Este pasado fin de semana acudimos á convocatoria do colectivo ambiental Vaipolorío, que organizou unha xornada de erradicación da herba da Pampa, unha especie exótica e invasora moi difícil de eliminar alí onde bota raíces, precisamente pola fondura e forza do seu sistema reticular e pola súa rápida propagación a través das sementes.
Sufrímola no Monte Pituco dende que se construíu a Variante de Marín. E súfrena no río Gafos, especialmente a carón da vía de ferrocarril, polo movemento de terras realizado con motivo das obras para a implantación do tren de alta velocidade. Se por algo se caracterizan os integrantes de Vaipolorío é por terse preocupado dende hai tempo desta problemática; de feito tiñan practicamente controlada esta praga, e non era a primeira vez que organizaban xornadas de traballo que, con medios humanos e mecánicos, sen recorrer practicamente ao uso de produtos químicos, conseguiron retirar con éxito un bo número de plantas que non chegaron a penas a rebrotar.
Pero as recentes actuacións no Eixo Atlántico volveron espertar a pantasma da cortadeira, que comezaba a tomar posicións a carón do muíño de Cabana, no lugar do Marco. Alí tivo lugar esta última intervención, con persoal de Vaipolorío, ao que se sumaron voluntarias do programa Erasmus+ que están colaborando en diversas iniciativas ambientais.
Agás algúns exemplares que xa empezaban a acadar un certo porte, a maioría das plantas eran de pequeno tamaño; de aí a importancia de ‘collelas a tempo’ antes de que acaden unhas proporcións que requiran un maior esforzo para extraelas.
Cal é o modus operandi? Tan simple e á vez tan complicado, cando se carece de aparellos como unha pala mecánica. A falta de tecnoloxía pesada, as alternativas son un sacho ou un leghón. A iso cómpre engadir unhas boas luvas, porque as follas da cortadeira, como o seu nome indica, son bastante cortantes e provocan raspaduras na pel. Crema de protección solar e gorra se o traballo transcorre nunha zona onde pegue o sol. E auga fresca, para hidratar o corpo durante o esforzo.
…Porque diso se trata: esforzo, que non necesariamente equivale a forza; ás veces cómpre máis maña que forza, como (case) todo na vida. O importante é ir cavando arredor da base da planta, metendo o sacho na terra con certa profundidade para abarcar a maior cantidade posible de raíz, facer palanca coa terra intentando erguer a planta no aire, e repetir as veces que sexa preciso ata que se poida arrincar enteira, a ser posible.
Os preto de cen exemplares que se retiraron desta explanada, entre a vía do tren e o río, a carón do muíño de Cabana, quedaron extendidos ao sol para secar. Os responsables de Vaipolorío farán agora un seguemento para comprobar se o traballo realizado foi efectivo e se esta parte do Gafos volve quedar libre de herba da Pampa, polo menos nunha tempada…
Deixar unha resposta