industriais e que tampouco satisfai as necesidades do recinto portuario pola imposibilidade de dotarse de conexión ferroviaria.

Inmortalizando o solpor.

Rutas como a protagonizada por Acemas e Ronsel son necesarias non só porque favorecen a divulgación dun enclave cada vez con máis proxección social -así foi que durante a andaina foi posible atoparnos con varios grupos de persoas paseando, recollendo setas ou practicando deporte-.

…Mais  tamén porque permiten sensibilizar ao pé do terreo fronte a unha problemática -a da clasificación do Monte Pituco como solo urbanizable- que, coas explicacións oportunas ao pé do terreo, permiten visualizar as dificultades técnicas derivadas da complexa orografía, a afección aos abundantes mananciais existentes na zona, a agresión ao patrimonio histórico protexido e ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo aos que pertence o Monte Pornedo, e o evidente atentado ecolóxico e paisaxístico en pleno ‘balcón da ría’.

Fin do roteiro por Sete Camiños con Acemas e Ronsel.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: