“”
Leva un mes nas librarías o novo libro da profesora Ana Acuña, unha veciña de San Xulián. Esta obra, feita a partir do material elaborado para a súa tese de doutoramento, súmase a outras publicacións nas que ten participado como autora ou co-autora: “Xoán Vidal. Voz e memoria” (2005), “Diccionario Xosé María Álvarez Blázquez” (2008), “Roteiro Xoán Manuel Pintos” (2011), “Pontevedra literaria” (2007), “Os poetas galegos (1936): antoloxía consultada de Xosé Filgueira Valverde” (2008) e “Poesía completa de Lois Pereiro” (2011).
Estamos pois, ante unha investigadora comprometida coa lingua e coa cultura, cunha especialista en literatura e mais en tradición oral, que contribuiu a recuperar en numerosas sesións de traballo de campo nesta parroquia; unha muller sensible co patrimonio natural e histórico a quen temos atopado percorrendo algunhas paraxes do Monte Pituco.
Con esta nova obra recén saída do prelo achéganos ao ambiente dos que denomina como “madrigalegos”, a través do testemuño directo de 54 persoas ás que entrevistou, a través das cales podemos saber da existencia de diversos grupos de intelectuais e estudantes que contribuíron a xerar esa conciencia política e ese foro literario entre os galegos que habitaban ou habitan na capital do Estado dende 1950 ata o ano 2000: a Mocedade Universitaria Castelao, o Seminario da Cultura Galega do Club de Amigos da Unesco de Madrid, o Grupo Bilbao que aínda segue activo a través de figuras tan senlleiras como o editor Sabino Torres ou o escritor Vicente Araguas.
Ogallá haxa oportunidade, nalgunha presentación ou encontro literario, para coñecer máis a fondo “Conciencia política e literatura galega en Madrid”. Que sexa a propia Ana Acuña quen nos debulle esta obra que forneou á lentura do seu traballo tan eficaz como discreto. E que Marín e San Xulián se sintan orgullosos de contar cunha figura da súa talla profesional e humana. Saudiña!




Deixar un comentario