Publicado por: MontePituco | 10/09/2015

DESPERFECTOS NA SINALIZACIÓN DO ACCESO Á VARIANTE DE MARÍN

Sinal de acceso á Variante de Marín.

Os veciños da Pena e do Caeiro deberiamos estar en nómina do Concello de Marín se tiveramos en conta a cantidade de veces que temos que informar e orientar os condutores despistados que non son quen de enlazar correctamente cos accesos á Variante de Marín. Pasaron tres anos dende a súa inauguración e aínda son un bo puñado as persoas -sobre todo fóraneos que están de paso- que pasan de longo os desvíos para ir a Pontevedra ou a Bueu, co resultado de dar a volta onde boamente poden para pedir ‘papas’ aos habitantes das primeiras casas que atopan.

Total, que se o Concello de Marín nos instalase unha casetiña a modo de punto de información, aínda poderiamos dar outro servizo, a maiores do tráfico: cuns cantos folletos turísticos entre mans, a veciñanza do Caeiro e da Pena estaría encantada de promocionar as praias, as igrexas, o lago de Castiñeiras… e, por suposto, o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, xa que os responsables municipais pouco ou nada fan por darlle un pulo a nivel divulgativo.

Por riba, dun tempo a esta parte teriamos moita demanda de consultas porque un dos paneis sinalizadores está deteriorado. As láminas fóronselle desprendendo ata o punto de que é imposible ver que na mesma dirección que se toma para ir a Moaña, tamén se pode ir a Bueu. Calquera que non coñeza a bisbarra do Morrazo ou a zona de Pontevedra acabaría perdido e dando voltas na busca do acceso á vila veciña, agás que dispoña de aparello GPS.

Dende o Monte Pituco trasladaráselle aos responsables municipais esta eiva para que a poñan en coñecemento da Administración competente.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: