Publicado por: MontePituco | 28/04/2014

CADELA ABANDONADA NA VARIANTE (actualización)

Cadela abandonada na Variante.

Comeza a semana cunha experiencia desagradable: atopando unha cadela abandonada en plena Variante de Marín, a carón da estrada. Pola súa ubicación, o máis probable é que os desalmados/as que a deixaron tirada viñeran nun vehículo dende Pontevedra e fixeran unha parada de “emerxencia” a carón da primeira saída de Marín, á altura da estrada de Figueirido, preto do cruce coa pista de acceso á Laxe e Arealonga. É imposible que se desfixeran dela dende esa pista ou dende a estrada xeral porque o animal atopábase do lado da alambrada máis pegado á Variante e cunha espesa capa de vexetación detrás súa que non daría cruzado polos seus medios.

Así que dende este modesto blogue imos FACER UN CHAMAMENTO a quen puidera circular pola Variante entre as 16:00 e as 17:00 horas da tarde de luns, porque a cadela foi localizada a esa hora, e poida dar algunha pista dun movemento “estraño” por parte dos ocupantes dalgún vehículo que se detivera preto do viaducto que cruza a Variante nesa primeira saída cara a Marín, dende o alto de San Xulián.

Carece de escrúpulos quen abandona unha cadela velliña, feble, medio cega e chea de parásitos. Un animal nesas condicións tan precarias non chega pola súa conta ata ese lugar tan concreto: un pequeno sobrante do vial de circunvalación, a carón mesmo do asfalto, co perigo de que -ao verse soa e desorientada- poida meterse na estrada e causar un accidente de tráfico.

Atopámola sentada, nunha actitude de inútil espera, erguendo a cabeza, as orellas e o fuciño, como buscando unha presenza familiar. Incorporábase por momentos, co rabo entre as patas, tremendo e lambendo as extremidades para deitarse de novo nun desnivel polo que -nun descoido- caeu rodando. E a pobre deixouse ir, indefensa, ata que como puido volveu subir case a rastras.

Todo isto sucedeu no intre que tardou en chegar unha patrulla da Policía Local de Marín, que foi avisada porque o teléfono de Protección Civil non daba sinal. Os axentes puxéronlle unha cinta ao pescozo e metérona no vehículo sen que a cadela puxese a máis mínima resistencia, aliviada tal vez de saír daquel limbo de maleza e de asfalto do que non sabería como saír. Dixeron os axentes que localizarían os voluntarios de Protección Civil para xestionar a súa entrega.

…Queremos pensar que non a sacrificaron. Que a pesar de ser vella, de estar feble, de ter quedado medio cega e de ter o corpo cheo de parásitos, esta cadela tivo outra oportunidade. Que quizais a través do convenio do Concello co Centro de Acollida de Animais da Deputación, este animal recibirá a atención veterinaria que precisa e que se poderá recuperar. Tal vez sexa moi optimista e pouco realista pensar que alguén se apiadará dela e poderá darlle un fogar e o agarimo que lle arrebataron eses desalmados -escoria humana!- que a abandonaron. Pero de cando en vez a vida sorpréndenos con historias cun final feliz.

Cadela abandonada na Variante.

ACTUALIZACIÓN DA INFORMACIÓN (MARTES, 29 DE ABRIL)

Ante a imposibilidade de contactar con Protección Civil, dirixímonos por vía telefónica ao Centro de Acollida de Animais da Deputación de Pontevedra, onde nos confirmaron que recibiron a cadela que onte recolleu a Policía Local de Marín na Variante. Aseguraron que nestas instalacións non se “eutanasia” por sistema os animais e que este, en concreto, recibirá a atención que precise. Tamén precisaron que ata dentro de 20 días non poderán poñela en adopción porque é o prazo que cómpre agardar por se o seu propietario a reclama (que non fará tal!).

Seguirémoslle a pista a esta cadeliña e estaremos pendentes da páxina web do CAAN por se teñen a ben publicitar o seu caso na súa galería de adopcións. Ogallá sexa posible darlle outra oportunidade nun novo fogar para que envelleza dignamente. Grazas a quen se interesou e compartiu a noticia do seu desafortunado abandono.

Datos de contacto do CAAN: Lugar de Busto, Armenteira. 36637 Meis, tlf 608 975 326, http://www.caan.depo.es/


Responses

  1. […] artigo titulado “CADELA ABANDONADA NA VARIANTE” contamos a súa […]

  2. […] -Cadela abandonada na Variante (28 de abril de 2014) […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: