Publicado por: MontePituco | 27/08/2014

NO CABODANO DE SATURNO VIDAL

Saturno Vidal

Hai uns días cumpriuse o primeiro aniversario do pasamento de Saturno Vidal. Os seus amigos e compañeiros de Marinenses Independentes organizaron unha ofrenda floral ante a súa sepultura no cemiterio de Marín, previa ao funeral de cabodano que se oficiou na igrexa de San Xulián.

Foi un acto de homenaxe sinxelo e emotivo, marcado polo silenzo e polo respecto dos seus veciños, polo acompañamento e o apoio á súa viúva e os seus fillos.

A continuación, o texto que se leu en memoria de Saturno Vidal:

Hai persoas que pasan. Están no mundo, andan pola vida, fan, desfán… Pasan, e deixan de pasar. Viven, e deixan de vivir. É o noso sino: nacemos para, un día, morrer. E de aí, tal vez, ao esquecemento.

Pero hai persoas que pasan… mais deixan un pouso, un legado, unha obra material ou inmaterial, algo polo que ser recordadas durante moito tempo aínda que xa non estean fisicamente entre nós.

Por moito que as estrañemos teremos bos motivos para telas presentes: un consello que nos deron, unha man que nos tenderon cando precisabamos axuda, un toque de atención para endereitarnos cando tomabamos un rumbo errado, ou o simple feito de escoitarnos.

Saturno pertence a esta clase de persoas que non caeron na indiferenza nin no conformismo. Velaí están as hemerotecas para que sigamos tendo presentes as numerosas causas nas que participou con compromiso e seriedade, sendo fiel aos seus principios.

O movemento veciñal, o desenvolvemento da parroquia a través da xestión do monte comunal,a acción política vencellada ao progreso de Galicia, da nosa vila, da nosa lingua e da nosa cultura. Son só algúns dos seus méritos a nivel público.

De portas adentro, Saturno era un exemplo de diálogo e de calma. Un diálogo pausado. Unha calma non exenta de ironía. Ese ambiente de entendemento e de cordialidade que cultivou na súa familia, foi o que marcou tamén a súa convivencia coa veciñanza.

E por iso estamos aquí, honrando a súa memoria. Que é tamén a memoria doutras persoas coas que Saturno tiña boa sintonía e que, coma el, pasaron e deixaron un pouso: Broullón, Xan…

Son semente esperanzadora e referentes nos que inspirarnos neste mundo hostil, ante o que cómpre seguir loitando contra a inxustiza.

Vaian por Saturno estes versos do poeta morracense Xosé Manuel Millán:

“A consigna é aprender a rebelarnos
miúdos e infinitos como somos,
seixos só nun camiño estreito e longo
que vén desde o siléncio e nos fai canto”.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: