Este anuncio en papel amarelo (ou na súa nova versión en folio laranxa: para exemplo, ver diante do bar Xan Xián), escrito afortunadamente nun aceptable galego, pódese ver nalgúns paneis informativos da parroquia dende finais desta semana. Anuncia o prazo para a presentación de candidaturas á directiva da Comunidade de Montes de San Xulián, ata o xoves 8 de xaneiro, e a celebración de eleccións o domingo 18 de xaneiro ás 16:00h en primeira convocatoria e ás 18:0oh en segunda convocatoria.
Curiosamente, esas datas non son as que figuran noutro comunicado diferente que apareceu a principios da semana pasada nos mesmos paneis informativos: fotocopiado nun folio branco, escrito en castelán e con espantosas faltas de ortografía. Neste primeiro aviso emprazábase os comuneiros e comuneiras ás eleccións para o mércores 21 de xaneiro, sendo o luns 12 de xaneiro o día límite para a presentación de candidaturas. Estas datas son as mesmas das que se falou na asemblea do pasado 21 de decembro.
…A que vén tanta confusión?
Non é tanto pola discrepancia nas datas: as que figuran no comunicado amarelo parecen mesmo máis razoables; tal vez a causa da liorta que se armou na última asemblea, os membros do sector maioritario da directiva trabucáronse e non atinaron buscando a data axeitada para a celebración das eleccións, confundindo o calendario deste mes de decembro en vez de mirar a axenda de xaneiro de 2015: certamente, a asemblea electoral non se podería facer un mércores 21. Pero por que non o domingo 25 de xaneiro? A qué vén esta présa na convocatoria de eleccións? Que entre a asemblea do 21 de decembro e o día das votacións non hai nin sequera un mes de diferenza!
A confusión que se critica, neste caso, vén a conto desta estraña duplicidade de comunicados, atribuíble aos dous bandos radicalmente opostos nos que está dividida e enfrontada a directiva actual.
O que se critica é a escasa ou nula formalidade e seriedade pola sucesiva aparición, desaparición e reposición de avisos con mensaxes diverxentes nos paneis informativos, que fai que a veciñanza estea exposta a unha situación de indefensión, desinformación e asombro (e vergoña, nalgúns casos).
Na orde do día da asemblea que se anuncia para o 18 de xaneiro non hai ningunha referencia aos puntos da orde do día da asemblea do pasado 21 de decembro que quedaron sen tratar: o estado de contas, o informe de xestión, a actualización do censo de comuneiros.
Van quedar as contas sen aprobar por todo un ano? Non se van dar explicacións dos gastos e dos ingresos que houbo? A que se destinaron ou destinarán os cartos pagados polo Ministerio de Defensa a conta da cesión da parcela que ocupará a BRILAT no Alto da Encavada? A partir de cando ese espazo vai quedar vetado para o acceso da veciñanza? Será compatible ou non co aproveitamento dos recursos que poida xerar esa zona?
Entre os asuntos que se xestionaron, un par de pinceladas: Cales foron exactamente os acordos aos que se chegou co Ministerio de Defensa, dos que aínda non se deu conta? En que termos se produciu a negociación entre a Comunidade de Montes de San Xulián e ACUAES, co Concello de Marín, para a instalación dun depósito de auga en Pardavila e o paso das tubarías polo Monte Pituco, cando no proxecto inicial non se contemplaba esa posibilidade?
Deixar unha resposta