Nestes días, grazas ás redes sociais, puidemos coñecer máis sobre o Monte Pituco ao mesmo tempo que tamén dabamos a coñecer a moita xente un elemento máis da riqueza deste espazo natural ameazado polo proxecto de instalación dun polígono.
Atopamos no val do Alto do Pornedo un estraño casulo que resultou ser a ooteca dunha mantis relixiosa, chamada en galego barbantesa. Trátase dun grumo escumoso -unha auténtica obra de enxeñería- que este insecto segrega polo abdome para depositar os seus ovos chegado o outono. Endurécese en contacto co aire, protexendo as crías do frío e da humidade ata o momento da eclosión. Máis só unhas poucas crías que se forman neses 200-300 ovos chegarán a sobrevivir.
Anxo Rodríguez Lemos deunos unha interesante información antropolóxica relacionada con este casulo, que seica era utilizado na menciña popular como potente amuleto, ao atribuírselle virtudes afrodisiacas e esconxuradoras. Tamén se usaba para sandar a tose e combater a inhibición nas bestas.
Por “Sendeiros en Galicia” soubemos que a presenza da barbantesa no Monte Pituco é unha mostra da calidade deste habitat.
Tiñámola documentada, camuflada entre a vexetación; agora xa temos máis información sobre o seu ciclo vital.
Dende DEFENDE O MONTE PITUCO, grazas a cantos contribuíron a enriquecer a nosa loita na conservación deste lugar.
Deixar unha resposta