
…Como pasa o tempo de veloz! Hoxe mesmo cumpríronse xa tres anos do pasamento do noso inesquecible veciño Xan Montenegro, presidente da Asociación de Veciños de San Xulián e unha das persoas máis comprometidas coa cultura e coa liberdade que temos a honra de ter coñecido.
Dende que nos deixara, os seus familiares e amigos máis directos veñen organizando unha homenaxe na súa memoria, para que non se esqueza nunca o seu legado de coherencia, loita e xenerosidade. O pasado ano instalouse un monolito de pedra na estrada de San Xulián, a carón das novas beirarrúas que se construíron en boa parte grazas á súa intensa xestión de moitos anos. O monumento lucía esta mañá un aspecto remozado, cunha bandeira galega ao seu carón como mostra da militancia nacionalista de Xan.
A homenaxe celebrarase este venres 20 de xuño ás 21:30 horas a carón do seu monolito e está aberta á participación de toda a veciñanza que queira achegarse. Como en ocasións anteriores, reunirá a representantes da vida política, cultural e asociativa da vila e da bisbarra, porque son moitas as persoas que o admiraban e que o lembramos con orgullo: co seu sombreiro, co seu sorriso e coa súa intelixente retranca…
Dende o “balcón da ría”, como el se refería ao Monte Pituco, mandámoslle unha aperta voadora e dámoslle as grazas aos seus achegados por manter viva esta cita en torno á súa figura.
Artigos sobre as anteriores homenaxes:
–Homenaxe a Xan Montenegro: 22 de xuño de 2013.
–Na homenaxe a Xan Montenegro: 23 de xuño de 2012.
–Na emotiva homenaxe a Xan Montenegro: 29 de xullo de 2011.





Deixar un comentario