
Ademais dos petroglifos situados no ámbito do Monte Pituco -Pornedo, Sete Camiños, Pinal de Caeiro- e do conxunto rupestre de Champás, na parroquia de San Xulián tamén destaca o complexo rupestre da Carrasca.
Na web Patrimoniogalego.net, o marinense Franjo Padín describe estes elementos pola súa morfoloxía. As imaxes son de Paulo Troitiño.
O complexo rupestre da Carrasca é un conxunto inventariado de seis rochas con petroglifos, nos Montes de San Xulián, situados arredor dunha canteira coñecida como A Carrasca.
O primeiro destes conxuntos sitúase nunha gran laxe moi perto da entrada da canteira e contén unhas vinte combinacións de círculos concéntricos, círculos simples, espirais e unha grande cantidade de cazoletas, todas unidas por trazos.
O petroglifo foi gravemente alterado polo cicel de Pepiño Meixón, o derradeiro petroglifeiro de Marín, quen esculpiu un motivo heráldico de grandes dimensións e algunhas outras palabras con sulcos moi profundos por riba dos gravados antigos.
O segundo destes grupos sitúase a uns 60 metros ao NE do primeiro conxunto de gravados, seguindo un camiño que bordea a canteira polo seu lado leste, sobre unha pedra alta, no lado esquerdo do citado camiño. Contén un grande número de cazoletas, e unha combinación de círculos concéntricos.
O terceiro dos conxuntos de gravados está nunha laxe a ras do chan, a uns 60 metros da segunda das rochas insculpidas, seguindo polo mesmo camiño, á man dereita, a moi poucos metros do mesmo.
Contén unha combinación de círculos concéntricos e algúns outros trazos de difícil interpretación.


Franjo Padín tamén advirte sobre a precaria situación destes petroglifos catalogados. Entre os problemas que ameazan a súa conservación figura o perigo de incendios pola presenza de eucaliptos arredor do xacemento, a vexetación mesta de toxo e a broza que medra das súas proximidades. Ao atoparse preto dunha canteira, o entullo manteno semioculto. E como sucede de con todo o patrimonio da parroquia, está sen balizar nen sinalizar.


O conxunto rupestre da Carrasca complétase con outros elementos que figuran na sección de Arte Rupestre deste blogue, descritos polo arqueólogo Lukas Santiago.




[…] catalogados da Carrasca. Os mesmos aos que se lles dedicou neste blogue o artigo titulado “Os petroglifos da Carrasca, en San Xulián“. E o motivo desta imaxe é unha tala de madeira realizada a escasos metros deste conxunto […]
By: TALA DE MADEIRA A CARÓN DOS PETROGLIFOS DA CARRASCA | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 09/04/2014
at 23:33