Publicado por: MontePituco | 21/02/2014

DA DEFENSA DO MONTE Á DEFENSA DA PRAIA

Praia de Aguete co Clube Náutico ao fondo.

Tivo unha excelente resposta por parte da veciñanza a convocatoria da Agrupación Cultural Ronsel na Casa de Cultura de Seixo para expoñer a súa preocupación ante a intención da Xunta por volver actuar no porto deportivo de Aguete tralas queixas do Clube Náutico polas incidencias que causaron nas súas embarcacións os últimos temporais. Cun enfoque construtivo, Antón Pousada e Xosé Vilas expuxeron alternativas, non incidiron nos problemas presentes e futuros senón nas posibles solucións ao deterioro que vén arrastrando este areal dende hai anos a raíz dunhas obras desafortunadas que alteraron a dinámica natural das correntes mariñas e, en consecuencia, a fisonomía da praia.

Nesa xuntanza organizouse unha comisión que vai solicitar entrevistas coa alcaldesa de Marín, cos responsables de Costas do Estado e outros organismos competentes na materia para advertirlles que a ampliación do porto deportivo acabará de arruinar completamente a praia. Ronsel tamén tratará de persuadir a Asociación Deportiva Chirleu, algún de cuxos directivos se posicionou a favor das obras.

…Para non variar, a “promesa” dos postos de traballo, a aposta polo “progreso” e o impulso económico que experimentaría a zona volven ser os argumentos que esgrimen os promotores deste tipo de agresións urbanísticas e ambientais. Sucede no caso do polígono proxectado no Pituco e volve suceder tamén en Aguete. O monte e o mar, unidos agora ante o choque de intereses entre os que poñen a cenoria diante dos nosos fuciños para que “traguemos” as bondades/milongas que nos venden, e os que temos razóns abondo para defender a conservación destes espazos ameazados polas unhas ideas irresponsables de bombeiro-toureiro que non pensan no futuro, senón no beneficio inmediato duns poucos.

A terra do Monte Pituco solidarízase coa area da praia de Aguete. E animamos as persoas interesadas na protección deste areal a colaborar na campaña de recollida de sinaturas impulsada por Ronsel co seguinte texto:

A praia de Aguete é un dos atractivos naturais máis preciados que temos na zona de O Campo, Santomé e Seixo, boa proba disto son os miles de persoas que durante a tempada do verán acuden a disfrutar dos seus encantos, xerando importantes ingresos no sector turístico do noso Concello. A construción do novo porto a principios dos anos noventa do pasado século pensouse que podía reforzar este atractivo, pero desafortunadamente non foi asi; o proxecto que deu orixe ao actual porto trouxo como consecuencia un basculamento da area da praia cara á rada do porto, dando lugar a un doble efecto negativo: a destrución da praia e a inseguridade do porto por perda de calado. Catro anos despois de rematar as obras do porto xa bascularan cen mil metros cúbicos de area, e todos os estudos que se fixeron para aumentar a seguridade do porto indicaban que o impacto da ampliación do porto sobre a praia sería elevado, propiciando o seu basculamento cara a darsena deportiva e a erosión do extremo este; máis da metade do basculamento total da praia tería lugar en 5 anos (Documento “ESTUDIO DINÁMICA DO LITORAL POLA PROLONGACIÓN DO DIQUE DE ABRIGO DO PORTO DE AGUETE”).

É importante reseñar que en dous apartados do proxecto do actual porto, decíase explicitamente que as obras non terían incidencia sobre a estabilidade da praia porque o porto ía asentado sobre unha restinga natural e o pantalán de abrigo era flotante. A día de hoxe podemos decir que algo fallou nese proxecto, pois cada ano a praia ten menos area e nos temporais de inverno as ondas, que antano eran neutralizadas por esa area, agora descargan a súa enerxía máis arriba rebentando todo o que se lle pon por diante, polo que acabarán por derrubar a freixada ou valo que sustenta o monte e as fincas como xa está acontecendo en puntos concretos da praia.

Á vista dos estudos feitos e dos efectos reais que se observan, as persoas abaixo asinantes demandamos das autoridades competentes:

a) Que revisen o proxecto que deu lugar ao actual porto de Aguete e corrixan os fallos que provocaron a desfeita da praia, para que de forma natural a area volva ao seu lugar de orixe, mellorando deste xeito o calado do porto e a súa seguridade e a propia praia.

b) Que fagan as obras necesarias para esa corrección non incrementando ou ampliando o porto por estar desaconsellado nos estudos xa feitos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: