Embarcamos unha vez máis no peirao de Combarro rumbo a Tambo, nunha viaxe organizada pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR) co obxectivo, por un lado, de facer unha limpeza reivindicativa da praia da illa e, por outro, seguir afondando no coñecemento deste espazo natural da ría de Pontevedra, con tanto valor histórico, cultural, paisaxístico e medioambiental.
Entre os guías da expedición contamos con Juan Castiñeiras, vicepatrón da confraría de Pontevedra e experto en micoloxía; Saúl de la Peña, micólogo e investigador da Universidade de Santiago; Claudio Quintillán, da Organización Galega de Comunidades de Montes; o arqueólogo Lukas Santiago; e o presidente da APDR, Antón Masa.
Chegamos a carón do faro Tenlo coa marea baixa, o que nos permitiu comprobar a presenza de madeiras, plásticos e outros residuos impulsados polas correntes ata o lugar donde conflúen as augas da parte anterior e posterior da illa. Entre eses restos, Juan Castiñeiras atopa algunhas plumas de especies de aves mariñas nas que detecta a presenza de fungos que descompoñen eses elementos orgánicos. Saúl de la Peña fálanos das especies arbóreas que medran no illote, como os loureiros e os pinus radiata.
A carón da praia do faro entramos na Cova da Londra, unha oquedade natural no terreo que supera os tres metros de altura, co único sustento das raíces das árbores que medran na superficie.
Cova da Londra
Fungos desenvolvéndose nos restos da ala dunha ave para a descomposición dos restos orgánicos
Vista de Marín dende o faro de Tambo
Juan Castiñeira explicou a gran riqueza das augas nesta parte da ría, onde se crían especies pesqueiras e marisqueiras autóctonas como a solla, o berberecho ou a ameixa fina, que aproveitan a dinámica das correntes para medrar. Antano, a carón da praia de Tambo chegou a haber un viveiro de ostras…
Dende hai anos, outras variedades foráneas como a ameixa xapónica, atopan tamén nestas augas un ecosistema idóneo para a súa expansión, co positivo que resulta para a economía local, mais tamén coas consecuencias negativas que conleva a chegada -canda esas especies- de bacterias e enfermidades que perxudican os moluscos naturais da zona.
Repasamos tamén a prehistoria da illa: o achado de restos do sílex, no Paleolític o; o castro de San Fagundo, que está catalogado; a vinculación de Tambo co mosteiro de Poio antes da Desamortización; as escaramuzas do pirata Drake no século XVI, que conlevaron o saqueo da igrexa antano dedicada a Nosa Señora de Gracia, que posteriormente se reconstruiría para dedicala á advocación de San Miguel; as visitas do Padre Sarmiento no século XVIII, que documentou en diversos escritos describindo a flora autóctona deste enclave; a súa titularidade estatal trala Desamortización; a construcción do lazareto onde os tripulantes dos barcos pasaban a corentena, unha función que deixou de desempeñar polas protestas dunha parte da sociedade marinense, polo que o lazareto trasladouse á illa de San Simón; o traspaso da illa a Montero Ríos e os seus descendentes, que acabarían vendéndolla ao Estado… ata a actualidade, coa desafectación militar en 2002.
Vista do saco da ría dende o peirao a carón do faro de Tambo
Espárrago marino
Amaryllis belladona medrando a carón dos edificios militares
Fungos coñecidos como niños de paxaro, pola súa forma -con esporas que semellan ovos- e pequeno tamaño
Lepiota tóxica
Pisolithus tinctorius, utilizado antigamente como tinte para a roupa e como condimento culinario; tamén é un potente cicatrizante
Saramaganta endémica de Tambo
Ruinas da capela de San Miguel
Restos do lazareto
Valla militar a carón da fonte da illa
Logo da visita polos restos das edificacións relixiosas, militares e civiles que quedan en pé na illa -o faro de Tenlo, a igrexa de San Miguel, o lazareto, o polvorín- varios integrantes da Asociación pola Defensa da Ría achegáronse á praia para limpar os residuos que se acumulaban en grande cantidade enriba dun muro ao final da praia, con plásticos, envases de vidro, madeiras e redes espallados no areal polo vento e as mareas.
Máis dunha ducia de bolsas e contenedores se encheron nesta acción reivindicativa. Obviamente, non hai ningún camión de lixo que se desprace ata Tambo para recoller os residuos que se acumulan, polo que esta parte da illa vaise convertendo nun basureiro a medida que avanzan os meses de verán.
A cuestión é a procedencia deses residuos, atribuible -case con toda seguridade- á presenza das numerosas embarcacións de recreo e iates que fondean a carón da praia. Os seus tripulantes achéganse ata o areal, facendo un uso pseudo-privado encuberto dun espazo no que, en teoría, cómpre autorización da Escola Naval Militar de Marín para acceder a el.
Unha vintena de barcos gozaban da xornada de sol mentres a APDR limpaba a praia.
Estando en Tambo, por suposto, non podemos deixar de contemplar a fachada litoral de Marín, co Monte Pituco (Pornedo) no alto da vila. Unha vez máis, a Asociación Monte Pituco volve reiterar o seu rexeitamento contra a pretensión do Concello de Marín e da Xunta de Galicia de instalar un polígono industrial no ‘balcón da ría’, un espazo pertencente ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo, cunha alta fraxilidade visual e paisaxística.
NO MONTE PITUCO (PORNEDO), POLÍGONO NON!
Regresamos a Combarro coa música de Michel, un gaiteiro bretón que interpretou o himno galego. A bandeira bretona e a bandeira galega adornando o alto do ronco.
Deixar unha resposta