Publicado por: MontePituco | 12/03/2014

ROUBO DE MADEIRA NO MONTE PITUCO

Tala ilegal de piñeiros no Monte Pituco.

Hai uns días, nunha das andainas habituais que realizamos polo alto do Pornedo, decatámonos de que algo faltaba na paisaxe. Debido aos últimos temporais, máis dunha árbore acabou tumbada no chan pola forza do vento. Pouco duraron os seus restos, porque axiña algúns veciños deron boa conta do toro máis groso, deixando -para ben ou para mal- as pólas ciscadas e murchando sobre o terreo: materia orgánica coa que alimentar o solo e, ao mesmo tempo, combustible seco que supón un perigo cando o calor comece a apretar.

Efectivamente, o que botabamos en falta eran árbores, piñeiros, para sermos máis exactos. Había menos exemplares malia que nas últimas semanas non houbera máis cicloxéneses. Axiña descubrimos que debaixo dos montóns de pólas que atopamos amoreadas en puntos concretos do monte, estaban agochadas as bases das árbores que os ladróns de madeira foran talar sen a pertinente autorización da Comunidade de Montes.

Tala ilegal de piñeiros no Monte Pituco.

Sospeitamos que os autores deste roubo de madeira puideron ser profesionais do sector madeireiro; é unha teoría que barallamos tendo en conta as marcas que deixou a maquinaria coa que subiron e baixaron pola ladeira, impropias dun simple tractor. É un roubo no que participou, sen dúbida, máis dunha persoa, incapaz de mover por si mesma as pezas de madeira sustraídas. Quizais os responsables deste expolio se axudaron con ganchos para erguer as toradas, o que reforzaría a hipótese da súa (pseudo)profesionalización.

Coas fotos que acompañan esta crónica acudimos á Comunidade de Montes de San Xulián para entregarllas á directiva e informarlles duns feitos que son denunciables ao supoñer que os comuneiros quedan privados duns bens colectivos. Alguén se apropiou, no seu propio beneficio, dunha madeira que non lle pertencía e que non tiña dereito ningún a tumbar, deixando a zona, por riba, chea dos restos dunhas árbores que cando menos cumprían unha función ambiental.

Tala ilegal de piñeiros no Monte Pituco.

Na Comunidade de Montes de San Xulián confirmáronnos que os roubos de madeira están proliferando na contorna e que xa hai polo menos un veciño denunciado. As sancións económicas aos autores seica acadan os 3.000 euros. Na outra cara da moeda, tamén nos recoñeceron que están aumentando as solicitudes dos veciños e veciñas que se dirixen á Comunidade -como debe ser- solicitando autorización para acudir ao monte a recoller madeira caída coa que abastecer caldeiras e cociñas de leña.

Pero a Comunidade de Montes de San Xulián non é a única afectada por este mal que xa está tornando endémico. Na comunidade lindante de Salcedo, a directiva está controlando de xeito especial os movementos que se producen no seu monte ata o extremo de ter collido “coas mans na masa”, practicamente, a persoas alleas a esa comunidade carretando madeira fóra dos límites que lles pertencían. Por desgraza, eses mesmos directivos confirmáronnos tamén que algúns dos denunciados son veciños da parroquia de San Xulián, o que sen dúbida é un exemplo de pésima conducta.

Tala ilegal de piñeiros no Monte Pituco.

Na edición local de La Voz de Galicia xa se informaba, o pasado 15 de febreiro, da preocupación nas comunidades de Montes de San Xulián e mais Santo Tomé, de Marín, e Santa Cristina, de Vilaboa, por esta práctica de rapiña que sumaba unhas 100 toneladas de eucalipto sustraídas nos montes da bisbarra do Morrazo: “Roban cien toneladas de madera de montes de O Morrazo“.

Na Comunidade de Montes de San Xulián tomaron nota da situación que detectamos e comprometéronse a solicitarlle ao garda forestal que incremente a vixiancia nesa zona. Agardamos non ter que dar conta de máis talas ilegais no Pituco.


Respostas

  1. e ninguen do pobo escoitou as motoserras? iso cheira moi pero que moi mal.

    • Eu non lle sei se cheira mal ou se arrecende a rosas. Despois duns cantos anos aturando excusas noxentas para non pór en valor o patrimonio arqueolóxico, ou para negarse a recoñecer evidencias técnicas irrefutables sobre o despropósito do parque empresarial proxectado, comprenderá que a nosa pituitaria estea algo “confundida”. Igual, como mecanismo de autodefensa, o sentido do oído volvéusenos tamén algo recio para non escoitar as críticas inxustificadas e as calumnias dos pro-polígono. En cambio, a vista furrúlanos de marabilla e o que puidemos comprobar, para desgusto noso, é que os amigos do alleo xa non respetan nin as árbores.

  2. […] se denunciou recentemente nun artigo titulado ROUBO DE MADEIRA NO MONTE PITUCO. Por esta acción xa foron identificados e sancionados varios veciños, algún da propia parroquia […]


Deixa unha resposta a S.O.S. MONTE: RESIDUOS PERIGOSOS, RISCOS DE SEGURIDADE, ROUBO DE MADEIRA | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) Cancelar a resposta

Categorías