Publicado por: MontePituco | 05/08/2014

SORTE DE QUEN TEÑA POZO OU TRAÍDA PROPIA

Na arqueta pertencente ao manancial das Presas.

Afortunad@s os habitantes do rural marinense que conten con pozo ou traída de auga propios. A avaría que se producíu este pasado fin de semana nun colector en Pontevedra, á altura das Corbaceiras, estalle traendo moitos quebradeiros de cabeza ao Concello de Marín.

Foi necesario instalar, como hai tres anos con motivo dunha rotura semellante, unha bomba para impulsar a reposición do caudal dos dous tanques dos que dispón o depósito das Pedreiras para abastecer de auga a poboación do casco urbán e de Cantodarea.

Ademais, houbo que volver poñer en servizo a antiga tubaría entre Pontevedra e María, malia o seu limitado diámetro; e valerse da colaboración da Escola Naval Militar, que tamén achegou o seu propio caudal de auga para reforzar os depósitos da Costa e de Cadrelo.

Quen peor parte está a levar polas consecuencias desta inesperada e inoportuna incidencia é a veciñanza de Seixo e Loira, aínda que as restriccións aféctanlle a boa parte de Marín: rúas Ezequiel Massoni e Jaime Janer, A Costa, Cividanes, Briz, barriada Maestranza e San Pedro…

A reparación levará o seu tempo e aos afectados non lles queda máis remedio que seguir as recomendacións do Goberno local: uso responsable e mínimo de auga en plena época estival, cando o líquido elemento escasea máis e cando o seu consumo ten unha maior demanda pola afluencia de visitantes foráneos.

Por iso os veciños e veciñas do contorno do Monte Pituco temos que seguir defendendo un legado fundamental: os mananciais naturais que abastecen as nosas vivendas para uso doméstico e para regar as leiras do val da Curxeira.

O depósito do Caeiro, que lle dá servicio polo menos a cinco vivendas e varias parcelas dedicadas a cultivos, está afectado directamente polo proxecto de construcción do polígono industrial que planificaron o Concello e a Xunta no Monte Pituco. As obras que habería que facer para acondicionar o terreo requerirían -pola composición xeolóxica desta zona, como así sucedeu na construcción da Variante- a utilización de potentes cargas explosivas que, unha vez máis, ameazarán a pervivencia destes acuíferos ancestrais, moi abundantes no Monte Pituco, un dos cales está datado -pola documentación que se conserva- no ano 1820.

A veciñanza do Pituco quere conservar as súas traídas particulares, cuxa existencia está acreditada dende moi antigo. A veciñanza do Pituco non quere a auga clorada da traída municipal, senón a auga fresca e cristalina do monte, ameazada pola especulación e pola cobiza dos pro-polígono. A veciñanza do Pituco quere que o monte siga sendo un lugar tan rico nun ben tan prezado, que as fontes sigan manando para saciar a sede da fauna silvestre, e que non se convirta nun ermo desértico de asfalto e formigón.

Pola defensa dos nosos mananciais e traídas de auga, POLÍGONO NON!

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: