Este venres pasado, aproveitando o horario de atención aos comuneiros (de 17 a 21 h.) na Casa de Montes de San Xulián, presentóuselle á directiva unha solicitude para que, á maior brevidade posible, se realicen obras de mellora na pista forestal do Monte Pituco; unha petición que xa se lle trasladara á anterior xunta rectora nunha asemblea celebrada en agosto de 2012.
Dende entón, o deterioro desta pista foi en ostensible aumento e na actualidade supón un perigo para os seus usuarios, tanto a veciñanza que acode a recoller estrume e outros aproveitamentos, como as persoas que practican deporte ou sendeirismo, que son cada vez máis as que -sobre todo as fins de semana- se desprazan ao Pituco.
Os responsables da Comunidade de Montes comprometéronse a poñer esta petición entre as actuacións prioritarias.
Neste blog xa se ten comentado e documentado graficamente que o firme deste vial forestal presenta unha erosión máis que considerable, ata o extremo de que quedaron á vista as mangueiras que abastecen a fonte situada a carón da estrada. O filo das pedras e os entullos e restos de obra que se foron depositando en sucesivos verquidos ilegais ao longo dos anos, poden chegar a provocar danos nos vehículos que tamén circulan por este vial.
Ademais, a pista presenta moita maleza en ambas marxes e carece dunha canalización lateral en condicións para conducir as augas pluviais, de tal maneira que as intensas precipitacións nos días de temporal baixan fóra do rego e, polo forte desnivel do terreo, afondan aínda máis no empeoramento do firme.
A situación é especialmente preocupante no camiño que, dende a pista do Pituco, conduce ao depósito de auga dos veciños do Caeiro, preto da Variante. Nese punto, a chuvia causou o afundimento da terra e unha fonda oquedade no terreo, co conseguinte perigo de que calquera condutor que descoñeza o estado no que se atopa o sendeiro, poida quedar atrapado co seu vehículo e precise axuda para saír. Curiosamente, unha fenda similar á que existe neste momento xa se produciu en xaneiro de 2011 con motivo doutro temporal e, naquela ocasión, o camiño chegou a ser precintado.
A solicitude completouse cunha escolma de fotografías da pista e do camiño afectados e cunha proposta para que os dirixentes da Comunidade de Montes de San Xulián visiten á zona para comprobar a pé de pista os desperfectos e valorar convintemente a necesidade desta actuación, que non se debería prorrogar máis.
A mellora solicitada non contempla ningún tipo de tratamento con asfalto nin cemento, ao tratarse dun vial forestal que cómpre afianzar con materiais naturais convintemente compactados. Tampouco se aludiu nesta petición ao emprego de herbicida para eliminar a maleza, por tratarse dunha zona sensible dende o punto de vista medioambiental, polo que calquera sustancia química suporía un perigo para a calidade das augas e dos mananciais subterráneos aproveitados pola veciñanza para o consumo doméstigo e o rego das fincas.
Deixar unha resposta