Publicado por: MontePituco | 17/02/2014

EN PRAZA, SOBRE O MONTE MULTIFUNCIONAL

Na Comunidade de Montes de San Xulián non se practica o concepto do monte nultifuncional. Por descoñecemento ou por falta de vontade. Máis do segundo que do primeiro. Mentres que aquí predomina un criterio economicista moi simple e o monte enténdese como unha máquina de facer diñeiro fácil: monocultivo de eucaliptos, expropiación de terreos… Noutras comunidades diversifican, explotan diversas facetas e multiplican as posibilidades de rendemento económico: madeira, cogomelos, gando, sendeirismo, patrimonio rupestre… Na reportaxe que publica o diario dixital Praza Pública danse as claves dun monte sostible, un monte con futuro.

Monte Pituco.

Aproveitamento multifuncional: O futuro do monte

Marcos Pérez Pena

“El modo de cultivar los montes lo saben mejor que yo los labradores, como verdaderos académicos de la agricultura”. Así o escribía D. Pedro Simón Sánchez de Ulloa, nun informe elaborado en 1767 para a Academia de Agricultura de Galicia, un recoñecemento da xestión do monte realizada polos veciños que tamén recollía a Deputación de Lugo en 1862 noutra análise do territorio: “La propiedad de estos montes no pertenece a nadie exclusivamente, su aprovechamiento es de todos los vecinos, y este derecho es tan antiguo como la sociedad”. Dende entón o monte galego mudou moito, e tamén a sociedade que se asenta nel. O monte ocupa unha extensión maior e está máis parcelado, os montes comunais teñen menos importancia, e en xeral semella que se produciu un divorcio entre as explotacións agrarias e o monte, sometido ademais a unha maior presión económica.

Entre os moitos debates e análise que se teñen feito sobre a xestión dos montes, sobre todo ligados á necesidade de buscar solucións aos incendios que cada ano arrasan milleiros de hectáreas, unha das conclusións que sempre se repiten é a de que o monte que traballa, o monte que é produtivo, o monte que xera riqueza, arde en moita menor medida que o monte improdutivo. Neste senso, investigadores, comuneiros e outras entidades e colectivos promoven unha xestión do monte sustentable e baseada en múltiples usos máis aló da produción de madeira, que os converta ademais en xeradores de riqueza, un aproveitamento multifuncional no que a produción de castañas e cogomelos, a apicultura, a biomasa, o turismo ou o pastoreo de distintas especies animais adquiren unha renovada importancia.

Son explotacións multifuncionais do monte onde o elemento clave son as persoas desa comunidade, sendo así experiencias cooperativas e especificamente locais, e por suposto atenden a unha explotación sustentable e equilibrada do medio

Algunhas das iniciativas máis salientables a este respecto proceden das comunidades de montes, das experiencias produtivas innovadoras nos montes comunais, como as denomina Xabier Simón, profesor e investigador da Universidade de Vigo. Son explotacións multifuncionais do monte onde o elemento clave son as persoas desa comunidade, sendo así experiencias cooperativas e especificamente locais, e por suposto atenden a unha explotación sustentable e equilibrada do medio. Todas elas atenden a unha infraestrutura global contra o lume diversificando os usos do monte e potenciando o emprego local para implicar á comunidade de veciños. O pasado mes de outubro o Instituto de Estudos Miñoranos e a Universidade Menéndez Pelayo organizaron unhas xornadas sobre a Explotación Multifuncional do Monte e a súa achega ao desenvolvemento rural.

De igual xeito, a Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común sinalou en varias ocasións que a dirección que tivo nos últimos decenios a explotación do monte, dedicado unicamente á obtención de madeiras de rápido crecemento, causou un empobrecemento dos solos e unha perda alarmante diversidade biolóxica, ademais de facilitar e propiciar os incendios. Durante a ditadura, usurpados os montes comunais a partir de 1941, triunfa unha determinada opción arborizadora, que muda a paisaxe e que segrega o monte do complexo agrario, converténdoo nun espazo alleo e non poucas veces hostil á sociedade rural. A recuperación dos montes en man común a partir dos últimos setenta non impediu que o espazo arborado seguise medrando a través de convenios coa Administración autonómica, políticas europeas, ou a expansión espontánea polo abandono do monte.

Durante o Bipartito “puxéronse en marcha planos de explotación multifuncional do monte onde as actividades ligadas ao sector forestal tradicional foron relativizadas polo impulso dado aos aspectos ambientais, paisaxísticos, gandeiros e de producións non madeireiras”

A excepción, se cadra, estivo nos catro anos de xestión do goberno bipartito, como salientou Alberte Blanco nun artigo publicado hai uns meses en Praza: “puxéronse en marcha planos de explotación multifuncional do monte onde as actividades ligadas ao sector forestal tradicional foron relativizadas polo impulso dado aos aspectos ambientais, paisaxísticos, gandeiros e de producións non madeireiras, accións que contaban por vez primeira cunha importante dotación orzamentaria”. Ademais, engadía, “atacouse de cheo un dos problemas endémicos do monte e, por extensión, do rural galego que é o minifundio. Para iso puxéronse en marcha en 2007 as Unidades de Xestión Forestal que tiñan como obxecto a concentración voluntaria de propiedades para unha explotación racional dos seus recursos. Esta acción tiña como obxectivo frear o abandono mobilizando os propietarios, comunais e particulares, e poñer ao seu alcance a posibilidade de conseguir explotacións multifuncionais rendibles dentro duns parámetros forestais de prevención e explotación diversificada do territorio”.

Outros investigadores e colectivos poñen o foco na necesidade de mellorar os procesos de certificación forestal e en investir o I+D+i, como salientaba hai unhas semanas Alberte Piñeiro nesta entrevista, ou tamén Gabriel Toval (Centro de Investigación Forestal de Lourizán), para quen “a investigación forestal debe enfocarse como apoio á planificación, xestión e control das actividades forestais, para asegurar a mellora e sostibilidade do recurso”. Ou tamén nos procesos cooperativos, que axuden a limitar os obstáculos xerados pola excesiva fragmentación da propiedade do monte, que moitas veces dificulta a posta en marcha de actividades alternativas á explotación madeireira de especies de rápido crecemento. Este é un problema que non existe nos montes comunais, cuxas parcelas teñen unha extensión media de 235 hectáreas, fronte ás 0,22 hectáreas que miden como media as parcelas de propiedade privada.

Algúns exemplos

En Figueiras (Mondoñedo), este aproveitamento baséase no pasto comunal, a explotación de cogomelos e a explotación de mel.

En Zobra (Lalín), o monte emprégase para unha explotación gandeira de vaca rubia galega e cachena e tamén constitúe un gran xerador de riqueza a través do turismo rural e de varias rotas de sendeirismo.

Pola súa banda, en Cabeiras (Arbo), os comuneiros levan a cabo un aproveitamento da madeira e dende 2004 contan cunha certificación de monte sustentable. Ademais, son conscientes da importancia dunha xestión completa do monte, da implicación dos veciños e do aproveitamento da biomasa para reducir así o risco de sufrir incendios e tamén a súa incidencia; de igual xeito, potencian a boa xestión do monte privado que rodea en multitude de sitios ao monte comunal.

De igual xeito, no monte de Vincios (Gondomar), como xa destacamos nunha ocasión en Praza, ao falar de Cartografías Sensibles, destacan tanto o aproveitamento de madeira de piñeiro coma a explotación de frondosas que esta comunidade de montes deu en alugueiro a unha empresa de explotación de madeiras nobres. Tamén a gandaría, con explotacións de ovellas, vaca rubia galega e tamén cabras. E o turismo, coa posta en valor das varias covas e mámoas existentes na zona. Ademais en Vincios está prevista a explotación de biomasa forestal para compost.

Mentres, en Couso (Campo Lameiro), ademais dunha importante explotación de castiñeiros e castañas, apostouse polo aproveitamento turístico a través de rotas de sendeirismo deseñadas e sinalizadas pola propia comunidade, e do coidado e promoción do patrimonio arqueolóxico: o petróglifo do Sobral, o castro do Facho de Riba, ou as mámoas do Outeiro da Pipa que xa lindan coa parroquia de Malvas.

Finalmente, en Mouriscados (Mondariz), practícase a silvicultura de piñeiros e frondosas, explótanse cogomelos de micorrización, froitos do bosque con rego á pingueira (framboesas, grosellas e arandos), teñen 180 colmeas de abella, contan con varios roteiros de sendeirismo e crían porcos celtas debaixo dos castiñeiros. Ademais, puxeron en práctica algún dos consellos de Antonio Rigueiro, profesor da USC en Lugo, que leva anos investigando as formas máis eficientes para xestionar o sotobosque; Reigueiro chegou á conclusión de que o desbroce supón un gasto de 240 euros por hectárea e ano, e por iso propón a limpeza mediante animais: porco celta, cabra, cabalo ou vaca, algo que cumpren en Mouriscados con once cabalos de raza cabalo galego de monte.

Monte Pituco.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: