Publicado por: MontePituco | 29/09/2014

ÉXITO DA ANDAINA POLO MONTE PITUCO AO SOLPOR

MÁIS DE 150 PERSOAS PARTICIPARON NA ANDAINA POLO MONTE PITUCO ADMIRANDO A PAISAXE E O PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO DA CONTORNA

Foto, José Álvarez

[Foto, José Álvarez]

Entre 150 e 200 persoas participaron na “andaina polo Monte Pituco ao solpor” que organizou este fin de semana a Asociación Monte Pituco. Por primeira vez, o itinerario centrouse exclusivamente no patrimonio arqueolóxico e etnográfico do monte veciñal de San Xulián, visitando os conxuntos rupestres de Pinal de Caeiro, A Carrasca, Champás e Pornedo, catalogados como Bens de Interese Cultural, cun nivel de protección equivalente ao da catedral de Santiago.

Foto, Rita Fontán

[Foto, Rita Fontán]

Tamén por primeira vez levouse a cabo a experiencia de contemplar petróglifos con luz artificial, inmediatamente despois do crepúsculo. Así, no caso dos gravados de Pornedo, o público puido apreciar con total nitidez os círculos concéntricos, xunto coas figuras dunha  espada e dun puñal, que foron labrados nesta laxe na Idade do Bronce.

Foto, Antón Lois

[Foto, Antón Lois]

Non só asistiu veciñanza de Marín e Pontevedra, senón tamén público procedente de Moaña, Redondela, Vigo, Baiona, Santiago ou Noia, entre outras localidades, convocados maioritariamente a través das redes sociais. Entre os participantes atopábanse representantes de comunidades de montes dos arredores, colectivos ecoloxistas como Amigos da Terra e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, entidades culturais como Queremos Galego-Marín, o Colectivo A Rula de Compostela e a Asociación Cultural Alén Nós de Redondela impulsora do proxecto Monte Penide Prehistórico, así como grupos políticos como Anova-Marín e docentes de varios centros educativos marinenses.

Foto, Antón Lois

[Foto, Antón Lois]

Ademais de admirar a paisaxe da ría dende o Monte Pituco e de coñecer un valioso conxunto de xacementos prehistóricos, o roteiro tamén pasou por un antigo camiño de carro onde aínda se conservan as marcas das “rodeiras”; un elemento de indubidable interese etnográfico que cómpre preservar para o coñecemento da nosa cultura tradicional e da nosa historia, xa que estas corredoiras eran transitadas polos habitantes dun e doutro extremo da bisbarra do Morrazo para transportar as mercadorías que compraban e vendían no mercado, ou para desprazarse polo monte na procura de leña e estrume para o gando.

Foto, Rita Fontán

[Foto, Rita Fontán]

Con estas rutas de sendeirismo, a Asociación Monte Pituco continúa reivindicando a defensa deste Espazo Natural dos Montes do Morrazo, xa que o Monte Pituco foi clasificado como solo industrial no PXOM de Marín e incluído no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia. A Asociación Monte Pituco ten interposto senllos recursos contra a intención do goberno local marinense e da Xunta de urbanizar esta zona, causando un impacto visual irreversible en toda a ría e con graves afeccións no medio ambiente e no patrimonio histórico catalogado.

Foto, José Álvarez

[Foto, José Álvarez]

Por iso, dende a Asociación Monte Pituco emprázase ao Concello de Marín e á Comunidade de Montes de San Xulián, como propietaria dos terreos, a respectar este espazo e a sumarse á iniciativa das comunidades de montes veciñas de Lourizan e de Salcedo, que van apostar pola sinalización e posta en valor dos elementos incluidos no proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

Foto, Antón Lois

[Foto, Antón Lois]

 


Responses

  1. […] de Antón Lois, de Amigos da Terra, tomada na Andaina polo Monte Pituco ao solpor, celebrada en setembro de […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: