Publicado por: MontePituco | 23/07/2014

DESBROCES FEITOS, DESBROCES PENDENTES

Desbroce da pista forestal do Pituco.

Hai uns días realizouse o desbroce da pista de acceso ao Monte Pituco.

A  última vez que se limpara a vexetación neste vial foi en agosto de 2013, nunha época de calor abafante que, tal como se denunciou neste blogue, máis que unha medida oportuna foi unha auténtica temeridade e un exemplo de irresponsabilidade debido ao elevado risco de incendio e malia as advertencias para que non se realizaran traballos forestais.

Nesta ocasión, un ano despois, estes traballos de limpeza realizáronse a mediados deste mes de xullo, nunha época na que afortunadamente a temperatura non é aínda excesivamente elevada.

Desbroce da pista forestal do Pituco.

O que segue sendo unha asignatura pendente dende máis tempo do razoable é a reparación do firme da pista, ostensiblemente deteriorado inverno tras inverno, riada tras riada.

Van dous anos dende que a Comunidade de Montes anunciara que se incluira esta proposta no plan de traballos solicitados á Xunta, e non hai trazas de que -sexa con fondos e medios propios ou cedidos pola Administración- esta mellora se vaia producir.

Destínanse camións e camións de formigón a reparar outras pistas e mesmo camiños particulares, e a estas alturas aínda non apareceu un triste camión de xabre, de area ou do material que proceda -porque se algo está claro é que non se pide cemento nin asfalto para o arranxo deste vial- para acondicionar o acceso polo Pituco.

Desbroce da pista forestal do Pituco.

Chama a atención que se desbrozara a antiga área recreativa onde antano se instalaran bancos e mesas de pedra; un mobiliario que a Comunidade de Montes acabou retirando aducindo actos vandálicos e que se repartiu entre a arboreda a carón da estrada de Figueirido e a propia Casa de Montes, onde se instalou un asador con parte das pedras que se retiraron deste espazo.

Malia tratarse dunha parcela reforestada con exemplares de carballo americano e de castiñeiro, esta zona está AFECTADA POLO PROXECTO DE INSTALACIÓN DUN POLÍGONO INDUSTRIAL contemplado no PXOM de Marín.

…Acabarán retirando tamén as árbores coa excusa de que algún día esta terra será arrasada polos camións e as excavadoras que se destinen á construcción dese hipotético parque empresarial? Ou podaranas directamente polo pé?

Desbrozada parte da zona afectada polo proxecto de polígono industrial.

Desbrozada parte da zona afectada polo proxecto de polígono industrial.

Desbrozada parte da zona afectada polo proxecto de polígono industrial.

…Como tamén podaron polo pé as herbas da Pampa, esa especie invasora que ten literalmente “invadido” o recheo feito pola empresa que executou a Variante de Marín.

Non é a primeira vez que en DEFENDE O MONTE PITUCO se critica o método elixido pola Comunidade de Montes para eliminar a herba da Pampa, ou cortadeira. Gastar cartos en rozar nela cunha desbrozadora é tanto como tirar o diñeiro, porque ao cabo dun tempo a herba rebrotará e seguirá florecendo, botando semente e extendéndose.

Cantas veces se ten recomendado a súa erradicación con métodos mecánicos, porque só retirándoa de raíz se consegue que non volva agromar. Son múltiples os exemplos, empezando polo colectivo Vaipolorío, que empregou este sistema para eliminar a herba da Pampa do contorno do río Gafos, para o que mesmo contou coa colaboración económica e material do Concello de Pontevedra.

Unha vez máis, as herbas da Pampa, rozadas en vez de arrincadas de raíz.

Polo que si cómpre felicitar nesta ocasión á Comunidade de Montes de San Xulián é polo desbroce da arboreda do Pituco, situada entre o cruce da Variante e o cruce do Regueiriño.

Porque a vexetación xa tiña medrado de xeito abundante nos extremos desta parcela e empezaba a dificultar a visibilidade.

Dende que DEFENDE O MONTE PITUCO empezara a reivindicar o mantemento deste espazo, a Comunidade de Montes tense ocupado -despois de moito tempo sen actuar- da limpeza e da instalación dun bidón de lixo, que tamén se lle suxeriu ante a inexistencia de papeleiras. Quedan aínda os restos dunha papeleira inservible que máis valía retirar pola súa inutilidade e o aspecto antiestético que presenta.

Desbrozada a arboreda do Pituco.

Desbrozada a arboreda do Pituco.

Agora que a Comunidade de Montes vai contar con diñeiro extra procedente do canon da cesión de terreos á Brilat -uns 33.000 euros anuais- podía destinar unha parte deses fondos a seguir acondicionando este espazo para convertelo nun referente de lecer:

* instalar surtidores de auga en condicións en substitución das billas actuais, que se por algo destacan é polo pésimo gusto de quen as elixiu

* cambiar o bidón de lixo -que de milagre non acabou a rolos polo barranco- por papeleiras cun deseño resistente e duradeiro

* e sobre todo, instalar un valado perimetral do lado que dá á ría para evitar que calquera persoa -especialmente algún menor das familias que van xantar ou merendar a este espazo- poida caer e precipitarse dende unha elevada altura.

Desbrozada a arboreda do Pituco.

Seguindo coas suxestións, a estrada de San Xulián á altura do lugar da Bouza ten a cuneta cuberta de vexetación. Trátase dun vial de titularidade provincial, cun trazado moi sinuoso, con varias curvas consecutivas.

É habitual que haxa condutores que circulan a unha velocidade inadecuada por esta zona, poñendo en risco a seguridade dos peóns que -neste punto en concreto- carecen de espazo para desprazarse.

A vexetación invade a beiravía na Bouza.

A vexetación invade a beiravía na Bouza.

…Uns tanto e outros tan pouco. Ou ao revés…

Recibimos unha foto-denuncia dunha veciña de San Xulián, indignada porque no lugar de A Roza fíxose unha poda salvaxe dun castiñeiro cuxas pólas estaban á altura dunha pista.

Máis que serrar as pólas que puideran dificultar o tránsito dalgún vehículo, o/s responsable/s desta desfeita esgazou media árbore, deixando á vista astillas afiadas, polas secas a medio caer e restos vexetais no chan.

A brutalidade ten moitas facianas: contra as persoas, contra os animais domésticos, e agora tamén contra unha das árbores sagradas da cultura galega.

Castiñeiro destrozado no lugar de A Roza.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: