Publicado por: MontePituco | 14/05/2014

A FRACHA, EN PERIGO POLO TRAZADO DA A-57

Xuntanza convocada por Salvemos A Fracha.

Visitamos o monte da Fracha en 2010 con motivo dunha actividade medioambiental organizada polo Concello de Pontevedra. Quedamos abraiados da grandeza desa paraxe, da riqueza da súa biodiversidade: a abundancia de especies de fauna e flora en espazos tan sensibles como as turbeiras, onde atopamos interesantes exemplares de Drossera…

Agora descubrimos que hai unha plataforma veciñal que, como en Marín co Monte Pituco, uniu os veciños do rural pontevedrés para salvar A Fracha do impacto que lle provocaría o trazado da A-57. E xerounos moita simpatía descubrir o emblema elixido por este colectivo: a figura da Chioglossa Lusitanica ou saramaganta rabilonga, que tamén habita nun dos regatos do Monte Pituco. Unha especie catalogada como vulnerable que intentamos protexer da ameaza do formigón, da que esiximos que se conserve integramente o seu habitat. Por riba das burlas de xente ignorante que despreza o que califican de “simple sabandixa” e mesmo de simpatizantes de certos partidos que van de verdes e culturetas.

Lendo as advertencias que lanza Salvemos A Fracha sobre a afección deste vial, atopámonos cos mesmos motivos polos que DEFENDE O MONTE PITUCO leva loitando cinco anos -que se din pronto- contra o polígono industrial proxectado polo Concello de Marín no PXOM, ao que se acaba de engadir a nova ameaza dun segundo polígono empresarial proxectado pola Xunta no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais:

O impacto paisaxístico irreversible, a brutal agresión ao medio ambiente, a inxustificable desfeita no patrimonio arqueolóxico, a perda de numerosos acuíferos que abastecen a veciñanza para consumo doméstico e de regadío, o inmenso movemento de terras que se precisaría para acondicionar un terreo de forte desnivel e, por tanto, a execución dunha obra que dende o punto de vista económico sería a todas luces inviable.

Por se todo o anterior fose pouco, no Monte Pituco, ademais, contamos cunha figura de protección: o Espazo Natural dos Montes do Morrazo, contemplado nas Normas Subsidiarias e Complementarias de Planeamento.

En Salvemos A Fracha teñen, sen embargo, algo que en DEFENDE O MONTE PITUCO botamos en falta: o apoio da Comunidade de Montes de San Xulián, que é todo o contrario ao que se agarda dunha comunidade de montes: a defensa do monte veciñal, a mellora do seu patrimonio forestal, o desenvolvemento de accións para o seu aproveitamento multifuncional, a posta en valor dos seus recursos culturais e paisaxísticos, a súa proxección como espazo de lecer…

Lonxe diso, a Comunidade de Montes de San Xulián ten un concepto ben distinto da palabra multifuncional; e así, a súa máxima pasa por acumular no monte todo tipo de infraestruturas: a Variante de Marín, a liña de alta tensión, o polígono industrial, a rede de abastecemento de ACUAES, o campo de manobras militares da Brilat… cantos máis cartos dea, benvida sexa canta trapallada se lle poida meter. Hai un desentendemento absoluto polo coidado dos elementos arqueolóxicos, deixadez no mantemento dos accesos, desinterés pola erradicación dos verquidos incontrolados, nula implicación en proxectos de posta en valor do monte como a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños… e así un longo rosario de desencontros que teñen a súa prolongación da desinformación, na manipulación da opinión pública e na connivencia absoluta dos poderes políticos.

Aínda así, son moitos os colectivos sociais, veciñais, ambientais e agrupacións de montes lindantes aprupadas na Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común que velan pola supervivencia do Monte Pituco. Grazas por enésima vez a todas esas entidades e persoas ás que lles importa seguir pisando verde neste noso “balcón da ría”.

Por iso existe tanta identificación con Salvemos A Fracha; dúas plataformas modestas en recursos pero con obxectivos xustos, argumentos sólidos e altura de miras, que é o que lles faltan aos promotores de actuacións tan lesivas e agresivas que só perseguen a especulación e o interese económico duns poucos a costa do patrimonio natural e cultural de todos.

Como di a Mancomunidade de Montes de Pontevedra no seu comunicado de apoio a Salvemos A Fracha:

“As administracións ven ao rural como un problema polo sobrecusto que conleva achegar os servizos a unha poboación tan diseminada e a desvantaxe do minifundio para un determinado modelo de desenvolvemento que só beneficia ás grandes corporacións. Así, as administracións ven unicamente no rural chan barato para facer infraestruturas que fagan crecer o P.I.B., un crecemento que só beneficia a unha pequena parte da súa poboación e que como vimos nesta crise que padecemos non aporta en moitos casos ningunha riqueza a medio e longo prazo“.

Sinal no Monte da Fracha.

Ánimo e adiante.

Salvemos A Fracha! Salvemos o Monte Pituco!

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: