
A Asociación Cultural Almuinha organizou unha andaina ata a lagoa de Castiñeiras seguindo a senda do río Lameira. Fíxose o percorrido inverso ao sentido da auga: dende a desembocadura ata cerca do seu nacemento. E na Ponte Zapal de Marín pasamos a carón do último treito descuberto, onde o río aínda conserva parte da súa esencia; porque dende aí ata o mar discorre soterrado, oculto coma a vergoña e convertido por desgraza nunha máis que presumible cloaca.
O roteiro continuou a bo ritmo en dirección á senda fluvial do Sequelo, acondicionada con cartos europeos. Agardábannos imaxes de moita beleza, nas que non se repara habitualmente. Pero paga a pena ir deténdose a observar certos detalles, facer algo máis que camiñar, poñer os sentidos alerta: observar, escoitar, sentir aromas, texturas…
[Preme en “ler máis” para ver as imaxes e o artigo completo]


Flora de ribeira no río Lameira: a flor amarela da imaxe é espadana (Iris pseudacorus), lirio en castelán. Florece entre maio e xullo en regos, charcas, lagoas e beiras de correntes de auga nas zonas baixas e medias de Galicia. É velenoso para o gando.


Unha vella construcción abandoada a carón do río. Máis arriba visitaríamos a carón do colexio do Sequelo o que é actualmente o único muíño urbán en funcionamento.

…As hortas urbanas, cheas de cultivos.


Tantos miles de euros como se gastaron no proxecto Arela, e non houbo posibilidade -ou sensibilidade?- para retirar as tubarías do cauce fluvial, que quedaron á vista. Fraco favor á estética urbana e á calidade do medio ambiente.

O muíño do Sequelo segue trillando cereais a cotío en pleno século XIX. A estrutura da edificación xa non conserva totalmente a esencia tradicional, xa que ten varios engadidos a base de cemento e materiais de construcción contemporáneos. Pero é unha sorte que siga en pé. Ten a moa tapada para que a fariña non se cisque arredor e caia directamente nun recipiente.




Primula acaulis, en galego cáncaro e en castelán, primavera. Florece entre abril e maio en prados frescos e sombrizos.

…Tamén as violáceas son típicas ao comezo desta estación.

Chegamos a San Xulián logo de subir a costa do Carballal. Paga a pena observar esta perspectiva frontal da igrexa e da reitoral, co Alto da Encavada no monte, ao lonxe. Polo menos, de momento, o polígono industrial proxectado -que se extendería dende a zona do monte Pituco- aínda non é unha realidade que acabe por estragar de xeito irreversible esta paisaxe rural… Seguiremos loitando para preservar este espazo natural fronte aos intereses especulativos e a senrazón!

Pasando as últimas casas, comeza a parte máis agreste do itinerario, con varios saltos de auga debidos ao desnivel. Inscritos nas pedras do camiño fomos atopando moitos gravados modernos de Pepito Meijón.


Desafortunadamente, o que debería ser un bosque autóctono foise convertendo co paso do tempo nun acacial e nun eucaliptal. Sentíase ao lonxe o ruído dunha motoserra que nos fixo lembrar os recentes casos de roubo de madeira no monte veciñal… O resto do camiño será en parte máis doado grazas a que os organizadores da andaina acondicionaron o paso retirando a broza que dificultaba o acceso.

…Imposible permanecer alleos aos problemas: bolsas de lixo de contido indefinido, restos de obra en pequenos montóns cubertos pola vexetación.

Fronte aos verquidos ilegais e a presenza do formigón, río arriba agardaríannos imaxes de moita beleza, espazos cunha maxia especial que paga a pena coñecer.



…Pero seguía o predominio de acacias invasoras.





Pasaron moitos anos dende a instalación destas pontes de madeira, algunhas nun dubidoso estado de conservación pola ausencia de mantemento e a acumulación de restos vexetais que aceleran o deterioro destes pasos sobre o río.







Malia estar marcada como unha ruta de sendeirismo, a senda do Lameira está nunhas condicións francamente difíciles para transitar por ela: hai madeira seca cortada e tumbada interrumpindo o paso das persoas, a follaxe das acacias cobre o camiño e faino esbaradizo, o desnivel a carón do río obriga a pisar con moito coidado para evitar caídas.

As enchentas e rebordamentos do río que causaron os últimos temporais fixeron que moitos plásticos e envases foran arrastrados cara abaixo pola corrente. Recolleríase moito lixo se algúnha entidade pública ou privada tivera a iniciativa de limpar o cauce fluvial.

Outro risco que deixaron os temporais é a inconsistencia dalgúns treitos do camiño: a forza da corrente de auga escavou a terra e ensanchou algúns recodos do río creando pequenas grutas. Cómpre poñer os pés onde non haxa perigo de que o chan se derrumbe.


Xa no camiño de volta, a cara e a cruz. A cara, a capacidade rexeneradora da natureza a través das flores de abrótega (Asphodelus lusitanicus). Atópase entre abril e xuño, en terreos degradados que arderon previamente. A cruz, a acción destructiva da humanidade empeñada en converter o monte nun vertedoiro: uralitas con amianto e outros materiais contaminantes, e máis residuos que irían aparecendo: inodoros, neumáticos, caldeiros vellos…

Foi moi positivo ter sido partícipes deste percorrido pola senda fluvial do Lameira, da man de Almuinha. Pola oportunidade de achegarnos a un espazo bastante descoñecido, moi falto de divulgación e necesitado de coidado. O Concello de Marín e a Comunidade de Montes de San Xulián, na parte que lles corresponda, deberían colaborar na mellora e na posta a punto deste espazo tan interesante.



[…] río Lameira e chegaba ata o Lago de Castiñeiras. Repetíase un itinerario no que xa participamos en 2014, convocado pola mesma […]
By: DEPORTE vs. NATUREZA (II) | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 10/05/2016
at 20:50