A novidade tecnolóxica do pleno deste mes de febreiro foi o estreno dun novo sistema informatizado de megafonía.
Outro dos asuntos destacados desta sesión foi a bronca entre a alcaldesa María Ramallo e o concelleiro Xosé María Vilaboa, que acabou sendo expulsado. Pero isto non é novidade, senón máis ben parte dunha certa cotidianeidade. A cercanía das eleccións municipais vai seguir incrementando a conflictividade política con afán mediático e partidista.
Entre os primeiros puntos da orde do día, o manifesto polo Día Mundial da Muller Traballadora, o 8 de marzo, a instancias do Consello Municipal da Muller. Aínda que se aprobou por unanimidade, a concelleira do Psoe, Carmen Villanueva, criticou a falta de actividade do Consello da Muller, “que se limita a hacer manifiestos en dos fechas puntuales al año”, sinalou a edil. Tamén pediu “recuperar” o formato da “moción conxunta” que practicaba o anterior goberno local e que estes actos “salgan a la vía pública” en vez de realizarse no edificio do Concello.
Pola súa parte, a nacionalista Pilar Blanco queixouse de que estes manifestos “quedan en intencións e palabras baleiras porque lexíslase contra o que se aproba”. E aproveitou para citar temas que non tiñan nada que ver co Día da Muller, como “os despidos a traballadores” que atribuíu ás políticas do “do PP, Rajoy e compañía”.
Atopábanse na sala traballadores de Eulen, a empresa que recentemente conseguiu o contrato de limpeza dos edificios municipais, asumindo os traballadores da empresa que anteriormente desempeñaba esa concesión. Un deles fora despedido en circunstancias drásticas e a presenza destes empregados no Pleno -xunto con representantes da CIG- era para protestar polo despido. En canto Pilar Blanco meteu a cuña oportuna aproveitando a súa primeira intervención -e a presenza dos fotógrafos da prensa-, os traballadores ergueron os seus cartaces reivindicativos: “Eulen despide, Ramallo consinte”.
A concelleira de Servizos Sociais, Marian Sanmartín, respondeu: “É unha pena que se agarde ao pleno para facer as críticas”. Sobre os comentarios da concelleira socialista, xustificou que o goberno local “non ten culpa da meteoroloxía” se os actos do Día da Muller teñen que celebrarse a cuberto en vez de na rúa. Con Pilar Blanco foi máis mordaz, criticando os seus discursos “cargados de ironía e demagoxia”. “No Concello de Marín trabállase polos dereitos de homes e mulleres”, engadiu.
Carmen Villanueva replicou que o Goberno local avisa “a última hora” dos cambios nos actos “a propósito” para facelos sen a participación do Psoe. E insistiu na falta de actividade do Consello da Muller, reclamando “que se metan asociaciones y gente nueva”.
Pilar Blanco seguiu na súa liña de botar máis leña ao lume, acusando o PP de facer “bastante teatro” e referíndose aos “homes e mulleres con nomes e apelidos que quedan sen traballo”, palabras que foron aplaudidas polos traballadores de Eulen, que pediron a dimisión de María Ramallo.
Pechouse a quenda de intervencións coas palabras de Marian Sanmartín, insinuando que Carmen Villanueva “non ten comunicación coa súa compañeira Luz Santiago” cando o Goberno local lle envía a esta última a invitación para os actos. E a respecto das críticas de Pilar Blanco sobre o incumprimento do Plan de Emprego, respondeu que “o Plan de Emprego é para cumprilo” e que a intención do Goberno local é contratar xente para traballar.
O seguinte punto na orde do día, unha moción do Bng sobre o asfaltado dunha pista nos Bravos e outras melloras pendentes na zona de Souto do Carregal, Estivada e Arealonga. No público había un grupo de persoas -non máis dos que suman os dedos dunha man, dedo arriba, dedo abaixo- do lugar, dos cales a metade eran parte da ‘cla’ nacionalista que habitualmente asiste aos plenos. Semella que os cartaces que o Bng repartiu pola Laxe e arredores facendo un chamamento á asistencia da veciñanza non tivo eco.
Pilar Blanco afirmou que o concelleiro do Rural, Pablo Novas, “non sabía sequera onde quedaba os lugares” nos que reclaman estas actuacións: ausencia de puntos de luz, deficiencias na recollida de augas e instalación de lombos nas estradas foron algunhas das eivas enumeradas pola edil nacionalista, que lle pediu ao PP “que se aprobe e logo se cumpra o acordado”.
Pablo Novas tíñalle preparada unha intervención escrita que leu sen a penas erguer a vista do papel: “Falta á verdade”, criticoulle o concelleiro popular a Pilar Blanco, afirmando que “os servizos e necesidades no rural son prioritarios” nas sete parroquias do Concello e que se trata “a todos os veciños por igual, sen discriminar a ninguén”. Ademais de anunciar a pavimentación de nove camiños no rural, explicou que as numerosas solicitudes que se reciben aténdense “en función das posibilidades económicas” e da dispoñibilidade das brigadas municipais.
Para Pablo Novas, o Bng “mestura para dar a sensación de que non se fai nada” pero asegurou que el está “sempre disposto a atender os veciños”, aínda que xa lle anticipou ao Bng que non se atenderá a petición de instalar lombos no Carregal porque o PP “non é partidario” de aplicar esta medida no rural.
En representación do Psoe interviu Francisco Veiga, que criticou que a Deputación de Pontevedra “ahora ayuda, antes no”, argumentando que no anterior mandato a Administración provincial non era receptiva ás peticións de subvención que lle trasladaba o Concello de Marín. Para Veiga, o Goberno local está “malatendiendo conscientemente” o lugar dos Bravos e os seus arredores porque “vienen mociones repetidamente sobre estas zonas”. O ex-alcalde tamén atribuíu esta situación á “importante inactividad” do Goberno local, que “aprovechan lo que le da la Diputación y fuera de eso no hay ideas solo le hacen caso a las asociaciones amigas”, engadiu Veiga.
“Que obras harán antes de las elecciones?”, preguntou o ex-alcalde, que pediulle “transparencia” ao Goberno local, que dea o “listado e criterios de lo que hace y por qué lo hace”, reclamou Veiga, instando o concelleiro do Rural a “darse una vuelta por allí con los vecinos”. As súas palabras motivaron os aplausos do público.
…Que fácil é falar dende a comodidade de quen ten un pé fóra da Corporación. Que sendo alcalde ignorou e desprezou sistematicamente os veciños do Pituco malia as numerosas peticións de entrevista que se lle entregaron, malia as solicitudes para que percorrese o Monte Pituco cos habitantes da zona e xustificar, ao pé do terreo, os motivos polos que defendía un polígono industrial nunha zona que non reúne as condicións óptimas dende o punto de vista técnico, por non falar do estrago paisaxístico, medioambiental e a afección irreversible ao patrimonio histórico. Francisco Veiga non se dignou NUNCA en dar unha volta polo Pituco; non tiña nin a máis remota idea da súa fisonomía, habitat e cultura. Por tanto carece de lexitimidade para reclamarlle a outros que dean voltas por ningures e fagan o que el non fixo.
“Marín ten máis parroquias que Ardán”, retrucou Pilar Blanco insinuando que o Goberno local prima esa zona. “O dos lombos nas parroquias consúlteo cos veciños”, insistiu a concelleira do Bng, que criticou que o Concello instalou lombos “en estradas de Fomento e da Xunta” en vez de actuar nas estradas municipais. “Menos soberbia, dea unha volta polo rural e verá que o que piden os veciños é certo”, rematou Pilar Blanco.
Pablo Novas iniciou a súa réplica pisando forte: “Nós non temos parroquias preferidas, como vostedes cando gobernaban”, chimpoulle o concelleiro do Rural. O seu segundo argumento foi o exemplo das beirarrúas na estrada de San Xulián: “Cinco anos co orzamento na Deputación”. A iso engadiu outras actuacións recentes do PP nesta parroquia: asfaltados na Bouza, en Arealonga, a subida á Laxe “que vostedes tiñan abandonada e chea de baches…”, espetoulles Pablo Novas.
-Mentiroso!, díxolle Xosé María Vilaboa.
-Chámolle á orde!, terciou a alcaldesa.
Novas continuou debullando unha lista de obras realizadas en diversas partes de San Xulián: Macenlle, Coirados, A Roza, Moreira, Cidrás, Pardavila… “Seguiría pero non me dá tempo”, sinalou o edil do PP, que tamén falou das limpezas realizadas en Casal, As Pedreiras, Arealonga e quedaron “impecables”, segundo o concelleiro de Rural, que tamén anunciou a próxima pavimentación dende Talleres Macenlle ata A Bouza. “Fíxose un gran esforzo”, rematou Pablo Novas, mentres o grupo de veciños que acompañaban a “cla” do Bloque facían comentarios de desaprobación.
A mención ás beirarrúas de San Xulián tocou a fibra sensible de Francisco Veiga, que tildou esa obra como o “ejercicio de caciquismo más importante de los últimos años”. Non debía pensar o mesmo o día da inauguración, cando o ex-alcalde e ex-concelleiro de Normalización Lingüística asistía a ese paseo polas baldosas que o seu goberno foi incapaz de poñer. “Usted ha bebido de esa leche; copia un sistema caciquil y obsoleto; la pena es que usted aún es joven”, díxolle Veiga a Pablo Novas.
“Trae un discurso preparado maravilloso”, engadiu Veiga, “pero esta gente no está por nada”, dixo en alusión aos veciños. O concelleiro do Psoe non arreou o discurso caciquil, suxerindo a idea de para conseguir que se faga unha obra, cómpre “el pago de un peaje para un cacique de aldea como usted”.
Fai dano aos oídos escoitar a Veiga e xa nos tarda que se lle acabe a bicoca. Non lembra cando empezou sendo alcalde e non sabía fiar dúas frases seguidas sen tatexar. Non lembra cando os veciños do Pituco iamos aos plenos, ou os da Brea, que nin sequera podían entrar. Os discursos demagóxicos de Veiga son un insulto á memoria e á dignidade dos colectivos que non fomos polo seu rego.
Pilar Blanco pechou o debate da moción tomando o fío de Veiga: “Na Deputación hai un niño de caciques e as beirarrúas de San Xulián non se fixeron ata que chegou un cacique coma vostede”. A concelleira do Bloque seguiu abundando na suposta existencia de dous tipos de asociacións: as que piden e non conseguen nada, e as que consiguen investimentos porque están “presididas por xente amiga con carné do PP”.
A moción aprobouse por unanimidade.
Deixar unha resposta