Publicado por: MontePituco | 17/11/2014

PLENO DE NOVEMBRO: FUNDACIÓN LAGO CASTIÑEIRAS

Aprobación por maioría do apoio á Fundación do Lago de Castiñeiras.

O apoio institucional da Corporación municipal de Marín á creación da Fundación Lago de Castiñeiras é sinónimo da escenificación dun acto de hipocresía por parte dos que lle deron cobertura a ese acordo co seu voto. É a todas luces incoherente apostar polo uso social, cultural e turístico dun espazo cando, a unha distancia relativamente curta hai outro espazo -o Monte Pituco- con valores paisaxísticos (en plena fachada da ría), con demanda cidadá (velaí a participación multitudinaria nas recentes andainas) e cun importante patrimonio histórico (mámoas e petroglifos catalogados) que, en cambio, está clasificado como solo industrial, co agravante de pertencer ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo. Lonxe de apostar polo desenvolvemento do proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños no que se inscribe o Monte Pituco -como así llo solicitou ao Concello de Marín a comisión técnica desta iniciativa- o Goberno local de Marín e a Comunidade de Montes de San Xulián non fan outra cousa que ser cómplices mutuos do abandono premeditado e da deixadez consciente desta contorna na súa estratexia para xustificar a perda dos seus valores medioambientais como paso previo á xustificación da instalación dun polígono.

Segundo expuxo a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, co respaldo do Concello de Marín a esta proposta procurábase potencial o “uso social, cultural e turístico” da Fundación Lago de Castiñeiras, impulsada polas comunidades de montes de San Tomé de Piñeiro e San Xulián, en Marín, e de Santa Cristina e San Martiño, en Vilaboa, que xa asinaron o documento. No texto da proposta apúntase que redundará na creación de postos de traballo, polo que as comunidades de montes instan as Administracións públicas a achegar medios económicos para a súa posta en marcha.

A edil de Medio Ambiente recoñeceu que o Lago de Castiñeiros presenta un importante estado de desterioro e defendeu a creación da Fundación Lago de Castiñeiras para poñer en valor este espazo e consolidalo como un dos principais puntos de interese turístico non só para Marín, senón para o resto de Galicia.

O concelleiro socialista Manuel Pazos Lamoso abriu o turno de intervencións da oposición para gabar as comunidades de montes por impulsar unha “iniciativa boa que lles honra”. E criticou a “deixadez da Xunta” por este enclave, motivo polo cal as comunidades queren “rescindir” o acordo de cesión ao que chegaran coa Administración autonómica. Co novo modelo de xestión, segundo Pazos Lamoso, as comunidades poderían optar a fondos europeos e a programas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

…Un pozo de sabedoría o señor Pazos Lamoso, que ten imán coa Comunidade de Montes de San Xulián porque non hai pleno con asistencia de insignes representantes desta organización que non se lle peguen coma lapas ao término da sesión para venderlle algunha moto. De motos e embarques tamén sabe Pazos Lamoso, que xura e perxura que o Monte Pituco é o sitio máis chan de todo Marín para instalar un polígono industrial. Deus críaos e eles xúntanse.

Pola súa parte, a nacionalista Pilar Blanco puxo o seu partido “a disposición das comunidades de montes”, como non podía ser menos tendo en conta a simpatía de quen preside os comuneiros de San Tomé. Abundou Blanco na orixe da situación que atravesa o Lago e acusou a Xunta de non facer os seus “deberes” malia que as comunidades de montes cederon os terreos para instalar o centro de recuperación de fauna e a aula de natureza. “As comunidades de montes soas non serán capaces”, segundo Pilar Blanco, de dar conta do recado, por iso puxo como exemplo a ruta das mámoas, impulsada no seu día pola Fundación Comarcal do Morrazo con Fondos Proder e que actualmente está “desaproveitada”, engadiu Pilar Blanco.

Máis que desaproveitada, o que non sabe Pilar Blanco é que a ruta está nunha situación tan precaria como a do propio Lago de Castiñeiras, ata o extremo de que a Mámoa do Rei está chea de broza. Mágoa que a concelleira do Bng non prepare os seus discursos previa visita aos lugares sobre os que pretende sentar cátedra.

Pilar Blanco cuestionou que o deterioro de Castiñeiras teña que ver coa retirada dos cervos -“que non eran cervos”, matizou con ironía- que había “en catividade”. Ademais da prohibición de utilizar os asadores, a voceira do Bng fixo unha lista das eivas do espazo: o deterioro dos valados e dos viais, a ausencia de rozas para manter a broza a raia, e por riba, a “chambonada” de obra realizada pola Deputación na estrada ata Cruz da Maceira, convertida nun “camiño perigoso”. Ademais, criticou que non haxa punto de información, nin servizos, nin paneis informativos, ademais do peche da aula de natureza e do miradoiro de Cotorredondo, e da falta de sinalización da ruta das mámoas dende 2007. “As comunidades de montes poñen sobre a mesa un proxecto elaborado, que as Administracións o impulsen”, concluíu Pilar Blanco.

Quen achegou un punto de vista distinto foi a concelleira de Mar-In, Isabel Martínez Epifanio, que, malia felicitar as catro comunidades de montes pola iniciativa chamou a atención sobre un aspecto fundamental: “As comunidades non necesitan o Concello, de feito, os seus representantes xa asinaron o acordo”, engadiu.

En efecto, no caso de San Xulián, a adhesión da Comunidade de Montes de San Xulián produciuse sen pronunciamento previo da asemblea de comuneiros, dando por feito que habería maioría favorable. Como ogallá así sexa, todo sexa dito.

Martínez Epifanio amosouse partidaria de que a Xunta “asuma a súa responsabilidade” na xestión e mantemento deste parque forestal e criticou que as comunidades “falen do desenvolvemento dun proxecto que non lle foi presentado ao Concello”. Máis aínda, advertiu que “non hai memoria do custe económico” e preguntouse “ata que punto podería implicar un custe para o Concello”.

A edil independente tamén se pronunciou a favor da recuperación das áreas de lecer e do patrimonio cultural, “pero que a Xunta garanta todo iso e se ocupe de poñer todo iso en valor”, engadiu. Para Martínez Epifanio é o momento de parar a tendencia na que “a sociedade civil teña que ser a que bota man do que non fai a Xunta”.

Tomou a palabra a alcaldesa para explicar que como Castiñeiras non mellora co sistema actual, “o mellor é propoñer outro sistema” que permita conseguir as axudas necesarias, e que conforme “se vaia vendo un proxecto e a iniciativa vaia tomando forma”, se artellen mecanismos de apouo económico. “Que sexa viable dende o punto de vista económico”, insistiu María Ramallo, argumentando que “non é bo seguir parcheando”.

…Para parches, tiritas e cataplasmas están outros problemas eternamente renqueantes en Marín: o saneamento do rural, os verquidos no río Loira, a correcta catalogación do patrimonio arqueolóxico, a situación dos recheos portuarios…

O segundo turno de intervencións non achegou nada novidoso.

Pazos Lamoso discrepou na voceira nacionalista ao afirmar que o decaemento do Lago vén dende os últimos 6-8 anos “pola prohibición de asar”; unha prohibición que “debe ser revisada”, segundo o edil socialista. Pazos propuxo que se leven a cabo traballos preventivos -non se deberían realizar en toda a superficie forestal, non só no Lago?- e que o Concello colabore economicamente coa Fundación na posta en marcha dun proxecto “non faraónico, senón modesto”, argumentando que “o problema podería vir pola falta de mantemento no tempo”.

…Como pasa con tantas cousas: a granxa de Briz, o castro da Subidá, o paseo fluvial do Lameira, o auditorio ao aire libre de Seixo… todos eles, por certo, realizados durante o mandato Psoe-Bng na época das vacas gordas, con pouca previsión de cara ás vacas fracas que viñeron despois cando o bipartito xa non tiña responsabilidades no goberno local.

Pilar Blanco chegou a suxerir que o presidente da Comunidade de Montes de San Tomé tomara a palabra para falar sobre “multifuncionalidade do monte, recuperación e posta en valor do patrimonio cultural”. Falou Pilar Blanco de “xeración de emprego” vencellada ao aproveitamento dos recursos do monte. E xustificou que as comunidades de montes boten man do que a Xunta debería xestionar porque “ten máis medios” porque “ÑAS COMUNIDADES DE MONTES DÓELLES O MONTE”, por iso a Fundación Lago de Castiñeiras debería ser “unha realidade canto antes”.

…Que agradecido é gabar os amigos. O que non é xusto é meter a todos no mesmo saco.

Porque dicir que á Comunidade de San Xulián lle doe o monte é non ter nin idea da realidade. En San Xulián díxose que o monte “non é rendible” e que menos mal que viña o maná da Brilat para ter ingresos. En San Xulián o patrimonio cultural molesta e non hai maneira -nin polas boas nin polas malas, coa Lei de Patrimonio na man- de convencelos para que invistan un céntimo tan sequera na limpeza dos xacementos situados en terreo comunal. En San Xulián manifestáronse contra a Brilat pancarta en ristre co lema “San Xulián en defensa dos nosos montes” cando ao que se dedican é a descapitalizar a comunidade, soltando lastre -é dicir, cedendo terreos- en beneficio de todo tipo de infraestruturas: liña de alta tensión, variante, campo de manobras militares, futuro depósito de auga en Pardavila, polígono industrial proxectado no Pituco…

Alá Pilar Blanco coa súa visión distorsionada do monte veciñal marinense.

Así que quedémonos coas atinadas reflexións de Isabel Martínez mentres dure Mar-In na Corporación: “a Xunta ten que investir onde ten unha responsabilidade”, recalcou a concelleira independente, partidaria de “poñer en valor o monte, dinamizalo e xerar emprego” pero non dende unha Fundación participada por entidades privadas como as comunidades de montes. “O proxecto debe ser da Xunta; non lle quito valor ás comunidades, pero estou farta de que as entidades particulares e os cidadáns teñan que saír para salvar a Administración, que debe cumprir, e iso haino que cortar de raíz”.

Na votación, PP, Psoe e Bng votaron a favor do apoio á Fundación Lago de Castiñeiras.

A concelleira de Mar-In abstívose.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: