Publicado por: MontePituco | 15/09/2014

FIN DA CAMPAÑA 2014 NO CASTRO DAS CROAS, EN SALCEDO

[Foto do acto de clausura da excavación. Foto da organización]

Rematou a campaña de excavación no Castro das Croas, impulsada polo Concello de Pontevedra nesta zona do monte veciñal de Salcedo, cuxos comuneiros cederon gratuitamente o terreo para esta prospección, nun exemplo de compromiso coa cultura, coa historia e coa procura de novas formas de progreso asociadas ao estreitamento dos lazos que reforzan a identidade colectiva e a cohesión social.

Atrás quedan dúas semanas de traballo nos que un equipo interdisciplinar formado por arqueólogos, antropólogos, divulgadores e asesores realizaron un interesante traballo do que quedou constancia na web http://salcedonotempo.eu/

Mais a misión non remata no traballo de campo propiamente dito. O concelleiro de Patrimonio de Pontevedra, Luis Bará, anunciou que se lle solicitará permiso a Patrimonio para proseguir as excavacións na primavera ou no verán de 2015 para, dunha banda, poder ampliar o coñecemento sobre este poboado prehistórico, e por outra, desenvolver un proxecto de consolidación e conservación das estruturas atopadas ao entender que se trata dun espazo dun enorme interese cultural que cómpre poñer en valor.

[Visita guiada. Foto da organización]

Ata ese momento, os restos que foron descubertos serán protexidos e cubertos de xeito preventivo por motivos de seguridade e para evitar o seu deterioro mentres nons se poña en marcha unha nova fase de investigación.

De curto prazo, as próximas citas serán nas seguintes datas:

– Xornadas divulgativas o 23, 24 e 25 de setembro no local social de Cabanas-Salcedo (antigo preescolar de Cabanas), coa participación de Antonio de la Peña (arqueólogo do Museo de Pontevedra), Eduardo Méndez (director da excavación do Castro das Croas), Buenaventura Aparicio (antropólogo), Rafa Quintía (antropólogo), Josefa Rey Castiñeira (profesora titular da USC), María Martín Seijo (doutora en Arqueoloxía e Historia da Antigüidade pola Universidade de Santiago).

– Visitas guiadas para escolares na primeira semana de outubro.

– Roteiro polo monte das Croas: sábado 4 de outubro.

Na xornada de clausura, o pasado venres, atopábanse entre o público o presidente da Comunidade de Montes, Fernando Pintos, Ramón Laxe, da Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta, habitantes da contorna, e voluntarios que participaron nas sesións de traballo abertas convocadas polo Concello para facer partícipe a cidadanía deste proxecto.

[Xornada de voluntariado. Foto da organización]

“Nos limpamos o Monte das Croas dado o interese do Concello de traballar con máis profundidade no lugar, e tamén recuperamos os muíños do Batán que estaban totalmente abandonados, en colaboración con veciños herdeiros, que son os propietarios. Agora estamos a traballar para que un propietario ceda á Comunidade de Montes un dos muíños e que poidamos convertelo nun museo etnográfico sobre o pan. Tamén denunciamos todo tipo de petroglifos abandonados e limpamos as árbores que os estaban desfacendo, como tamén limpamos o río. Estamos traballando en poñer en valor toda a superficie do monte, con limpeza e repoboacións axeitadas con especies autóctonas nas zonas de ribeira. Tratamos de desenvolver de forma correcta todos os proxectos contando coa colaboración da Comunidade de Veciños, Concello e outras entidades”.

Fernando Pintos, presidente da Comunidade de Montes de Salcedo, entrevistado na web salcedonotempo.eu

No peche desta tempada fíxose un balance positivo desta actuación, que forma parte dun proxecto de posta en valor do Espazo Etnográfico e Arqueolóxico do Val de Tomeza e Salcedo, que contempla diversas accións de conservación, rehabilitación, interpretación de dinamización do patrimonio rural.

…E que resultado tivo a excavación? Confirmouse a existencia dun castro de 2.500-2.700 anos de antigüidade, singular non só pola súa orixe senón tamén polas características constructivas da muralla, de estrutura monumental. Polos datos reunidos, está considerado o asentamento humano coñecido máis antigo de todo o ámbito territorial de Pontevedra.

[Pedras de moer atopadas no terceiro día de traballo. Foto da organización]

Esta excavación supuxo retomar un traballo que iniciaran nos anos 90 os arqueólogos Víctor Barbi e Antonio de la Peña neste poboado da primeira fase da cultura castrexa. De la Peña concluíra daquela que o castro puidera ser abandonado durante o proceso de construcción e que non chegara a ser habitado. Os arqueólogos da empresa A Citania, dirixidos por Eduardo Méndez, do Instituto de Estudos Miñoranos, centráronse na muralla que aparecera nos anos 90 e na estrutura dunha vivenda.

Ademais dos aspectos estrictamente arqueolóxicos, esta intervención tamén contemplaba o artellamento dun discurso histórico e antropolóxico arredor das lendas e das historias que os habitantes de Birrete-Salcedo foron tecendo na súa relación con este castro.

Cómpre felicitar ás entidades que fixeron posible esta actuación e dar por ben empregaod os 28.140 euros que se destinaron a esta intervención, que seguramente siga deparando agradables sorpresas. Polo pronto, cómpre agardar polas probas do Carbono 14 que o Grupo de Estudo para a Prehistoria do Noroeste Ibérico da Universidade de Santiago, está realizando de determinados restos cerámicos e vexetais atopados na excavación.

Estamos seguros que se o Espazo Etnográfico e Arqueolóxico do Val de Tomeza e Salcedo é hoxe unha realidade que tomou forma en pouco tempo, débese a que houbo un precedente, cando menos inspirador: o proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Non en van, o Concello de Pontevedra colaborou nel e a presentación do documental “Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños: encrucillada do tempo”, estreouse no Teatro Principal.

Pero entre un e otro hai dúas diferenzas sustanciais: o do Val de Tomeza e Salcedo abrangue só unha parte do rural pontevedrés, mentres que o proxecto do Espazo Sete Camiños implica o patrimonio histórico de tres concellos: Pontevedra, Vilaboa e Marín.

A outra diferenza é obvia: o Espazo do Val de Tomeza e Salcedo está en fase de desenvolvemento, mentres que o proxecto do Espazo Sete Camiños non se chegou a poñer en marcha ao completo pola negativa do Concello de Marín e da Comunidade de Montes de San Xulián a apostar pola recuperación e posta en valor do patrimonio existente no ámbito do Monte Pituco.

Dunha comunidade de montes que fomenta entre os comuneiros a desafortunada idea de que o monte tense que destruír para convertelo nun polígono industrial, pouco se pode esperar; polo menos mentres non sopren novos aires que arrecendan a cultura, desenvolvemento sostible, defensa da terra e restauración dunha identidade colectiva que actualmente está completamente desestructurada.

Pero dun concello que, cando se lle presentou o proxecto, estaba gobernado por partidos teoricamente progresistas, e cunhas concellerías de Cultura e de Medio Ambiente dirixidas polo BNG, o que cabía esperar era todo o contrario do que respostaron: indiferenza, desprezo e mesmo vontade por desafectar o Monte Pituco do Espazo Natural dos Montes do Morrazo. Nin o PP que actualmente ostenta o Goberno local deixou tanto que desexar, que aínda polo menos un grupo de concelleiros se dignaron -máis por compromiso que por convicción- en visitar un dos conxuntos rupestres e de tomar nota, aínda que fose con tinta “invisible”, da urxente necesidade de protexer este legado.

En Pontevedra tomaron boa nota e non perderon tempo en aglutinar baixo un mesmo “paraugas” un conxunto de bens importantes que se atopan na contorna do Val de Tomeza e Salcedo: o conxunto etnográfico dos muíños do río do Batán (restaurados polos veciños e veciñas), as estacións arqueolóxicas de Vilar de Matos (Cabanas), Mato das Cruces (A Esculca) e Outeiro da Mina; o Pazo de Gandarón (sede da Misión Biolóxica); o trazado da Vía XIX e os miliarios descubertos nas obras de construción da vía férrea; e o Castro das Croas.

O Concello de Pontevedra contempla a súa restauración, sinalización e deseño dun programa de divulgación e dinamización mediante exposicións, guías, paneis interpretativos e roteiros.

Ogallá viren as tornas e máis pronto que tarde se apliquen en Marín políticas como as do municipio veciño. E si, estas iniciativas TAMÉN dán votos!

[Acto de peche da campaña. Foto da organización]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: